Coralia e Maruxa Fandiño (As Marías)

1.Coralia e Maruxa

Maruxa (1898-1980) e María Coralia Arxentina Fandiño Ricart (1914-1983) eran dúas irmás compostelás que popularmente eran coñecidas como “As Marías” ou “As dúas en punto”, debido a que sempre adoitaban pasear ás dúas en punto da tarde polas rúas compostelás.

Maruxa e Coralia eran unhas persoas moi coñecidas en Santiago de Compostela xa que habituaban pasear tódolos días polo casco histórico cunha vestimenta moi colorida e cunha maquillaxe bastante rechamante. Sen embargo, o certo é que as súas vidas estiveron marcadas polas desgrazas.

Nome completo: Maruxa Fandiño Ricart

Datas: 1898-1980

Nome completo: Coralia Arxentina Fandiño Ricart

Datas: 1914-1983

Lugares: Santiago de Compostela-Santiago de Compostela

Campo de actividade:

Grupo asociado:

Ocupación: Costureiras

Lingua:

Eran fillas dun zapateiro da rúa Espírito Santo e tiñan nove irmáns. Tres deles (Afonso, Antonio e Manuel) eran militantes da CNT, a organización anarquista máis importante da época. Un destes irmáns foi paseado durante a Guerra Civil, mentres que os outros dous lograron fuxir pero finalmente, foron descubertos e encarcerados.

Aínda que non se sabe con certeza, sospéitase que para coñecer o paradoiro dos seus dous irmáns fuxidos, os falanxistas torturaron a Maruxa e Coralia. A altas horas da noite, os falanxistas chegaban á casa dos Fandiño, a desvalixaban totalmente e desvestían na rúa a Maruxa e a Coralia para humillalas publicamente. Ademais e aínda que non está demostrado, hai quen afirma que incluso unha delas tería sido violada no monte Pedroso. Estes malos tratos e vexacións contra as dúas irmás prolongáronse dende os inicios da Guerra Civil ata que arrestaron aos irmáns fuxidos a mediados dos anos 40 e acabaron provocando que, tanto Maruxa como Coralia, sufriran problemas mentais.

As Marías” deixaron de traballar como costureiras porque deixaron de ter clientes que non querían estar relacionados co movemento anarquista. Isto fixo que a situación económica das dúas irmás fose, se cabe, aínda máis precaria e viviron da caridade dos veciños a través de pequenas cantidades de diñeiro que eran depositadas de forma anónima nos distintos comercios da cidade, a pesar de que elas nunca aceptaban esmolas debido ao seu orgullo. A comezos dos anos 60 un temporal derrubou o tellado da casa das “Marías”, pero enseguida se organizou unha colecta entre os veciños de Santiago e recadaron 25.0000 pesetas que daquela, era o que custaba un piso.

A pesar dos problemas mentais ocasionados pola violencia exercida contra elas, as dúas irmás nunca causaron problemas e, de feito, eran moi queridas na cidade. Segundo afirma Xosé Rivadulla Corcón, autor do documental Coralia e Maruxa, as irmás Fandiño, Coralia e Maruxa "manifestaron a súa loucura amosándose rebeldes contra a sociedade". Este autor di que “moita xente que se sentía afogada polo réxime e que non se rebelaba por temor a represalias, vían nas Marías ese grito de liberdade”. Isto explica as súas rechamantes vestimentas e a súa maquillaxe con pos de arroz. Nunha época na que a muller estaba totalmente recluida no ámbito doméstico, Coralia e Maruxa piropeaban aos homes mentres daban o seu tradicional paseo polas rúas compostelás.

Maruxa, que era a irmá maior pero a de menor estatura, era a que levaba a voz cantante e a máis faladora, mentres que Coralia era moito máis tímida e reservada. Cando en 1980 Maruxa morreu aos 82 anos de idade, Coralia foise a vivir á Coruña, cidade á que nunca se adaptaría. De feito, Coralia morreu só tres anos despois aos 68 anos de idade, logo de ter preguntado varias veces cal era o camiño de volta a Santiago.

En 1994, César Lombera fixo unha escultura de Coralia e Maruxa dando o seu tradicional paseo. Está situada na entrada á Alameda de Santiago e convertiuse nun lugar de referencia para todas as compostelás e composteláns.

2.Estatua na Alameda en Santiago de Compostela

Bibliografía:

  • LOMBERA, C. (coord.), As Marías: Maruxa e Coralia Fandiño, 1898-1980, 1914-1983. Santiago de Compostela: Consorcio de Santiago, 2007.

  • Sánchez Puente, Áurea. Representación de la identidad femenina en los medios de comunicación Las Marías de Santiago de Compostela . Dispoñible en: http://hdl.handle.net/10234/118984 [consulta 14 de maio de 2020]

  • Sánchez Puente, Áurea. La construcción de la identidad femenina desde la prensa local: las Marías de Santiago . Dispoñible en: http://hdl.handle.net/11441/34650 [consulta 14 de maio de 2020]

  • Rodríguez Jiménez, Juan (e outros). Las dos Marías. Santiago de Compostela. (2013, decembro, 19)[Arquivo de vídeo] Dispoñible en: https://www.youtube.com/watch?v=zl5mf170MvM [consulta 14 de maio de 2020]

Imaxes:

  1. Coralia e Maruxa:

  2. Estatua na Alameda en Santiago de Compostela: Ansoutvi, Las Dos Marias of La Alameda de Santiago de Compostela, CC BY-SA 3.0 ES

PENDIENTE ENLACES

Enlaces a datos e catálogos