García II de Galicia

1.García II

García de Galicia ou García II (1042-1090) foi rei de Galicia entre os períodos 1065-1071 e 1072-1073. Quinto fillo de Fernando I de León e Sancha de León, pasou do seu status en calidade de Infante da dinastía Ximena á perda da súa posición rexia tralo conflito político-militar cos seus irmáns Sancho II "o Forte" e Afonso VI "o Bravo".

Coroado como rei de Galicia a principios do ano 1066, levou a cabo unha política de continuidade respecto ao seu antecesor, tratando de manter a paz entre a cada vez máis poderosa nobreza e o clero. Morreu no castelo de Luna en 1090, despois de permanecer anos encadeado.

Nome completo: García II de Galicia

Datas: 1042-1090

Lugares: Santiago de Compostela-León

Campo de actividade: Monarquía

Grupo asociado: Reino de Galicia

Ocupación: Reis

Lingua:

Os seus restos están enterrados no Panteón de Reis de San Isidoro de León baixo a inscrición:

"H. R. DOMINUS GARCIA REX PORTUGALLIAE ET GALLECIAE. FILIUS REGIS MAGNI FERDINANDI. HIC INGENIO CAPTUS A FRATRE SUO IN VINCULIS. OBIIT ERA MCXXVIII XIº KAL. APRIL1"


2.Panteón de Reis de San Isidoro de León
  • Biografía

Chegou a Galicia con a penas dez anos de idade. Na Historia Siliense alúdese á persoa de García baixo a expresión de concepto semine; "a referencia ao semen regio e a súa función lexitimadora é a testemuña da posición hexemónica acadada, a partir de Afonso II e fronte ao anterior procedemento matrilineal indíxena, pola transmisión patrilineal do poder dos reis asturleoneses", o Dereito visigodo, adoptado pola tradición navarro-leonesa, de sucesión xurídica que lexitimaba aos herdeiros varóns o acceso ao poder rexio.

Recibiu unha formación en disciplinas liberais propios da súa condición aristócrata e da realeza. A súa trascendencia na historia de Compostela redunda en que nesta Sé foi onde recibiu a instrución de man do obispo Cresconio no estudo do trivium e o quadrivium acompañados de actividades propias do aprendizaxe dun monarca-guerreiro como a caza ou a equitación. Non se coñece a intencionalidade real da súa formación nesta cidade, mais "sí podemos sospeitar que a elección de Santiago e da tutoría de Cresconio puido ter algunha relación co desexo de atopar boas, senón especiais, condicións para a educación do infante; alomenos no que incumbe á instrución dos clérigos e á formación relixiosa, encontramos nos concilios composteláns de tempos de Fernando I e do obispo Cresconio os perceptíbeis ecos das preocupacións reformistas da asamblea reunida pouco antes, baixo a presidencia do rei, en Coyanza".

García non chegará a contraer matrimonio, aínda que sí manterá intereses maritais con descatadas personaxes da nobreza europea, como foron as irmás do emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico ou cunha das fillas de Guillermo de Normandía; proxectos que non chegaron a bo fin.


  • Reinado de García II de Galicia

O rei García II de Galicia gobernou nun contexto de certo desequilibrio político. Fernando I declarara na curia de León (1063) que o seu reino se repartiría entre os seus tres fillos: o reino de Galicia, o condado de Portugal e as parias de Sevilla e Badajoz para García1, o condado de Castela e as parias de Zaragoza para Sancho, e o reino de León e as parias de Toledo para Afonso. Esta división territorial do patrimonio deu lugar a conflitos bélicos entre os fillos de Fernando I.

Despois da razzia de Almanzor, unha parte do territorio ao sur do Douro deixou de ser controlado polos reis ovetenses, polo que a fronteira volveu situarse preto do Douro. Con Fernando I vólvese conquistar Coimbra (1064), polo que a Galicia que recibe García é o territorio que vai do Cantábrico ao Mondeo, e do Macizo Galaico ao Atlántico. "O condado de Portugal que herdou don García, [...] non era o mesmo condado que gobernou en vida do seu pai o conde Nuño Méndez, senón outro novo que abranguía agora dentro del o outro, o de Coimbra, que se creara máis ao sur na marca galego cós árabes".

Pretendeu fortalecer os lazos entre os sectores máis influíntes a través da concesión de privilexios, terras e protección dentro dunha dinámica de incipiente feudalismo. A crise política no reino de García traducirase no progresivo aumento de poder das elites ao vérense introducidas nos gobernos locais, o que lles serviu de escalazón para o ascenso social que as asentaría nos futuros estamentos característicos dunha sociedade feudal; así como en rebelións e sublevacións sociais ata a capitulación do seu goberno. "A Chorica Ghotorum que nos transmite a noticia desta batalla sitúaa no día 18 de xaneiro de 1071 [...] e di que os sublevados contra o rei eran portucalenses; que o seu xefe nesa loita era o conde Nuño Menéndez; que este pereceu na batalla e que todos os seus fuxiron; que o rei obtivo a vitoria sobre os rebeldes no lugar de Pedroso, entre Braga e o río Cávado".

