Nun mundo onde a tecnoloxía avanza a pasos axigantados, con este proxecto do Departamento de Debuxo nos propuxemos realizar unha aproximación teórico-práctica á reciclaxe creativa, achegándonos a algunhas técnicas e oficios antigos, menos mecanizados e contaminantes, e máis artesanais e naturais, ademais de darlle unha nova vida ao material de refugallo a través de intervencións artísticas.
Deste xeito, quixemos promover un xeito de vida máis sustentable e menos consumista e alentar o aproveitamento dos recursos, a posta en valor da reparación e da reutilización, o control da “moda rápida”, o aprecio polas pezas artesanais ben feitas e o consumo de produtos de proximidade, á vez que apreciar os costumes dos nosos maiores, quen lograban vivir en simbiose coa contorna e facían moitos labores de equipo.
Cremos que é moi valioso para o noso alumnado traballar nun proxecto que inclúe a busca de información, a análise crítica, a creación artística e a produción audiovisual nunha contorna web usada de xeito seguro, contrastando a información e citando correctamente as fontes. E a nosa idea é seguir completándoo os vindeiros cursos.
A Unión Europea define a Economía Circular coma un modelo de produción e consumo que implica compartir, alugar, reutilizar, reparar, restaurar e reciclar materiais e produtos existentes durante o maior tempo posible para ampliar o seu ciclo de vida. E, cando o produto chega ao final da súa vida útil, aínda os seus materiais seguirán dentro da economía mediante a reciclaxe.
Na práctica, implica minimizar os residuos, fronte ao modelo de “usar e tirar”.
O consumo humano de materiais está a aumentar a un ritmo insostible. A propia Unión Europea calcula que produce máis de 2.100 millóns de toneladas de residuos ao ano. O Banco Mundial (Informe “What a waste 2.0”) estima que a xeración anual de residuos a nivel global medrará un 70 % para o ano 2050. O mundo necesita avanzar con urxencia cara a unha economía circular na que non se desperdicien materiais.
Tamén é importante preservar o valor e manter os materiais en circulación o maior tempo posible. Isto implica ter en conta a reciclabilidade desde o principio e contar con infraestruturas de recollida e reciclaxe formais e optimizadas que garantan que os produtos e envases reciclables teñan as maiores posibilidades de permanecer no ciclo previsto, sempre apoiadas pola lexislación e as políticas públicas. Nos países con infraestruturas e políticas de xestión de residuos menos desenvolvidas, os modelos de recollida adoitan ser informais, o que supón desafíos adicionais. É urxente adoptar estratexias de mercado diversificadas e fomentar unha estreita colaboración para facer realidade unha cadea de valor da reciclaxe autosostible.
En España, a Lei 7/2022, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, estende a obriga de recollida separada a todos os sectores (fogares, servizos e comercio) para permitir unha reciclaxe de alta calidade e estimular o uso de materias primas secundarias de calidade. Pola súa banda, o Real Decreto 1055/2022, de envases e residuos de envases, establece a obriga de realizar a recollida separada dos residuos de envases domésticos, comerciais e industriais segundo o tipo de material, abarcando polo menos as seguintes fraccións: papel, plástico, madeira, metais férreos, aluminio, vidro e papel-cartón.
A recollida separada dos residuos axuda moitísimo á recuperación das materias primas e a tratar cada material segundo as súas características. Na revista National Geographic (xullo/2022) no artigo “¿El futuro de los residuos? Consumir menos, reciclar más” o experto Ángel Fernández, presidente do Patronato da Fundación para a Economía Circular, dí que a xestión dos residuos é problemática pero que vai mellorando moito, pois hai 25 anos en España se botaba todo o lixo aos vertedoiros ou se queimaba para xerar enerxía, mentres que hoxe en día producimos menos residuos que a media europea e ademais reciclamos máis que a media. Aínda así, di, só reciclamos o 36% dos residuos e que o obxectivo é chegar ao 65% no 2035.
Nós, dende o Departamento de Arte, quixemos colaborar a esta corrente que defende as 3R: Reutilizar, reducir e reciclar deseñando uns obradoiros artísticos para fomentar a reciclaxe creativa de materiais de uso común. E, para levalos a cabo, tivemos que facer primeiro un labor de investigación das características de cada material que empregamos: metacrilato, CDs, poliestireno, cartón…
¿QUE PODEMOS FACER NÓS?
No libro “Guía de Ecoloxía Cotiá”, de Ramsés Pérez, di que en Galicia prodúcese entre 1 kg e 1,5 kg por persoa e día e danos algún consellos interesantes para rebaixar estes datos:
Antes de mercar un produto, pensa ben se realmente o necesitas.
Cando compres algo, asegúrate de que é duradeiro ou que se pode arranxar.
Cambia os envases de plástico ou tetrabriks dun só uso, por envases máis ecolóxicos, por exemplo, tarros de vidro.
Se xa non necesitas algo, pensa en donalo ou intercambialo antes de tiralo. E, de botalo ao lixo, asegúrate de facelo no contenedor axeitado para poder reciclalo.
Reutiliza todo o que poidas, dándolle outros usos se é preciso.
Non imprimas as cousas se non é realmente imprescindible.
Non merques produtos “sobreenvasados” e intenta mercar a granel.
Leva a túa bolsa dende a casa.
Merca produtos deseñados mediante criterios sustentábeis: reciclados ou biodegradables ou que se fabrican xerando pouca contaminación.
Xa temos algunhas ideas: reciclaxe creativa, recollida solidaria de roupa, intentar comprar menos e máis cerca, falar deste tema aos demais para conciencialos... en resumo, intentar aportar o noso graniño de area para coidar do noso planeta!