Lois Tobío

1.Lois Tobío

Lois Tobío, naceu o 13 de xuño de 1906 en Viveiro (Lugo), no seo dunha familia de clase alta. Era fillo de Lois Tobío Campos, un mestre, escritor, poeta e conferenciante polifacético interesado nas novidades educativas da época e partidario da interdisciplinariedade. Era membro da Real Academia Galega.

A súa nai, Mélida, proviña dunha familia fidalga de Viveiro. Tamén era bisneto de María Xosefa Martínez Viojo, tía paterna de Rosalía de Castro. Este ambiente familiar tivo unha influencia notable na primeira etapa de formación de Lois Tobío, con intensas relacións coa realidade galega1.

Nome completo: Lois Tobío Fernández

Datas: 1906-2003

Lugares: Viveiro-Santiago de Compostela-Montevideo-Madrid

Campo de actividade: Literatura; Xornalismo; Tradución

Grupo asociado:

Ocupación: Escritores; Xornalistas; Tradutores

Lingua: Galego

- Formación académica: estancia en Compostela

Tras botar a súa infancia en Viveiro, onde compartíu puputre na escola con fillos de mariñeiros e do señorío, trasladouse a Santiago de Compostela coa súa familia, os seus oito irmáns, para cursar o bacharelato no Instituto General y Técnico, ingresando posteriormente na Universidade para cursar Dereito.

Durante o curso estaba en Santiago e polo verán en Viveiro pois naqueles tempos, para facer a viaxe de Viveiro a Santiago tardábase case un día enteiro de viaxe, alternando autobús e ferrocarril. Nos veráns, elaborou a catalogación da documentación municipal de Viveiro.

1.Lois Tobío
  • O Seminario de Estudos Galegos

No ano 1922, facendo o curso preparatorio de Dereito, fíxose amigo dalgúns fundadores do Seminario de Estudos Galegos. De feito, recibíu clases de lingua e literatura española do profesor Armando Cotarelo Valledor e entre os seus compañeiros de promoción estaban Fermín Bouza Brey, Xosé Filgueira Valverde, Ramón Martínez Lopez ou Manuel Magariños.

No outono de 1923, da man do profesor Wenceslao Requejo Buet, foi un dos nove fundadores dun ateneo, unha institución, unha escola de investigadores, ao que Cotarelo Valledor, denominou: Seminario de Estudos Galegos. Tobío, ingresou no Seminario cun traballo sobre “Algunhas moedas castelás atopadas no Valadouro” e exerceu como secretario de Actas da institución ata marzo de 1928. Pois, aquí foi onde comezou a facer e publicar os seus primeiros estudos culturais e investigacións históricas, en parte co apoio de Pablo Pérez Costanti, arquiveiro do Concello de Santiago2.

Tamén acostumaba a asistir a parladoiros coas súas amizades no Café Estañol, no que se falaba de literatura, arte e sobre todo, de política; ou tamén na libraría de Arturo Cuadrado, onde había parladoiros aos que tamén asistían Ánxel Fole, Álvaro Cunqueiro, Eduardo Blanco Amor ou Fermín Bouza Brey.

No ano 1927, despois de obter o premio extraordinario de licenciatura, malia querer facer oposicións para notario ou rexistrador, aceptou a proposta de traballar como axudante de cátedra de Dereito Administrativo, dirixida polo profesor Xoaquín García Lobella, encargándose, de paso, de por en servizo a biblioteca da Facultade.

No ano 1928, fixo o servizo militar en artillería en Santiago.

En 1929 accedeu a unha bolsa para proseguir os seus estudos de Ciencia Política en Berlín, onde fixo amizade nos parladoiros con Francisco Ayala, Felipe Fernández Armesto e o lingüísta Xosé Canedo.

En 1930, volveu a Galicia para incorporarse en outubro tras gañar por oposición a praza de Profesor Auxiliar de Historia do Dereito e de Dereito Romano na Universidade de Santiago.

- II República (1931-1939) e Guerra Civil (1936-1939)

Trala proclamación da República o 14 de abril de 1931, Tobío e a sección que coordinaba no Seminario decidiron redactar un Anteproyeito de Estatuto da Galiza, que deu pé ao Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936. O grupo de traballo, formárono Alexandre Bóveda, Ricardo Carvalho Calero, Valentín Paz-Andrade, Vicente Risco e Tobío. Os encargados de redactalo foron Ricardo Carvalho Calero e Lois Tobío. O Anteproyeito publicouse o 6 de maio de 1931. Neste mesmo ano, tamén foi membro fundador do Partido Galeguista.

