O mundo que habitamos
Todos os seres vivos procuran lugares onde gornecerse e gardar os seus alimentos. No caso do ser humano, a súa capacidade para transformar as materias primas da natureza en materiais moldeables deulle a facultade para construír vivendas e agrupar esas vivendas en asentamentos nos que compartir recursos (traída da auga, alcantarillado, servizos públicos, etc.)
A partires do s. XVIII, coa Revolución Industrial, foi preciso construír moitas vivendas na contorna das factorías, onde migrou a xente do rural para traballar como man de obra barata. Co desenvolvemento de materiais baratos de construción a comezos do s. XX a industria inmobiliaria comezou a medrar sen control cun modelo habitacional de construcións verticais (edificios de pisos) en ladrillo, cemento e plástico onde os parámetros de confort e saúde da vivenda quedaron esquecidos fronte á función principal do espazo: aloxar a moita xente en poucos metros cadrados e ter vivendas baratas que as novas clases sociais (baixas) puidesen pagar.
Non se agarda que estes hábitos cambien: de acordo coa OCDE (2018), a tendencia da humanidade é a de concentrarse en cidades. Calcúlase que no 2050 un terzo da poboación española viva en Madrid ou Barcelona. Os asentamentos urbanos consomen 3/4 dos recursos mundiais, a maior parte na construción e mantemento de edificios. Por riba, son lugares máis pensados para os vehículos que para a cidadanía. Pola súa alta contaminación e pola ausencia de espazos adecuados para manter distancias, son focos de enfermedades.
Cada vez é maior a conciencia do ser humano respecto á súa saúde, pero esquece que esta vén determinada tanto ou máis polo lugar que habita que pola alimentación e o deporte. As pinturas e vernices derivados do petróleo desprenden partículas tóxicas como xileno; o cemento, co que están construídas a meirande parte dos nosos domicilios, contén unha ampla variedade de metais pesados como cromo ou zinc. Todos estes elementos, xunto á contaminación de fábricas e tubos de escape, producen alerxias, enfermidades inflamatorias e mesmo cancro.
Virus, incendios, plagas, zonas radiactivas, cancros, deforestación, inmigrantes que morren no mar fuxindo de guerras, deserto e pobreza… As consecuencias dos actos do ser humano están volvéndose contra nós, así que é momento de que sexamos protagonistas da nosa propia historia e de que a cambiemos. Nós escollemos facelo a través do BoiHaus, unha análise do urbanismo de Boiro inspirándonos na escola Bauhaus: reflexión crítica e documentada, arquitectura e creatividade, compromiso e rebeldía.
Cada pequena acción suma!
Bibliografía para o teu proxecto