A partir das nosas investigacións e dunha enquisa pasada a todo o alumnado, fixemos esta peza na que analizamos dous posibles futuros para a nosa vila.
Podes descargar o noso modelo de enquisa e adaptalo á túa cidade.
Unha retrospectiva do Urbanismo en Boiro, por Mariano Muñiz (profe e exdirector do IESP A Cachada)
1. Nostalxia
Nun mapa do ano 1616, que se debuxou para establecer as propiedades e os dominios do “COTO DE GOIANES PERTENECIENTE ALA CASA DE LOS SEÑORES CAAMAÑOS” e do “COTO DE BOIRO PERTENECIENTE AL YILMO CABILDO DE SANTIAGO”, aparecen un puñado de edificacións en Ponte Goiáns, ademais das construccións principais dos mencionados señoríos.
2. O Camiño Vello ou Camiño Real
O emprazamento orixinario da vila de Boiro, a súa parte de maior raigame e, polo tanto, onde se atopa a práctica totalidade do seu patrimonio histórico-artístico, correspóndese cos casais de Ponte Goiáns, A Tenencia, Cruceiro de Bao, O Boiro, Cimadevila, Aducil, A Boliña e San, que xurdiron e medraron nas beiras do Camiño Vello ou Camiño Real, que así se denominaban as vías principais integradas na antiga rede de camiños públicos do país.
A tipoloxía das súas edificacións, a estreiteza de ruelas e calellas, e a ausencia de planficación diferencian este espazo do resto da localidade. Con todo, conserva algunhas mostras arquitectónicas merecentes de aprezo, que nos poñen en contacto co pasado da vila, coa súa orixe e evolución, e aí radica o seu maior interese. A Igrexa de Santa Baia, o Pazo de Fonteneixe, a Casa Reitoral, a da Tenencia ou a de Bao son algún dos máis destacados exemplos que se asentan no Camiño Vello, antes chamado Camiño Real.
2.1. Un pouco de historia
Cando en 1836 naceu oficialmente o actual Concello de Boiro, as autoridades competentes acordaron que a capitalidade se ubicara nas terras de Santa Baia. Nesta decisión tivo un peso importante o feito de que esta parroquia ocupara o centro xeográfico do novo municipio e fora a de maior poboación. O emprazamento ás beiras do Camiño Real-única vía de comunicación terrestre de importancia da época- e a existencia de edificios apropiados para acoller a sede da administración local, fixeron que a casa consistorial se ubicara, primeiro na Tenencia e posteriormente en Cimadevila.
O barrio de Cimadevila estaba integrado polos lugares de Cimadevila, Aducil, San, Boliña e Brión. O da Tenencia, pola propia Tenencia, O Lodeiro, Vimieiro, Saltiño, Rebordelo, Cotarón, Currillo, Ponte Goiáns e Brazos. Finalmente, no barrio do Cruceiro agrupábanse os lugares de Bermo, Runs, Teaño, Coroño, Loxo de Arriba, Loxo de Abaixo, Comoxo, O Boiro e o Cruceiro.
En Cimadevila estaba a casa consistorial, os xulgados e o servicio de correos. Tamén constituía unha modesta área comercial, que se complementaba co mercado local, celebrado na mesma estrada, e a feira mensual de Espiñeira. Unha boa parte das manufacturas que se vendían en Boiro chegaban dende o porto de Vilagarcía aos peiraos do Bodión e Cabo de Cruz. Alí recollíanas os carreteiros para distribuilas por Cimadevila e outros puntos do municipio, aínda que tamén era habitual que moitas persoas transportaran as mercadorías na cabeza ata o seu destino.
Os barrios de Cimadevila e da Tenencia rivalizaron históricamente nas primeiras décadas do século XX. Así, se en Cimadevila estaba a botica do Sr. Cobas, na Tenencia estaba a do Sr. Carreño; se nunha poboación se inauguraba o cine Boiro- o de José María de Outeiro-, pouco tempo despois, Gonzalo López abriría o cine Gran Vía; se Ramiro barbeaba e cortaba o cabelo nun barrio, Vicente Martínez facíao no outro. De xeito que, a excepción da hostelería, que seguía preferindo a capital municipal para establececerse, cada negocio aberto ao público nun dos lugares tiña réplica no outro.
