Dentro do Proxecto de igualdade deste ano abordamos unha serie de actividades para concienciar ao alumnado do CEIP número 1 de Foz sobre a importancia da igualdade nos xogos, concienciar que tanto homes como mulleres podemos ocupar o espazo de xogo en igualdade. Para elo apostamos por unha serie de actividades e charlas para tratar de impulsar esa igualdade no futuro.
PINTADO DE XOGOS NO COLEXIO
Esta actividade levouse a cabo durante o mes de xullo de 2021 xa que ó consistir no pintado do patio do colexio non se puido realizar en período lectivo.
Os xogos que se pintaron foron: o 3 en raia, o parchís, a patefa, o jump, o reloxo e a diana.
Desde o centro educativo imprimiron coa impresora 3D fichas e dados para poder xogar nos xogos pintados.
A acollida destes xogos foi moi boa entre o alumnado, sobre todo no contexto de restricións COVID no que nos atopamos que obriga á rotación do alumnado por diversas zonas do patio do colexio. Por este motivo, zonas que noutros tempos estaban en desuso xa que as rapazas e rapaces podían moverse libremente a outras zonas, agora son zonas de obrigada concorrencia. Esta circunstancia motivou que todo o alumnado do centro participase destes xogos.
OBRADOIRO DE XOGOS EN IGUALDADE
Aínda que nunha primeira versión deste proxecto o obradoiro estaba centrado nos cursos de 3º e 4º de primaria, a súa orientación cambiou ó longo deste curso escolar. Os bos datos COVID dos que se deron nos primeiros meses deste primeiro trimestre fixo que a idea orixinal se modificase.
O obradoiro de xogos tradicionais é unha idea vella, que xa desenvolvéramos nesta mesma subvención outros anos. Neses outros anos o obradoiro realizábase durante as festas escolares organizadas pola ANPA. O motivo de realizar os obradoiros nestas festas era que habitualmente se establecían dinámicas machistas nas que os nenos ocupaban todo o espazo do pavillón xogando ó fútbol, mentres que as nenas ocupaban o espazo que sobraba. No momento de redactar a memoria do proxecto para a presente subvención, os datos COVID non permitían facer este tipo de festas polo que decidimos facer o obradoiro nos recreos e só con
determinados cursos.
No momento de executar o proxecto os datos COVID eran excelentes e non existían restricións polo que decidimos rescatar a idea do obradoiro para todas as persoas que desexasen vir despois das clases a un encontro destas características.
Asistiron un total de 80 nenos e nenas do cole de todas as idades.
É unha actividade que cremos que se debería repetir con máis asiduidade para que os nenos vexan que non poden ocupar a maior parte do espazo, para que as nenas vexan que teñen dereito a ocupar o mesmo espazo que os nenos e para que se practiquen xogos onde ambos sexos se mesturen.
TALLER DE SEXUALIDADE PARA NAIS E PAIS
Este taller tivo lugar o domingo 28 de novembro de 2021 desde as 17:30 ata as 19:00 e foi impartido por Benita Martínez García, sexóloga e matrona no centro de saúde do SERGAS de Vilalba. O taller tivo lugar na Casa da Cultura do Concello de Foz.
Na primeira parte do taller, a ponente explicou as características da sexualidade nas diferentes etapas vitais do ser humano. Tratou temas como a importancia da autoestima para desenvolver relacións sexuais sans, a necesidade do diálogo entre
nais e pais e os fillos e fillas sobre os temas sexuais e o perigo que supón o acceso dos rapaces á pornografía actual na que o rol da muller é o dun obxecto.
Despois da introdución de Benita, as persoas asistentes fixeron preguntas e mantívose unha animada conversa na que se compartiron experiencias comúns.
CONCURSO DE CARTÉIS PARA O 25 N
CONTACONTOS SOMOS IGUAIS: CONTOS POLA IGUALDADE
Esta actividade levouse a cabo o día 26 de novembro de 2021 entre as 10:00 e as 13:00.
A contacontos Raquel Queizás fixo dous pases do conto “Somos iguais: contos pola igualdade” para os cursos 4º, 5º e 6º de infantil e 1º e 2º de primaria.
Raquel Queizás propuxo un exemplo de superación en forma de conto: Queliña, unha nena que quere ser piloto, rompe os estereotipos que abundan nos contos e preséntanos a nenas decididas e nenos sensibles. A través dos contos, con esta obra búscase previr dende a nenez todo tipo de violencia mediante novos modelos de feminidade e masculinidade rachando así cos roles e estereotipos asignados.