No inverno seguinte, Tobío trasladouse a Madrid para preparar o doutoramento e alí coincidíu cos deputados galeguistas: Castelao, Otero Pedrayo e Villar Ponte.

No ano 1932 aprobou as oposicións á carreira Diplomática e en 1933 realizou varios cursos e viaxes por países europeos, sendo nomeado en decembro dese ano, secretario na Embaixada de España en Bulgaria, posto no que se atopaba en Sofía, cando se producíu o Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936.

No ano 1936 pasou a formar parte do Consello Director do Seminario, en calidade de conselleiro permanente e como director da sección de Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas.

En 1937 foi nomeado Cónsul de primeira no Consulado Xeral de Montevideo, pero continuou en Sofía (Bulgaria) en comisión de servicio. Nese mesmo ano, trasladouse a Valencia, onde estaba o goberno da República para formar parte do Ministerio.

En 1938 loitou na fronte do Ebro e foi nomeado secretario xeral do Ministerio do Estado.


- Exilio

No ano 1939 casou con María del Carmen, Melu, comezando xuntos a súa andaina no exilio. A primeira parada foi en Francia e logo embarcaron rumbo a América, pasando por Nova York, -onde estivo con Castelao- e logo a Cuba, onde fundou a Escola Libre da Habana.

En xaneiro de 1940 chegou a México onde estivo 6 meses exercendo como profesor no Instituto Hispano-Mexicano “Ruíz-Alarcón”. En xuño do ano seguinte, instalouse en Montevideo onde residíu ata o ano 1963, cando se instalou en Madrid. En Montevideo, comezou a traballar no xornal El Día e no ano 1944 conseguíu o traballo de redactor permanente, onde facía análise e información de ámbito internacional.

O 30 de xuño de 1945 fundouse o Consello da Galiza, do que foi o principal ideólogo e nese mesmo ano naceu o seu primeiro fillo, Miguel.

No ano 1947, asumindo que a fin da II Guerra Mundial non ía conlevar a fin do franquismo, entrou a traballar na multinacional farmacéutica suíza Roche e en 1949 obtivo a cidadanía uruguaia.

En 1959 colaborou na emisión semanal radiofónica, en galego, de “Sempre en Galiza”, que se emitía en Radio Carve.

No ano 1954 naceu a súa filla Constanza e nese ano participou na delegación galega que entregou nunha xuntanza da UNESCO o informe: Unha denuncia pola perseguizón do idioma galego polo Estado español.

En 1955 convertíuse no primeiro accionista do Banco Galicia en Montevideo, sendo un dos seus creadores.

No ano 1956, participou na organización e redacción do Manifesto, Temario do I Congreso da Emigración Galega, celebrado en Bos Aires, pois sempre mantivo contacto cos outros exiliados galegos e, sobre todo, cos intelectuais galegos que estaban na Arxentina. E ao longo da súa estadía en Montevideo foi socio da Casa de Galicia, o centro máis importante de galegos no país e participou en numerosos actos e visitas a Castelao, mais tamén se integrou na sociedade uruguaia, presidindo o centro de equitación de Montevideo.

- Regreso a España

No ano 1963, regresou a Galicia.

En 1964 regresa a Viveiro, despois de 30 anos de ausencia.

No ano 1973 xubílase na empresa Roche.

En 1974 reingresou na carreira diplomática do Ministerio de Exteriores ata a súa xubilación en 1976.

En 1978 celebrou en Santiago as Vodas de Ouro da promoción 1927-1928 da licenciatura en Dereito.

No ano 1979, preside o novo Seminario de Estudos Galegos,

En 1986 finou a súa muller, Melu.

No ano 2000 ingresou no Consello Asesor do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional)

Así pois, nos últimos anos da súa vida, malia que residía en Madrid, regresou a miúdo a Galicia para participar en exposicións e homeaxes ao Seminario de Estudos Galegos, do que exerceu como presidente a partir de 1979 cando foi reinstaurado xa na época democrática. No ano 1989 convertíuse no Presidente do Consello do Seminario de Estudos Galegos; participou no Congreso de Castelao e en actos en memoria de Eduardo Blanco Amor, presentando obras de amigos, dando conferencias, escribindo libros sobre o conde de Gondomar e acudíndo tódolos veráns, sempre que a saúde llo permitía, a Sargadelos, para participar en reunións culturais, ata a súa morte, o 12 de marzo de 2003 en Madrid aos 96 anos3.