A vida oficial e o comercio concentrábanse no pequeno núcleo de Cimadevila. Este lugar, a mediados do século XIX aproveitara o seu estratéxico emprazamento e a condición de sede administrativa local para progresar en converterse no centro de servizos do Concello de Boiro.
A Tenencia, tamén amparada na súa localización, comezara a despuntar tímidamente como área comercial a raíz da apertura da Cooperativa de Traballadores do Campo (familiarmente coñecida como “O sindicato”). Sen embargo o seu despegue definitivo partiría de mediados dos anos trinta, e viría marcado pola ubicación da praza de abastos municipal nos seus límites. Este feito desiquilibraría o sector comercial de Cimadevila, que paulatinamente iría perdendo importancia frente ao da Tenencia, ao tempo que contribuía a afondar na rivalidade existente, xa de vello, entre as dúas poboacións.
Ao longo dos anos 50 construise nun céntrico terreo, que no seu momento servira como campo de misións evanxelizadoras, unha ampla e moderna área de servizos, conformada por un colexio, o Martín Gómez, unha nova casa do Concello e uns vistosos xardíns públicos. Este espazo, que cambiaría a fisonomía de Boiro, convertíriase en canalizador do seu crecemento, ao tempo que significaría o inicio do declive definitivo de Cimadevila como centro vital do municipio.
Das notas anteriores podemos deducir que o casco urbano de Boiro foise configurando a carón destas vías principais, primeiro o Camiño Real e despois, e tamén paralelamente, a carón da hoxe coñecida como Rúa Principal, trazado da estrada comarcal AC 305, aberta a mediados do século XIX.
3. O despegue definitivo
O desenvolvemento urbanístico comeza a ser imparable dende a década dos sesenta grazas ao intenso proceso de crecemento económico que experimenta a pequena vila de Boiro dende mediados do século pasado. Varios factores interviron neste proceso, entre os que hai que salientar o xurdimento dunha moderna clase empresarial, as remesas de cartos procedentes da emigración e a condición de Boiro de capital municipal.
4. Conceptos básicos
4.1. Normas subsidiarias
Instrumento de planeamento xeral alternativo ao Plan Xeral de Ordenación Municipal, cun contido mínimo que permite a aprobación de planeamento de desarrollo.
▪ Nos anos 60 a iniciativa municipal propicia a través do deseño dunhas Normas Subsidiarias un desarrollo urbanístico ordenado do casco urbano de Boiro nas terras de cultivo da zona chá de Boiro. Este foi o motivo fundamental polo que o Casco Antigo (Camiño Real) non desaparecera como ten sucedido noutros concellos, devorado pola presión do crecemento demográfico. Estas normas subsidiarias permitiron, entre outros proxectos urbanísticos, a apertura nos anos 70 da Rúa Bao ou a Avda. da Constitución a finais da década dos 80 e comezos dos 90.
▪ En 1990 apróbanse unhas novas Normas Subsidiarias.
▪ Observación: grazas a estas Normas o crecemento urbanístico de Boiro foi relativamente ordenado e razoable.
4.2. PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal)
Documento que recolle a normativa urbanística, a regulación das edificacións, establece os usos do solo e as zonas dotacionais, crea espazos púbicos e zonas verdes, protexe o patrimonio artístico e arqueolóxico, etc.
O vixente Plan foi aprobado definitivamente o 20 de maio de 2003 pola Corporación Municipal.
Este plan urbanístico foi o que dirixiu o crecemento e expansión urbanística de Boiro durante os anos do chamado boom inmobiliario.
4.3. Plans parciais e plans directores
Regulan as edificacións e usos do solo en determinadas áreas previstas e delimitadas no Plan Xeral.
