Un dos nosos principais obxectivos foi o de favorecer á valorización do patrimonio da contorna e promover a educación en valores a través do traballo interdisciplinario e colaborativo (entre alumnos, pero tamén entre departamentos, entre colexio e familias, entre xeracións distintas e entre o colexio e as institucións próximas).
Ademais, atopamos neste traballo de investigación un eido de actuación moi interesante para aumentar a motivación do alumnado para aprender co traballo activo, desenvolvendo o espírito crítico e obtendo ferramentas para resolver problemas futuros. De feito, para contrarrestar un pouco o poder hipnotizante que exercen as novas tecnoloxías sobre os nosos estudantes, quixemos facer dos obradoiros prácticos o groso do noso proxecto.
Deunos, tamén, a oportunidade de colaborar estreitamente con outros equipos do colexio, especialmente o Club de Ciencias e a Biblioteca Escolar.
Axudounos a contribuír á mellora das competencias dixitais (imprescindibles na sociedade actual) e a traballar en prol do uso da Intelixencia Artificial con ética e seguridade. A intelixencia artificial supuxo un antes e un despois nos traballos de investigación, polo que máis que loitar contra ela quixemos asegurarnos de que os nosos alumnos aprendan a usala con ética, e, sobre todo, contrasten a información indo a fontes máis tradicionais e seguras: fondos bibliográficos (da nosa biblioteca e virtuais) e entrevistas con expertos da contorna. Faltounos este curso unha visita a Sogama, por falta de tempo, aínda que tiveron varias charlas ao longo da súa etapa aquí no colexio.
Neste sentido, elaboramos xunto coa Biblioteca unha guía para empregar a Intelixencia Artificial (IA) de xeito seguro nos proxectos de investigación escolar, entendéndoa sempre como un asistente, nunca como un substituto do propio pensamento e supervisando o seu uso para evitar riscos de privacidade, imprecisións ou plaxio.
Finalmente, este proxecto colaborou na integración eficaz das competencias e a resolución colaborativa de problemas e, en maior ou menor medida, a acadar os oitos obxectivos principais da materia segundo a LOMLOE e que resumimos a continuación:
OBX1. Comprender a importancia da Arte para fomentar a súa conservación.
OBX2. Explicar as producións propias, comparándoas coas dos seus iguais e coas do patrimonio cultural para valorar o intercambio intercultural, e así superar estereotipos.
OBX3. Analizar diferentes propostas, amosando respecto, para enriquecer a cultura artística individual e alimentar o imaxinario propio.
OBX4. Explorar as técnicas, as linguaxes e as intencións de diferentes producións artísticas, analizando, tanto o proceso como o produto final, a súa recepción e contexto, para descubrir as posibilidades que ofrecen como fonte xeradora de ideas e respostas.
OBX5. Realizar producións artísticas con creatividade, para expresarse e mellorar a capacidade de comunicación e desenvolver a reflexión crítica e a autoconfianza.
OBX6. Apropiarse de referencias culturais e artísticas, identificando as súas singularidades, para enriquecer as creacións e desenvolver a identidade persoal.
OBX7. Aplicar as técnicas, os recursos e as convencións principais das linguaxes artísticas, incorporando de forma creativa as posibilidades que ofrecen as tecnoloxías.
OBX8. Compartir producións artísticas, adaptándoas ás características do público.