No mundo globalizado actual, no que as novas tecnoloxías e os seus avances acaparan toda a nosa atención, pretendemos facer unha revisión daqueles descubrimentos e inventos integrados totalmente na nosa vida e que, no seu momento, supuxeron unha revolución e cambios importantes, tanto na vida dos homes e mulleres daqueles tempos, como nas sociedades posteriores.
Partindo de preguntas como “Que sería da nosa vida sen…?”, queremos que o alumnado sexa consciente de que a sociedade actual é o resultado do talento creador de persoas que adicaron a súa vida ao estudo e, nalgúns casos, tiveron que afrontar críticas, falta de confianza, falta de apoios, persecucións, etc. Queremos destacar, tamén, a existencia e importancia de mulleres descubridoras e inventoras e que o alumnado reflexione sobre a débeda da sociedade actual coas civilizacións anteriores. Por último, pretendemos fomentar a capacidade creativa do alumnado e ofrecerlle a posibilidade de que descubra novas formas de expresión artística.