Sisnando II

1.Título da foto

Sisnando Menéndez, tamén coñecido como Sisnando II de Iria, foi un nobre galego que ostentou o cargo de bispo da sé de Iria e Compostela entre os anos 952 e 968. Pertencente á familia nobre dos Présares, era fillo de Hermenegildo Alóitez e Paterna Gundesíndez, benefactores da Igrexa e fundadores do Mosteiro de Santa María de Sobrado para atender aos peregrinos no Camiño do Norte. Ademais, posuían grandes propiedades en Galicia e norte do actual Portugal.

O seu protagonismo na historia de Santiago vén dado polo labor que exerceu durante o seu cargo eclesiástico para defender a cidade de Santiago das incursións normandas. Sisnando II morreu en combate contra os normandos na batalla de Fornelos, á beira do río Louro, afluente do Ulla, no ano 968.

Nome completo: Sisnando Menéndez

Datas: ?-968 (Século X)

Lugares:?-Fornelos, Valga, Pontevedra

Campo de actividade: Nobreza; Relixión

Grupo asociado:

Ocupación: Bispos; Militares

Lingua:

  1. Relacións coa Coroa de León

Dada a súa noble procedencia, "este formara parte do entorno cortesán de Ramiro II, xa que debe ser identificado co mesmo nome que figura en varios documentos dos anos 946 e 950 como maiordomus ou ben [...] como prepositus domus sue1". No documento de Odoíno (982) Sisnando Menéndez aparece como bispo minduniense produto da terminoloxía empregada a fins de século, momento no que aparece unha nova denominación ao carón do establecemento da sé de Mondoñedo. No seu nomeamento, á parte da gran influencia que supoñía pertencer á alta aristocracia, o apoio real por parte de Ordoño III (951-956) favoreceu notabelmente o seu novo status na xerarquía eclesiástica.

Esta simpatía non a mantivo co sucesor de Ordoño III, Sancho I o Gordo (956-958 e 960-966), co que mantivo unha inimizade que fixo que fose encarcelado baixo acusación de nepotismo. Segundo a tradición, especúlase que Sisnando II participou no envelenamento e posterior falecemento do rei Sancho I. Tralo suceso destes acontecementos, o bispo foi liberado do seu encarcelamento á altura do ano 966 cando facele o rei leonés. No enfrontamento do bispo co rei, o historiador e medievalista García Álvarez argumenta: "En primeiro lugar, o obispo accedera á dignidade episcopal en base á decisión de Ordoño III, polo que á morte deste, formaría parte da conspiración contra Sancho I, apoiando ao novo rei Ordoño IV, durante cuxo breve reinado Sisnando recibirá do monarca numerosos bens; coa volta ao trono de Sacho, a situación do obispo faise máis complicada, figurando moi poucas veces na documentación2".


Relación con Rosendo de Celanova

Tamén coñecido como Rudesindus Guterri ou Rosendo Gutérrez (907-977), pasou á historia baixo o nome de San Rosendo. Nobre de alta cuna e relixioso galego, foi bispo de Mondoñedo, abade fundador do mosteiro de San Salvador de Celanova e bispo da Sé iriense durante o século X. Uníao con Sisnando II unha relación de parentesco, mais o vínculo familiar hostil e de rivalidade, xunto coa interrelación que mantiñan coa Coroa, determinaron o transcorrer das súas carreiras eclesiásticas.

A inimizade entre os dous primos ten inicio nun preito sobre a lexítima pertenza dunhas pesqueiras do río Tambre. Mentres Rosendo defendía que estas eran propiedade de súa nai, Santa Ilduara, Sisnando opoñíase alegando que lle pertencían á Igrexa de Santiago. A disputa foi procesada xurídicamente en Guimaráns, pero non se chegou un acordo por falta de probas. En lugar diso, solicitouse que cada unha das partes aportase a declaración, baixo xuramento e nun lugar sacro, de catro "hombres buenos". Ante o sepulcro de Santiago Apóstolo, "as testemuñas de San Rosendo, confrontadas cos ósos de Santiago, non se atreveron a xurar que a cuarta parte das pesqueiras do Tambre pertencían a Santa Ilduara. Os de Sisnando xuraron que nunca oíran que en tales pesqueiras, obxecto do litixio, tivese parte outra persoa que non fose a Igrexa de Santiago e os seus obispos3".