Exemplo:
4.3.1. Plan Especial Director para a protección e rehabilización do caso antigo de Boiro delimitado no entorno do Camiño Real.
Este Plan fracasou por unha mala xetión política do goberno bipartito durante a lexislatura 2007-2011.
Pretendía protexer, respectar e por en valor o Casco Antigo de Boiro no entorno do Camiño Real dende unha perspectiva de rexeneración como barrio con personalidade e identidade propia dentro do municipio.
4.3.2. Plan Parcial SURPP B-1 e SURPP-2 en Barraña
Grazas a este plan creouse a zona dotacional de A Negral: praza e pistas polideportivas.
4.4. Plans dotacionais
Como o seu nome indica estes plans permiten a creación de espazos especiais destinados a usos concretos (insdustriais, educativos, de lecer, etc.)
Exemplos:
1997: aprobación do Plan dotacional de A Cachada, que permitiu a construcción da Piscina Municipal o o Instituto de A Cachada, entre outros proxectos.
1997: aprobación do Plan dotancional do Polígo Industrial, que permitiu a creación do Polígono Industrial
1998: modificación puntual das normas subsidiarias na zona do Bodión para a creación de solo industrial
5. Paseo Marítimo
Foi unha gran obra que tivo varias fases e que supuxo unha protección do litoral ademais da creación dunha zona de paseo e esparcimento.
5.1. Lexislatura do 83 ao 87: construcción da ponte sobre o río Coroño na súa desembocadura que uniu Praia Xardín con Peralto (Escarabote).
6. Avenida da Constitución
Iniciouse na lexislatura do 83 ao 87. Rematouse na lexislatura do 91 ao 95.
7. Pazo de Goiáns
Despois de varios anos de incertezas, especulacións e proxectos urbanísticos que pretendían a construcción dunha área comercial e chalets adosados na finca do Pazo de Goiáns. o goberno bipartito da lexislatura do 2007 ao 2011 (BNG e PSOE) conseguiu unha subvención do Ministerio de Cultura do goberno do Estado Español para mercar o pazo e os seus terreos. A mencionada axuda económica foi de 4 millóns de euros.
Este fito histórico preservou para o goce da cidadanía un espazo único dende varios puntos de vista: paisaxístico, ecolóxico, patrimonial, histórico, etc.
Despois de varios anos de abandono e deixadez do goberno municipal comezaron hai moi pouco as obras de recuperación e consolidación da edificación principal do pazo.
As posibilidades futuras desta propiedade son moitas e diversas. Terán que ser equipos de expertos os que estuden e propoñan as alternativas.
8. Apertura do Paseo Fluvial do Río Coroño
Este proxecto iniciouse fai máis dunha década. A súa execución na lexislatura anterior supuxo un avance na creación de espazos de lecer e esparcemento ao tempo que veu a enlazar puntos estratéxicos e de moito interés paisaxístico e natural como son Praia Xardín e os Muíños de Ponte Goiáns.
O proxecto non está rematado, pois a continuación deste paseo enlazará Ponte Goiáns co Pazo do mesmo nome.
9. Apertura do Paseo Fluvial do Río Breiro
Este proxecto realizado para mellorar o saneamento (evacuación da augas pluviais do casco urbano) supuxo un avance máis na creación de espazos públicos. Paralelo á Avda. da Constitución transcurre dede a estrada de Abanqueiro ata o Paseo Marítimo.
10.Curiosidade
Nos anos 70 abriuse a Rúa Bao. Moi pronto se levantaron os edificios desta rúa que é moi estreita polo capricho dalgún propietario con poder.
En todo caso, esta rúa convertiuse nun centro de negocios e lecer cunha actividade e un movemento importante de xente. Tres ou catro bares, dúas tendas de electrodomésticos e outros materiais, a oficina de correos, a discoteca Dike, un ultramarinos …. Tempos noltálxicos coma o título do apartado.
Por Mariano Muñiz, profesor e exdirector IESP A Cachada