Santiago o Maior, Santo

1.Santiago

Coñecido tamén como Santiago de Zebedeo, o apóstolo Santiago “o Maior” (nome que a historiografía cristiá lle outorga para identificalo fronte ao seu homónimo Santiago “o Menor”) foi un dos doce discípulos de Xesucristo e irmán de Juan “o Evanxelista”.

Fillo de Zebedeo e Salómé, a tradición bíblica di que naceu en Betsaida (Galilea) e foi decapitado en Xerusalén ao redor do ano 44 d.C. polo rei Herodes Agripa I.

Nome completo: Santiago de Zebedeo

Datas: 5-44 d.C.

Lugares: Betsaida, Galilea-Xerusalen, Xudea

Campo de actividade: Relixión

Grupo asociado:

Ocupación: Pescadores; Apóstoles

Lingua:

Formou parte da Igrexa primitiva de Xerusalén, xurdida trala morte de Xesucristo e tivo unha labor predicadora que o levaría a viaxar ata a rexión máis noroeste da Península Ibérica. Considerado como un dos primeiros mártires da Igrexa católica, Santiago “o Maior” é un dos persoeiros históricos máis representativos da cidade de Santiago de Compostela. Os seus supostos restos descansan na catedral de Santiago de Compostela.


  1. Descuberta do sepulcro por Teodomiro e Afonso II: Galicia como escenario idóneo

O seu protagonismo na historia desta cidade comeza coa descuberta da tumba do Apóstolo a partir da intervención político-relixiosa de Afonso II o Casto, rei de Oviedo, e do obispo de Iria Teodomiro, dentro do contexto histórico da integración do territorio de Galicia no reino ovetense. Un evento trascendental dentro dun proceso de integración político-institucional a partir dunha argumentación ideolóxica, da “inventio” da ubicación da tumba de Santiago o Maior que dará comezo á aparición da cidade de Santiago en canto tal a comezos do século IX e que terá a súa máxima expresión no fenómeno do culto aos restos a través da peregrinación a Compostela.

É un momento no que a meirande parte da Península atópase baixo ocupación musulmá, e a antiga provincia romana de Gallaecia supón o único territorio que quedara á marxe do dominio de al-Ándalus; o que a posiciona como o territorio propicio para o achado dun fundamento ideolóxico, capital na lexitimación da Reconquista a partir deste momento.

Por último, a xénese do mito xacobeo atópase tamén dentro da crise do adopcionismo, o que levaría á conformación no territorio da Gallaecia do século IX dunha igrexa nacional e de referencia para os reinos cristiáns no territorio hispánico. Sen embargo, a artificialidade desta descuberta vese refutada polo feito de que as bases ideolóxicas foron establecidas no período anterior ao goberno de Afonso II de man de Teodomiro, no período comprendido entre o 818 d.C e o 847 d.C.

