Presentación

Do 2009 ao 2011, dous cursos
Dicía un poeta, e cantaba Joan Manuel Serrat, que o sur tamén existe. Por eses recordos escribín un día que Polgariño aínda conta. E durante estes dous últimos cursos, en 5º e 6º de primaria, seguiu contando. Talvez poderiamos ter usado outro nome máis actual, como Harry Potter, ou Brancaflor, como a nena protagonista dun conto popular de longa tradición na Península Ibérica.

Non obstante, con calquera dos tres personaxes o tema principal desta experiencia non variaría. Trátase dun proxecto de lectoescritura, ao redor dos contos populares, a expresión creativa e as vivencias dos nenos e das nenas participantes. É dicir, que entende a aprendizaxe da lingua escrita como unha actividade de comunicación.

Polgariño pensa, por esa razón, que unha aula tamén pode funcionar como unha pequena fábrica de literatura.

A pesar de todo, o proxecto ten os seus propios límites. Non se pode afirmar se é transferible e xeneralizable, sen máis, a outras realidades educativas diferentes. As súas propostas non son universais nin máxicas, aínda que ás veces o parezan.

E por iso tampouco son receitas válidas para calquera aula ou mestre. Habería que adaptalas a cada situación; porque, evidentemente, Polgariño non pretende descubrir o mar Mediterráneo...