O incremento da poboación urbana nos anos 60 provocou unha alza do sector inmobiliario. Comezaron a erguerse edificios apretados entre si, pois o solo urbano estaba limitado. Ó principio, os pisos eran amplos e tiñan terrazas. Axiña o prezo do metro cadrado subiu, polo que os construtores deron en fabricar edificios de máis plantas, con vivendas máis pequenas e sen terrazas, o que deu lugar a espazos interiores cegos ou con fiestras a patios de luces.
Na imaxe contigua, extraída da infografía España vive en pisos, de Eldiario.es (2021), pode verse unha análise da evolución de construción de edificios de 5 ou máis plantas en España.
A partir do 1985 comeza o que se coñece como ciclo especulativo dos oitenta. España saía da crise do petróleo e iniciábase un periodo de confianza tralo ingreso na Comunidade Económica Europea (1986). A este boom contribúen vairas circunstancias: o gran crecemento económico do PIB (e consecuentemente do nivel de vida), aumento de emprego, chegada de inversores estranxeiros (Expo de Sevilla e Olimpiadas Barcelona 1992). No 1985 o prezo medio dun piso novo estaba en torno a 400 euros/m2 (35.000 euros para unha vivienda media). Nas grandes capitais podíase mercar por 60.000 euros.
Por primeira vez, poboación de clase media tiña poder adquisitivo para comprar primeira e ata segunda vivenda, para a que se daban facilidades fiscais. Polos mesmos cartos de 10 anos antes, a cuota hipotecaria reducírase cerca dun 40%. Os ritmos de venta dispararáronse e os promotores subían prezos dun mes a otro. No 1985 iniciáronse unhas 222 000 casas; no 2006 alcanzouse o récord de 762 540: así comezou a chamada “burbulla inmobiliaria”.
A finais do século XX, os grandes promotores podían permitirse adquirir terreos sen apenas aportar fondos propios. O capital poñíano as persoas que mercaban e as pequenas empresas intermediarias. As plusvalías eran desproporcionadas e o prezo da vivenda non se correspondía coas rendas dun fogar normal. En xuño do 2007 o custo alcanzaba 9.1 veces a renda bruta dos fogares e o esforzo anual superaba o 56% dos ingresos.
O pinchazo da burbulla comeza no 2008, ralentizándose as ventas e tendo que pararse numerosas obras novas. Como en todas as crises, quen pagou o pato foron as clases traballadoras cuxo xornal dependía do traballo diario e non da especulación: pequenos construtores, carpinterías, alicatadores, albaneis, pintores, etc.
A estrutura ou armazón dos edificios adoita ser de formigón pretensado: un esquelete de forxa con formigón de cemento, area, grava e auga. En países con moita madeira e menos humidade que Galicia, abundan as edificacións en madeira. En Galicia sería viable se a madeira se cultivase e cortase con ese propósito: a tecnoloxía actual permite tratamentos antifúnxicos que fan viable o uso de madeira galega nas nosas construcións.
As paredes soen facerse de ladrillo ou bloque, e revístense con enfoscados de morteiro de cemento ou cal con area e auga. O enlocido soe facerse en xeso ou cal, e o pintado (coas consecuencias que isto ten para a nosa saúde), con pinturas plásticas non transpirables.
Os pavimentos poden ser de cerámicos ou madeira, aínda que cada vez máis úsanse tarimas que imitan madeira pero que son, no fondo, prensados de cartón cun verniz plástico.
As cubertas soen ser de tella ou lousa, pétreos ambos impermeables. Baixo estas, debe colocarse unha capa aillante que normalmente é de poliuretano ou EPDM (derivados plásticos). Raramente se empregan como aillantes elementos naturais como a cortiza ou a palla.
Os peches (xanelas e portas) soen ser de PVC (derivado plástico) ou aluminio.
A maioría destes materiais proceden de moi lonxe de onde van ser usados, o que supón que os custos ambientais da construción son enormes. Ademais, non sen ser materiais reciclables ou reutilizables, e nin tan sequera poden ser desbotados sen máis: non sendo biodegradables, hai que atopar puntos limpos nos que soen amorearse sen máis. Por este motivo, cada vez máis xente avoga pola Bioconstrución, que implica traballar baixo criterios de sostibilidade ambiental. Por enriba, moitos dos materiais de construción típicos son tóxicos para a nosa saúde: un sitio no que imos pasar tantas horas da nosa vida debería estar construído con materiais que non nos perxudiquen tanto, non credes?
Técnica de construción que trata de lograr hábitats que respondan ás necesidades humanas en condicións saudables, sustentables e integradoras. Para isto, busca relacionar dun modo harmónico a nosa vivenda coas aplicacións tecnolóxicas, coidando que os aspectos funcionais e estéticos estean vencellados coa contorna natural ou urbana.
A Bioconstrución é a suma de dous conceptos fundamentais:
Arquitectura bioclimática, o que significa deseñar a vivenda de acordo co terreo (estudo xeobiolóxico de fallas, capas freáticas, contaminación, campos electromagnéticos) e o clima (orientación ante o sol e fenómenos atmosféricos propios do lugar).
Análise do ciclo de vida dos materiais empregados: cómpre construír con materiais que sexan bos para a nosa saúde, que se extraian o máis perto posible do lugar de edificación, que non contaminen durante o seu uso e que sexan facilmente desbotables ou reutilizables. O noso obxectivo é minimizar a pegada ambiental!
Realmente, faise Bioconstrución desde a Antigüidade, na medida en que sempre existiu un modo de construír no que se tivo moi en conta a paisaxe e o clima, os materiais do lugar onde se constrúe, a autoconstrución e o uso eficiente da enerxía. O boom do ladrillo fixo que estes principios se esqueceran para apostar por unha edificación na que o lucro económico e a especulación primasen sobre calquera outra consideración.
Á hora de proxectar unha vivenda bioclimática debe terse en conta:
Mellorar as condicións de confort e saúde (luminosidade, confort higrotérmico, espazos diferenciados, aillamento de fontes de contaminación, ventilación adecuada…)
Estudar estratexias activas e pasivas de uso de enerxía, mellorando a eficiencia e a sostibilidade das instalacións (estudo xeolóxico e térmico do terreo; estudo da forma da vivenda).
Empregar materiais de baixo impacto ambiental (reducir custos de extracción, transporte, montaxe e desbotamento/reciclaxe) e saudables para o ser humano.