A mediados de outubro, o alumnado de 5º e 6º de primaria realizou unha saída ás Illas Cíes, as cales percorreron na compañía de tres traballadores que forman parte da Asociación Autismo Bata. Esta visita guiada enmárcase dentro da súa iniciativa «Batalleiros pola Biodiversidade». Convertidos en monitores e educadores ambientais, estes tres “batalleiros” explicáronlles aos nenos e nenas diversas curiosidades sobre a flora e a fauna das illas Cíes, así como a importancia do seu coidado e conservación.
Pola mañá realizaron unha ruta por diversos sendeiros para coñecer algúns dos lugares máis emblemáticos deste pequeno archipélago, como a praia de Rodas, o Lago dos Nenos ou o Monte Faro. Máis tarde, despois de comer, os tres integrantes de Bata realizáronlles un pequena exposición e compartiron cos nenos e nenas un ratiño de xogos sobre as Cíes na fermosa praia de Rodas. Nesta ligazón poderedes atopar una nova xornalística do Faro de Vigo na que se fala desta saída.
Aproveitando a proximidade do tan, para moitos, ansiado Samaín, traballamos a escritura creativa ambientándonos nas illas atlánticas. Individualmente, cada nena e neno do terceiro ciclo creou un relato tenebroso ambientado nalgunha das catros illas do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas. Tras a súa planificación, redacción e revisión, cada alumno e alumna realizou o proceso de edición e maquetación en Canva para, posteriormente, imprimilo e encardernalo xunto co resto de textos do nivel e así elaborar un novo recursos de lectura que pasou a formar parte da biblioteca de aula.
Continuando a liña de traballo das linguas a través das tipoloxías textuais, o alumnado do terceiro ciclo traballou o texto expositivo nas sesións de Lingua Galega, empregando como núcleo central o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas. Unha vez elaborado, prepararon unha presentación individual en Canva para expoñer oralmente.
Por outra banda, aproveitando que as novas xornalísticas foron un dos textos traballados durante o primeiro trimestre en Lingua Castelá, o alumnado de 5º curso elaborou, primeiro en parellas, e logo individualmente, unha noticia relacionada con algunha das catro illas atlánticas.