Ademais da oferta ordinaria de FP, a Xunta ofreceche a posibilidade de estudar un ciclo formativo ao mesmo tempo que inicias a túa aventura no mercado laboral: FP DUAL
- Calendario de admisión curso 2025-26
- Información importante FP Dual INTENSIVA.
Cales son os requisitos para acceder á FP dual Intensiva?
- Ter dezaoito anos ou máis no ano natural en que comece o ciclo formativo.
O alumnado que teña dezaseis anos no momento de incorporación á empresa e que cumpra os requisitos de acceso, poderase matricular nos proxectos de formación profesional dual intensiva nos que, logo de rematado o período ordinario de matriculación no proceso de admisión a estas ensinanzas, queden prazas vacantes e, por tanto, non exista listaxe de espera.
- Cumprir os requisitos de acceso aos ciclos formativos.
- Non ter superado ningún módulo profesional do ciclo formativo do proxecto solicitado, agás que fose cursando outro ciclo formativo.
So para aqueles programas formativos nos que o alumnado estea vinculado mediante contrato, non ter realizado con anterioridade un contrato de formación en alternancia regulado no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores aprobado polo Real Decreto Lexislativo 2/2015, de 23 de outubro, e cumprir os requisitos na normativa laboral vixente para poder formalizalo.
Con carácter xeral, o proceso de admisión realízase no mes de xuño de cada ano. Adicionalmente, en ocasións, pódese realizar a solicitude de matrícula noutros momentos do ano.
Cal é a duración dun ciclo formativo na modalidade dual? A definida no plan formativo do proxecto acordada entre o centro educativo e a empresa..
Cantas horas de formación se realizan na empresa? As establecidas no programa formativo, tendo en conta que dentro da planificación da estancia na empresa, se realizará formación curricular, complementaria e actividade produtiva.
Cal é o vínculo do alumnado de FP dual coa empresa? O alumnado pode ter a condición de bolseiro ou ser contratado pola empresa mediante un contrato de formación e aprendizaxe. En calquera caso, o alumnado debe ser incorporado ao réxime xeral da Seguridade Social.
Percibe o alumnado de FP dual algún tipo de remuneración? O alumnado percibe unha remuneración proporcional ao tempo de permanencia na empresa que non foi destinado á formación: tempo efectivo de traballo. Para o seu cálculo, utilizarase a contía establecida no convenio colectivo ou, de non existir, a contía do salario mínimo interprofesional.
Que vantaxes teño ao estudar un ciclo formativo na modalidade dual?
- Recibirás unha remuneración desde o inicio do teu período de permanencia na empresa. Esta remuneración pode ir aumentando cada ano á medida que aumenta a túa competencia profesional.
- Terás maior facilidade para a túa inserción no mercado laboral mediante a adquisición dunha titulación de formación profesional de xeito simultáneo á túa integración nos procesos produtivos da empresa.