Ao son da creación

O noso alumnado é consumidor pasivo cultural. Cada día engule produtos como debuxos animados, música, contos, videoclips, series, películas, xogos de mesa, videoxogos...

Estamos asistindo a un cambio moi profundo de tendencia no que aumenta o tempo de ocio usando tabletas e os móbiles. Aprenden a usar aplicacións de móbiles antes que a ler ou escribir.

A escola ten un reto ante esta realidade. A creatividade debería ser o motor dunha auténtica revolución pedagóxiga que promova a elaboración de contidos artísticos, nomeadamente no marco da creación musical e audiovisual, que teñan verdadeiro impacto nas nosas comunidades educativas.

A educación en STEAM é consciente desta realidade e da importancia das artes no proceso da aprendizaxe e a innovación. Impulsar a creatividade no noso alumnado é vital para promover o espíritu crítico, o traballo colaborativo e proporciona unha aprendizaxe significativa empregando metodoloxías activas.

Este proceso precisa expandirse, tecer pontes entre as diferentes comunidades educativas galegas: centros-alumnado- profesorado-familias-artistas-sociedade. Unha rede viral que xenere difusión dos contidos creados, retroalimentación educativa para os mesmos e faladoiros ao redor dos propios procesos creativos.

Decontado terás máis pistas desta fase do noso proxecto. Estade atentas ;)