Fontes historiográficas: a construción do mito

Á altura do século VII temos constancia da existencia de documentos que relatan a peregrinación e labor oratoria de Santiago o Maior polos reinos hispánicos, o que fixo que a monarquía ovetense lle outorgase a este a dignidade de patrón de de Hispania. Considérase o ano 813 d.C como a data máis probábel na que o obispo Teodomiro fará pública a descuberta da tumba do apóstolo e terá lugar a construción da primeira igrexa para o culto do santo; esta será a base arquitectónica sobre a que se asentará a catedral de Santiago de Compostela (1075). A fonte máis antiga que fai referencia á presenza do Apóstolo en terras de Gallaecia é o Breviarium Apostolorum (fins do s. VI- comezos do s. VII), un tratado escrito en latín onde se narran as biografías resumidas dos apóstolos de Xesucristo (vida, labor predicativa e enterramento); e cuxa intencionalidade fundamental redunda na explicación da orixe da expansión do cristianismo a partir da peregrinación e predicación de figuras como a de Santiago “O Maior”. Ademáis de identificar ao Apóstolo como fillo de Zebedeo, enuncia “hic Hispaniae et Occidentalia loca predicatur”; isto forma parte da praxe alteracional característica do Breviarium, que obvia aos catálogos greco-bizantinos que non fan mención desta “dispersión apostólica” á Europa Occidental, que pola contra o ubican en Xerusalén. A Historia Compostelana (s. XII), crónica conformada por tres libros nos que se recollen dezaoito manuscritos e realizada por iniciativa do arcebispo de Santiago, Diego Xelmírez, presenta a personalidade de Carlos o Magno (rei nominal dos lombardos, rei dos francos e emperador de Occidente) como o descrubridor oficial e defensor do sepulcro do Apóstolo fronte ao poder de al-Ándalus. Neste relato coincide o Libro IV (L'Historia Karoli Magni et Rotholandi) do Códice Calixtino. De igual importancia é a Epístola do Papa León (primeira metade do s. IX), carta na que, dirixíndose aos hispanos, pon de manifesto por vez primeira a lexitimidade se da noticia do traslado del corpo de Santiago Apóstolo a Santiago; trátase do mito da traslatio, no que segundo esta os discípulos de Santiago traen os restos do evanxelista dende Palestina, onde foi martirizado, nunha barca ata a ría de Arousa, de onde se conduce o corpo ata Santiago. Na Epístola do Papa León, cítase:

Arrojando el cuerpo entero con la cabeza en las afueras de la ciudad, lo dejaron a merced de los perros, las aves y las fieras para que fuera deborado y consumido”.

Na translatio, segundo a historiografía cristiá, “os seus discípulos, aos que el ordeara en vida que levaran o seu corpo a Hispania pra enterralo, recolleron o corpo coa cabeza durante a noite, segundo atestemuña o Papa León, chegaron ata a beira do mar con paso apresurado e, ao buscar alí un barco para facer a viaxe a Hispania, atoparon na praia unha nave que lles fora preparada por Deus [...] e arribaron a bordo do afortunado navío primeiro ao porto de Iria e logo levaron o venerábel corpo ao lugar que entón se chamaba Liberum donum e que agora se chama Compostela1”.

Historiadores como Sánchez Albornoz consideran inverosímil relato bíblico polo feito de que, tendo en conta o período no que supostamente viviu a personaxe a ter conta (s. I d.C), resulta incomprensíbel cómo ditos feitos non se deron a coñecer ata case oito séculos despois. López Alsina “axústase á visión tradicional cando aforma que as fontes arqueolóxicas aclaran a exacta localización do edículo que descubrira Teodomiro, cuxos restos están aínda situados baixo o altar das tres igrexas de Santiago que se foron sucedendo dende o século IX. Richar Fletcher, da súa parte, baseándose nas escavacións realizadas no subsolo da catedral de Santiago [...] aventúrase mesmo a describir o suposto edículo como unha “cella memoriae” ou “martyrium” paleocristián con enterramentos “ad tumbas”, moi semellante a outros moitos existentes na época baixo-romana2”.


  1. O culto a Santiago Apóstol: o fenómeno da peregrinación

Trala identificación de Teodomiro dos restos do Apóstolo, xorden unha serie de enclaves relixiosos ao redor do Lugar Santo ou “lugar de Santiago” (Locus Sancti Iacobi) adicados a alentar o culto á tumba e proporcionarlles hospitalidade aos peregrinos; esta dinámica facilitará a proliferación de contactos culturais e económicos que incentivarán o crecemento da cidade de Santiago dentro contexto histórico do feudalismo.

