Auditorio de Galicia
O Auditorio de Galicia inaugurouse o 20 de outubro de 1989 coa vontade de consolidar a oferta cultural da capital de Galicia e convertelo no centro, por excelencia, para a recepción das manifestacións culturais que a cidade xera. Converteuse en punto de referencia obrigada para a cultura musical e artística de Galicia.
Este recinto polivalente, cun suxestivo espazo arquitectónico proxecto de Julio Cano Laso, participa dunha situación intermedia entre o urbano e o paisaxismo natural, no que se expresa a intención de exaltar os grandes muros de pedra como valor intemporal da arquitectura galega, constante en todo o edificio, que se acrecenta co contraste e brillo das galerías acristaladas, rodeado de amplas zonas verdes e un lago artificial.
O extraordinario deseño acústico de Lothar Cramer permitiu desenvolver en condicións inmellorables, ao longo destes máis de 20 anos, unha intensa e rica actividade cultural que inclúe ópera, teatro, danza, concertos, exposicións, etc.
Nome: Auditorio de Galicia
Sigla:
Tipo: Auditorios; Salas de exposicións
Datas (Fundación): 1989
Fundador:
Sede: Auditorio de Galicia
Dirección: Avenida do Burgo das Nacións s/n
15704 Santiago de Compostela
Coordenadas: 42°53'22"N, 8°32'40"W
Teléfono: 981 55 22 90
Páxina Web: https://www.compostelacultura.gal/portalinstitucional/espazos-escenicos/auditorio-de-galicia
Entidade Superior: Concello de Santiago
O Auditorio de Galicia conta con catro salas:
Sala Ángel Brage
É a sala principal do auditorio. Trátase dun espazo con capacidade para 1.002 espectadores acondicionado para acoller representacións teatrais, ballet e ópera, así como concertos de música sinfónica e para a organización de congresos.
Sala Mozart
É unha pequena sala con capacidade para 260 espectadores destinada entre outras actividades a concertos, conferencias e ensaios teatrais. Como é unha sala independente pódese usar á vez que as outras salas.
Sala Isaac Díaz Pardo
Este é un espazo de 1.000 m² de forma irregular destinado ás exposicións.
Sala Circular
É a máis pequena das salas. Ten capacidade para 50 persoas e está destinada á celebración de coloquios, conferencias de prensa ou presentacións.
Tamén cómpre destacar que dende 1996 o Auditorio de Galicia é a sede permanente da Real Filharmonía de Galicia, dirixida actualmente polo británico Paul Daniel.
Bibliografía:
Compostela Cultura, Auditorio de Galicia https://www.compostelacultura.gal/portalinstitucional/espazos-escenicos/auditorio-de-galicia [consulta 26 de maio de 2020]
Auditorio de Galicia. (26 de setembro de 2019). Galipedia, a Wikipedia en galego. Consultado o 26 de maio de 2020 ás 10:51 en https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Auditorio_de_Galicia&oldid=5263887.
Imaxes:
Enlaces a datos e catálogos