Outro piar capital foron as relacións coa Igrexa, que se mantivo favorábel a cambio da concesión de beneficios económicos, políticos e xurídicos (dereitos fiscais, xustiza, adminitración, etc). Tentou levar á práctica un proxecto de reforma eclesiástica, con fitos relevantes como a restauración da sede de Tui, empresa que respondía na súa orixe a un intento de centralización correspondente á nova ordenación territorial do reino galaico-luso.

García será destronado, deslexitimado, perseguido e encadeado mentras que seus irmáns saldaron as súas diferenzas en encontros bélicos, que remataron coa morte de Sancho e a gloria do futuro Afonso VI.


  • Historiografía sobre García II de Galicia: entre o mito e o olvido

En opinión do historiador Portela Silva, "a información que nos chegou a cerca do rei García de Galicia pode describirse como un depósito de delgados sedimentos, nos que, a medida que ascendemos e nos alonxamos do tempo no que viviu, acumúlanse máis datos e menos precisos; e, claro está, cada vez menos fiábeis". Neste senso, hai que ter en conta que a compilación historiográfica dos séculos XII-XIII está conformada por tradicións orais e fontes literarias, o que deu lugar ao mito arredor da figura de García II, especialmente da man do arcebispo de Toledo. As crónicas latinas, os documentos diplomáticos e a historiografía alfonsí -portuguesa e galega- son as principais fontes para coñecer esta figura.

A mención de García II vén alentada fundamentalmente polo enfrontamento deste co seu irmán Sancho II.

A historiografía lusa e española acostumou, dende o período medieval, a caracterizar á personaxe de García II como un monarca de débil carácter, de sumisa apariencia, falto de dilixencia para a política, iracunda figura á sombra da rigorosa presenza dos seus irmáns. Comezamos a ter referencia do monarca galego a través de alusións e mencións marxinais de acontecementos nos que participa dalgún xeito o por entón Infante García, tales como a Historia Silense (1109-18), Chronica Gothorum, Crónica de Braga (XII) ou o Cronicón Compostelano, este último afianzando en maior medida a presenza do rei aludindo á herdanza que lle correponde de seu pai; así como o Chronicon Compostellanum, a Crónica Najerense e o Liber Regum.

Outra fonte que nos achega a García II e á súa relación coa nobreza galega é o Documento do Mosteiro de Pendorada (1066), ED. PMH, DC, doc. CCCCLI. Neste recóllese a doazón por parte dos nobres García Moniz e a súa esposa Elvira ao rei García II do patrimonio que posuían, co dereito de percibir o usufruto de forma vitalicia para estes.

Emporiso, as fontes que aportan a información máis fidedigna da personaxe de García son seis diplomas datados entre o 1066 e o 1071; neles recóllense fitos de índole político-relixiosa que fan referencia á empresa política que desenvolveu ao longo do seu goberno. Estes escritos permiten elaborar un perfil de García II, revelando o aprendizaxe liberal que recibiu en Compostela.

Destaca tamén que o Livro Preto da Sé de Coimbra, dálle a autoridade de rei no goberno de Coimbra e todo o territorio comprendido entre o río Douro e a fronteira.


1 Tradución.: "Aquí xace o rei García de Portugal e Galicia, fillo do gran rei Fernando, que foi capturado polo seu irmán con engano. Morreu preso o 22 de marzo de 1090". ARCO Y GARAY, Ricardo, Sepulcros de la Casa Real de Castilla, Madrid, Intituto Jerónimo Zurita, CSIC 1954


Bibliografía:

  • AA.VV., A Gran Historia de Galicia. Da Galicia Antiga á Galicia feudal (Séculos VIII-XI), Vol. IV, Cap. V, A Coruña, Arrecife 2007

  • ARCO Y GARAY, Ricardo, Sepulcros de la Casa Real de Castilla, Madrid, Intituto Jerónimo Zurita, CSIC 1954

  • GONZÁLEZ LÓPEZ, E., Grandeza e decadencia do reino de Galicia, Vigo, Editorial Galaxia 1978

  • PORTELA SILVA, Ermelindo, Reyes privativos de Galicia. García II de Galicia: el rey y el reino (1065-1090),Vol. MAIOR XXXIV, Burgos, Editorial La Olmeda 2001

  • García de Galicia. (2020, 24 de mayo). Wikipedia, La enciclopedia libre. Fecha de consulta: 11:55, mayo 27, 2020 desde https://es.wikipedia.org/w/index.php?title=Garc%C3%ADa_de_Galicia&oldid=126343933.

  • La Biblioteca de Laura (2013) (Blog) Vagando por la Historia: El rey García II de Galicia http://la-biblioteca-de-laura.blogspot.com.es/2013/11/vagando-por-la-historia-el-rey-garcia.html [consulta 28 de maio de 2020]

Imaxes:

  1. García II: Alonso de Cartagena (1385?-1456), Garcia II of Galicia, marcado como dominio público, para máis detalles véxase Wikimedia Commons

  2. Panteón de Reis de San Isidoro de León: José María Avrial y Flores artist QS:P170,Q9014337, Avrial-Pantheon, marcado como dominio público, para máis detalles véxase Wikimedia Commons