Obra

Iniciou o seu labor cultural coa fundación e publicación da revista universitaria Adral.

En 1926 comezou a publicicación en El Pueblo Gallego dun Vocabulario popular galego-castelán, xunto con Filgueira Valverde, Manuel Magariños Negreira e Cordal Carús.

Nos últimos anos da súa vida, a súa obra xira entorno á figura do diplomático galego, o conde de Gondomar.

En 1955 publica Gondomar, bon galego.

En 1974, publicou Gondomar y su triunfo sobre Raleigh, o seu primeiro libro sobre o conde de Gondomar.

En 1984 publicou A intervención de Gondomar nos problemas internacionais da pesca.

En 1987 publicou Gondomar y los católicos ingleses.

En 1994 publicou as súas memorias, As Décadas de T.L.

- Traducións

No ano 1942 publicouse a súa primeira tradución: a Teoría del Estado de Hermann Heller.

No ano 1956 recibe o encargo da edición e impresión da Historia de Galiza de Ramón Otero Pedrayo.

En 1963, rematou a tradución galega de Mutter Courage und ihre Kinder, unha peza teatral de Bertolt Brecht.

En 1980 deu a coñecer en Ediciós do Castro a versión galega de Os sonetos de Orféu, de Rainer María Rilke.

En 1997 publicou a versión galega de Fausto de Johann Wollfang von Goethe.


Galardóns

Recibíu un premio da Caixa Postal de Aforros por ser o estudante co mellor expediente da Universidade de Santiago e o premio da Fundación Fernández Carril, no ano 1934, que se outorgaba anualmente ao estudante de Dereito que se licenciase co mellor expediente.

Obtivo o título de avogado coa cualificación de “Sobresaliente e Premio extraordinario”.

No ano 1946, a Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires premiou as súas traducións poéticas, xunto con Plácido Castro e Delgado Gurriarán.

En 1958 obtivo a credencial de tradutor da ONU.

En 1984 o Padroado do Pedrón de Ouro outorgoulle o Pergameo de Honra e Loubanza.

En 1991 a Fundación Otero Pedrayo condedeulle o seu galardón anual, o Premio Trasalba.

En 1997 a Corporación Municipal de Viveiro concedulle a Medalla de Honra.

No ano 1999 recibíu o premio das Artes e das Letras de Galicia.

No ano 2001 recibíu unha homenaxe no Ateneo de Madrid e nese mesmo ano o concello de Gondomar púxolle o seu nome ao auditorio municipal.

En 2002 recibíu o Premio de Traducción Plácido Castro, pola súa versión galega de Fausto

Fillo adoptivo de Gondomar a título póstumo.

Na actualidade, a Aula 8 da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela leva o seu nome.


Referencias

1RÍOS, Xulio: Lois Tobío: o diplomático que quixo e soubo exercer de galego no mundo. Vigo, Ir Indo, 2004. Páx. 5-7

2 RÍOS, Xulio: Lois Tobío: o diplomático que quixo e soubo exercer de galego no mundo. Vigo, Ir Indo, 2004. Páx. 15-16.

3 MASEDA MASEDA, Francisco Fidel: Lois Tobío: o galeguista esquecido. Santiago de Compostela, Lóstrego, 2011. Páx. 50.

Bibliografía

  • Lois Tobío Fernandez Youtube https://www.youtube.com/watch?v=ifNLdxR4QuM&feature=emb_logo (consultado 23 de abril de 2020)

  • Biblioteca Virtual Galega : Lois Tobío http://www.bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=LoiTob%EDo&alias=Lois+Tob%EDo (consultado 23 de abril de 2020)

  • RÍOS, Xulio: Lois Tobío: o diplomático que quixo e soubo exercer de galego no mundo. Vigo, Ir Indo, 2004.

  • MASEDA MASEDA, Francisco Fidel: Lois Tobío: o galeguista esquecido. Santiago de Compostela, Lóstrego, 2011.



Imaxes