ABRIMOS O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA FACERSE SOCIO DA ANPA DO CEIP Nº1 CURSO 20/21
(OU PARA RENOVAR O PAGO DA COTA PARA OS QUE XA SON SOCIOS)
Desde a ANPA do centro pedimos especialmente este curso a vosa colaboración. A pesar da situación producida pola pandemia da COVID-19, queremos continuar contribuíndo a que os nosos fillos teñan unha educación de calidade e a ANPA xa ten en marcha dúas actuacións para as que recibiu a concesión de subvencións: unha de Red NATURA (colocación de colectores para a reciclaxe, uso do invernadoiro, etc) e outra de igualdade.
Solicitamos xa para este curso novas axudas coas que poder sufragar os gastos doutras actividades culturais que complementen a formación dos nenos.
Por outra parte, dada a dificultade de adaptar os espazos e manter as medidas de seguridade, non se levarán a cabo as habituais actividades extraescolares promovidas pola ANPA. As actividades relacionadas coas subvencións terán lugar prioritariamente en horario escolar.
Tamén vos queremos informar de que a actual presidenta, María Milagros Louzán García, vai deixar o seu cargo por incompatibilidade co que agora desempeña no Concello de Foz. Polo tanto, abrimos un prazo dunha semana (ata o 28 de setembro) por se alguén quere presentar a súa candidatura. Nós colaboraremos en todo o posible coa nova directiva. Se non aparecese ningunha candidatura, veriámonos na obriga de asumir algún de nós a presidencia porque non queremos que se perdan as axudas que recibimos e que están pendentes de xustificar e porque cremos que os nosos fillos merecen a mellor formación. Porque temos a seguridade de que vós queredes o mesmo para eles, se calquera nai ou pai mostra o seu interese en ser presidenta/e, estamos á súa disposición para axudarlle e formar equipo con ela ou con el se non conta con suficientes membros para a nova directiva.
Por último, este curso necesitamos unha ANPA forte, polas necesidades que poidan xurdir no colexio ou para dar solución e apoiar aquelas peticións que cheguen á esta Asociación de Nais e Pais. Por estas razóns pedimos a vosa colaboración a través da inscrición do maior número de familias posible.
Para inscribirvos, recortade pola liña de puntos e devolvede cuberta a ficha de inscrición unha vez pagada a cota para que o voso fillo ou filla a entregue no colexio e nola fagan chegar.
Moitas grazas de antemán pola vosa colaboración e recibide un atento saúdo.