No Nadal do 966, destituído e encarcelado Sisnando Menéndez, escapou da cárcere trala morte de Sancho I para atacar e ameazar de morte a Rosendo, quen segundo a tradición popular lle respondeu a Sisnando "quien con hierro anda, a hierro muere". A partir de aquí, Rosendo retirouse a Caaveiro. Tan só á morte de Sisnando II, Rosendo saíu de Caaveiro para ocupar de novo o cargo de bispo da sé de Iria e Compostela.


Defensa e loita contra as expedicións normandas

No contexto das Segundas Invasións, Galicia foi un dos obxectivos das expedicións normandas para o saqueo e conquista dos pobos do norte de Europa. Ante a inminente ameaza que supoñían estas forzas para o desprotexido territorio galego, a Crónica Iriense e a Historia Compostellana fan referencia ao labor de fortificación e defensa das costas galegas e da sé Iriense-compostelá por parte de Sisnando II, un traballo ao que se adicou durante boa parte da súa estancia no cargo episcopal.

No ano 960 fixo construír un castelo sobre o castro de Cedofeita, restaurou as torres de A Lanzada e San Sadurnino e estableceu un sistema de vixianza nas Rías Baixas que fixesen fronte a ataques tanto do interior como do exterior. Tamén facilitou a organización de milicias de voluntariado. Fixo fortificar o Lugar Santo no 960 cunha sólida muralla, que foi ampliada polo obispo Cresconio no século XI, e que Sisnando mandou rodear con fosos anegados con auga. O temor a estes normandos, como se lles coñecía no resto de Europa, quedaba patente nas oracións profesadas nas igrexa galegas: "A furore normannorum, libera nos Domine...". Segundo Victoria Armesto, foi a eco da peregrinación como terra de riqueza o que fixo que os vikingos se fixasen en Galicia. Mesmo chamaban a Galicia "Jakobsland" ou "a terra de Jacobo".

No ano 968 chegou ás costas galegas unha empresa de conquista vikinga capitaneada por Gunderedo (tamén Gunrod ou Gudrød), caudillo vikingo noruego considerado rei do mar (sækonungr) que protagonizou sanguentas incursións na costa norte e leste da Península Ibérica. Dende o establecemento do reino normando en Francia (911), xa se deran episodios de incursións de piratas nórdicos nas rías galegas baixo a práctica de razzias, que amedrentaban á poboación, pero sen maior trascendencia dende o punto de vista de saqueo no que respecta ao interior de Galicia.

Segundo a tradición, para a expedición do 968 partiron cara ás costas cantábricas unhas duascentas naves, das que cen dirixíronse ás rías galegas co obxectivo de chegar a Santiago de Compostela. Dende a ría de Arousa, e remontando o Ulla, desembarcaron no lugar no que máis tarde se levantaron as Torres do Oeste. Este suceso pasou á historia como o desembarco de Catoira.

Non está claro se finalmente conseguiu conquistar Santiago, pero si se ten constancia de que chegaron ata Curtis e queimaron o mosteiro dos Placencio e o de Santa María de Mozonzo; así como que acampou ás portas de Santiago ata que saíu Sisnando II a facerlle fronte en batalla. A animadversión entre a nobreza galega e o trono de León, no que neste momento estaba Ramiro III (966-982) sendo apenas un infante para o cargo que ostentaba, fixo posíbel a incursión vikinga en Galicia, pois non proporcionaron apoio militar suficiente para parar as forzas escandinavas. O campesiñado fuxiu e os arredores de Compostela foron saqueados. Na actualidade, este acontecemento histórico converteuse en festa popular en Catoira, celebrándose cada primeiro domingo de agosto a escenificación dunha invasión vikinga.



Bibliografía

ARMESTO, Victoria, Galicia feudal, Vigo, Ed. Galaxia 1969

ISLA FREZ, Amancio, La sociedad gallega en la Alta Edad Media, Madrid, CSIC 1992

LINEHAN, Peter, Historia e historiadores de la España medieval, Salamanca, Ediciones Universidad Salamanca, 2012


1ISLA FREZ, Amancio, La sociedad gallega en la Alta Edad Media, Madrid, CSIC 1992, p. 85

2ISLA FREZ, Amancio, La sociedad gallega en la Alta Edad Media, Madrid, CSIC 1992, p. 86

3ARMESTO, Victoria, Galicia feudal, Vigo, Ed. Galaxia 1969, p. 117

Enlaces a datos e catálogos