O proxecto socio-educativo “Ao Son da Nosa Música”, realizou un traballo de investigación nos meses de outubro e novembro en 20 centros educativos galegos das catro provincias. Contou coa participación de alumnado desde 5º de primaria ata 2º de Bacharelato e foron pesquisados os seus hábitos musicais tanto dentro como fóra do centro escolar. A enquisa puxo especial fincapé na presenza da lingua galega na música que escoitan, poñéndose en evidencia unha dramática e alarmante realidade.
É rechamante a presenza maioritaria do castelán como lingua vehicular no ensino musical, tanto dentro dos centros educativos como nos diferentes ámbitos de formación. O cuestionario revela ausencia da música en galego nas propias aulas de música cun 50% que resposta escoitala poucas veces e un 27% nunca. En canto ás actividades musicais preferidas no ámbito do ensino atópanse a escoita musical e a práctica instrumental nos primeiros lugares, seguidas do canto e a danza.
Guadi Galego, SÉS, Tanxugueiras ou a Banda da Loba son as artistas máis coñecidas pola rapazada. En canto aos estilos: o Pop, o Reggaetón e o Rap son os xéneros preferidos adolescente cun 64%, 53% e 44% respectivamente.
En relación aos hábitos de consumo de música, un 62% nunca mercou música. Entre o 38% que si o fixo un 45% investiu en música en castelán, un 35% música en inglés e tan só un 17% asegura que mercou música en galego. En canto aos medios dixitais que se empregan para escoitar música YouTube destácase como o máis empregado cun 86%, seguido por Spotify cun 74%, TikTok cun 52% e a radio cun 35%. Así mesmo, revélase que as redes sociais, a partir dos 13 anos, son a maior influencia na formación do gusto musical, seguida de preto do grupo de amizades.
No mes de xaneiro, este proxecto socio-educativo presentará os resultados definitivos da investigación e partillará as propostas de mellora que considera oportunas para reverter esta situación conxuntamente coas outras cinco secuencias didácticas.
DATOS TÉCNICOS
A razón de crear este material didáctico “Ao son da nosa música” parte precisamente de vir observando nos últimos cursos que o noso alumnado non está familiarizado con referentes musicais en galego.
Así pois, a nosa proposta é realizar unha serie de enquisas para recadar información en varios centros educativos de primaria e secundaria espallados por toda a xeografía galega. En primeira instancia o estudo vai enfocado ao alumnado (entre os 10 e os 18 anos aproximadamente). Tamén temos programado realizar modelos de enquisa para realizar ás familias e ao profesorado nun futuro.
Debido ás limitacións de tempo, e tendo en conta que esta é a primeira das seis secuencias didácticas das que conta o proxecto, trazaremos unha rede de centros que nun comezo serán catro por provincia. Dous de primaria (rural-urbano) e dous de secundaria (rural-urbano).
Agardamos que co tempo se sume máis xente a empregar esta ferramenta expansiva e poder ter uns datos máis achegados á realidade demoscópica que pretendemos analisar.
A continuación imos explicar cales son os obxectivos e ferramentas que imos empregar na nosa investigación ao redor da situación actual da música galega nas comunidades educativas seleccionadas.
Coñecer os hábitos musicais das persoas pertencentes a cada unha das comunidades enquisadas.
Sinalar a presenza da música nos diferentes espazos educativos formais e informais.
Describir os hábitos de consumo musical fóra do centro escolar.
Coñecer o valor que se lle concede á música en galego dentro das comunidades enquisadas.
Analizar as propostas de mellora da presenza da música no ámbito educativo.
A enquisa desenvolverase de xeito telemático durante o mes de outubro-novembro de 2021 en catro centros de cada unha das catro provincias galegas combinando CEIP, CPI e IES. O número total de alumnado participante será de 1.000.
Plantexamos uns cuestionarios que non sexan demasiado longos con preguntas fechadas para evitar que ao alumnado lle resulte denso (tempo aproximado da proba 5 minutos). Ao mesmo tempo procuramos que a extensión das propias preguntas sexa a menor posible e conteña unha redación clara e comprensible. Comezamos realizando unha serie de preguntas de identificación para dar paso a investigar sobre os coñecementos musicais, os hábitos de consumo musical, a relación coa lingua galega, o acceso á música actual, as súas preferencias, o ámbito social e tamén a súa valoración da asignatura de música.
Unha vez teñamos as enquisas validadas pasaremos ao traballo de analizar os datos e realizar unha valoración dos mesmos que se publicará en decembro de 2021.
Para a elaboración das preguntas tomamos algunhas referencias sobre os hábitos, gustos e referentes musicais na poboación xuvenil tentando crear un mapeo da realidade socio-cultural da Galiza.
Ao mesmo tempo tamén consultamos referentes bibliográficos que nos axudaron a tecer unha visión máis ampla da situación actual.
Encuesta sobre equipamiento y uso de Tecnologías de Información y Comunicación en los hogares
(INE 2018)
Rock Music Styles
Charlton, K. (2003). New York: McGraw-Hill.
Tweens, música e Internet: el consumo musical más allá de la supervisión parental
Mauricio Rey Garegnani. (2020) Universitat Autònoma de Barcelona
Métodos de investigación educativa.
Bisquerra, R. (1989) Barcelona: CEAC
Aptitudes y hábitos musicales en el adolescente.
Nebreda, P. L. (1999). Tesis Doctoral inédita. UNED.
Jóvenes entre sonidos. Hábitos, gustos y referentes musicales.
Megías, I. y Rodríguez San Julián, E. (2003). Madrid: Injuve y FAD.
Más allá del arte: La música como generadora de realidades sociales.
Martí, Josep. (2000). Barcelona: Deriva.
«Colectivos emergentes y nuevos hábitos de escucha»
Rey, Mauricio. (2018) Roquer, Jordi..