O culto a Santiago viuse significativamente favorecido durante o reinado de Afonso III (866-910 d.C) e a rexencia episcopal de Sisnando I (888-920). Neste período levouse a cabo a segunda construción dunha nova igrexa, así como se a Sé Apostólica recibiu considerábeis doazóns por parte de aristócratas laicos e nobreza eclesiástica. Ao longo do século XI deuse un significativo crecemento das peregrinacións a Compostela, o que tivo a súa repercusión na construción dun terceiro templo no ano 1075 baixo as ordes do obispo Peláez, sobre os cimentos dos anteriores dous templos: a actual Catedral de Santiago. O culto ao Apóstolo convértese cada vez máis nunha empresa que xenera crecentes beneficios, polo que a Coroa decide promocionar o Camiño a través do establecemento dunha ruta principal (Camiño Francés) e toda unha serie de estacións para a hospedaxe dos peregrinos ao longo do percorrido. O Vaticano, que se viu favorecido polos cuantiosos ingresos e a fama da peregrinación a Compostela como medio para afianzar e acoller adeptos, emitiu a Bula Regis Aeterni de man do Papa Alejandro III no 1179, ratificando o privilexio da cidade apostólica que xa lle outorgara Calixto II no 1120, establecéndose así a dinámica de celebración de Ano Santo ou Ano Xubilar todos aqueles anos nos que coindidira en domingo o día 25 de xullo (festa do Apóstolo Santiago), o que se traduce cada seis anos aproximadamente. A peregrinación foi unha práctica convertida esencialmente en fórmula expiatoria, penitencial da que cada vez se vían máis beneficiados distintos sectores da poboacion, ben moral ou económicamente; e cuxos destinos eran, ademáis de Compostela, Xerusalén e Roma. Ao redor desta, as dióceses e rexións foron articulando as súas particulares prácticas devotas ao redor dun santuario central e cunha figura sacra determinada. O arcebispo de Santiago Juan de Sanclemente e Torquemada (1587-1602), ante a ameaza que representaba o pirata Francis Drake e o seu desexo de saquear a Catedral, ocultou os restos do Apóstolo e mantívoo en segredo ata a súa morte. Isto, máis as devastadoras consecuencias demográficas e espirituais derivadas da Peste Negra (1348), a influencia do luteranismo, e outros motivos de índole política e socioeconómica fixeron que a afluencia de peregrinos a Compostela entrara nunha fase de declive dende o século XIV.

Emporiso, o Camiño de Santiago segue atraendo miles de peregrinos. Segundo datos aportados pola Oficina do Peregrino O Camiño (2010), en 2004 (Ano Santo), chegaron a Santiago 179.944 peregrinos; en 2010 e de novo Ano Xubilar, foron 272.135. O Camiño de Santiago Francés e as rutas francesas do Camiño foron declarados pola UNESCO Patrimonio da Humanidade nos anos 1993 e 1998, así como outros recoñecementos importantes como o de Rúa Maior de Europa.


A figura do Apóstolo está moi presente na arte compostelá, a miúdo adoptando unha caracterización diferente segundo o contexto histórico no que se realice dita obra de arte; deste xeito, tempo a Santiago “O Maior” representado como soldado de Cristo (Santiago “Matamouros”), como se pode apreciar no frontón do Palacio de Raxoi (Santiago de Compostela); ben como o Santiago peregrino, coa indumentaria característica; ou como figura beatificada evanxelizadora (Pórtico da Gloria, Santiago de Compostela).


Bibliografia:

  • LÓPEZ TEIXEIRA, Xosé Antonio, A formación do Reino de Galicia (711-910), A Coruña, Serie Trivium 2010

  • REY OLLEROS, Manuel, Reminiscencias del culto al apóstol Santiago, a partir del Códice Calixtino, en los libros litúrgicos de los siglos XII al XIV en la antigua provincia eclesiástica de Santiago, Santiago de Compostela, USC 2009

Referencias:

FALQUE REY, Emma (ed.), Historia Compostelana, Madrid, Akal 1994, pp. 67-68

1FALQUE REY, Emma (ed.), Historia Compostelana, Madrid, Akal 1994, pp. 67-68

2LÓPEZ TEIXEIRA, Xosé Antonio, A formación do Reino de Galicia (711-910), A Coruña, Serie Trivium 2010, p. 115

Imaxes