Textos

Bando

Prohíbese, por orde da Alcaldía,

que medren porque si

as rosas do xardín municipal.

Dende agora as pombas teñen

que pedir licenza para voar.

Prohíbeselle á lúa

andar ceiba de noite polo ceo.

A lúa é unha tola que anda espida

dando mal exemplo ás nenas castas

e aos fillos de familia.

Pagarán trabucos os poetas.

Prohíbese soñar de 10 a 11.

Prohíbese tamén derramar bágoas.

Pódese chorar tan só cando hai sequía

pra que non fiquen baldeiros os pantanos.

Un só se pode emocionar

os Xoves e os Domingos

cando toca

a Banda do Concello no quiosco.

Están fóra da lei

as estrelas, a Primavera,

as flores e os paxaros.

Dáse este bando en tal e cal

para que se cumpra

de orde do alcalde.

Asinado, carimbado e rubricado.

Documentos personais (1958)

Non creas o que din os xornais

Non creas o que din os xornais,

nin o que berran

as estaciós de radio,

nin os números xeados

que traen as estadísticas.

Non te fíes tampouco

no que se le nas guías

feitas para uso de turistas.

Non enchas o teu corazón

–tan canso e tan velliño-

coas canciós de moda.

Non lle dés creto ningún

á propaganda.

Non ergas na túa intimidade

–no lugar que algún día

ocuparon os deuses-

a imaxe dun ídolo

que pode ser un futbolista,

unha estrela de cine,

un charlatán,

cecais un falso amigo.

Recóllete en ti, ¡ouh

pobo meu!, medita,

chora longamente

os teus pecados.

E así que esteñas purificado

polas bágoas:

olla a realidade

na que vives

e abre, para sempre,

os teus ollos puros cara a luz.

Versos para un país de minifundios (1969)