- Onde transcurriu a túa infancia?
-Ao principio en Miguelturra e algo en Ciudad Real, do que teño
vagas lembranzas, supoño que realimentadas polos meus pais. Lembro xa
claramente a "Porta Nova" de Ferrol, cando comezaba a converterse na
Praza de España (a miña casa estaba rodeada de leiras aínda, a comezos
dos anos 50). Desde os sete anos fun moito a Pontedeume e Cabanas; e, a
partir dos dez, vivín boa parte do ano (todas as vacacións e as fins de
semana) na praia Madalena. Fun acólito da igrexa de San Martiño do
Porto, e da capela da Madalena (concello de Cabanas).
-Que estudos realizaches despois de rematar o bacharelato?
-Comecei a estudar Arguitectura. Desilusionado, pasei a Ciencias
Físicas. Daquela abriuse a Escola de Telecomunicación ao lado desa
Facultade e, convencido da importancia das comunicacións, paseime á
física aplicada a elas: fixen a carreira na nova escola e
especialiceime en Comunicacións. Despois fixen os cursos de
doutoramento en Informática, e a tese correspondente no campo da
Enxeñería Telemática.
-Fainos un resumo da túa traxectoria laboral.
-Comecei a traballar en 1972 como "estagiário" nunha empresa
inglesa en Lisboa que fabricaba conmutadores de telefonía. Despois
traballei nunha italiana que fabricaba equipamento de radioenlaces.
Despois pasei a unha hispano-americana de electromedicina, polo que
tiven que pasar tempadas nos EE.UU e en Holanda. Desa pasei a unha
francesa de radioloxía con sede en París... Como quería establecerme en
Galicia, deixei os franceses e entrei en Hispano Electrónica, pasando
outra tempada nos EE.UU. para poderme facer cargo dun sistema
informático especial para proxecto e construción de barcos. Nesta
empresa cheguei a ser o director rexional en Galicia. De aí saín para
montar unha empresa de enerxías alternativas, GAÉLICO, na que me
arruinei porque, como aprendín dos ianquis "aos pioneiros sempre os
matan os indios". A seguir pasei a ser o delegado en Galicia da empresa
de enxeñería da Telefónico. Iso coincidiu coa creación da RG e da TVG.
Como estaba traballando nas montaxes da Radio e da Televisión de
Galicia, contratáronme como director técnico da CRTVG. Alí pasei tres
anos moi interesantes, ata que se me acabou a excedencia na empresa de
enxeñería, SINTEL; á que volvín como director da zona Noroeste de
España.
No ano 95 ofrecéronme un posto de profesor asociado no
Departamento de Electrónica e Sistemas da Facultade de Informática da
Coruña; e outro de director técnico do Centro de Innovación e Servizos
de Ferrol. Compaxinei eses postos ata o 2003. Daquela, sen deixar a
Facultade, pasei a traballar como conselleiro nunha empresa galega de
telemática, Emtel. No 2006 pasei a dirixir a Oficina de Programas
Internacionais de I+D+i da consellería de Innovación e Industria...
-En que consiste o teu traballo en I+D+I?
-En promocionar a participación de empresas e entidades galegas en
proxectos multinacionais subvencionados pola Comisión Europea, que é a
administración da Unión. A Oficina ten escritorios en Ferrol e
Bruxelas, con persoal especializado en detección de propostas e
creación de consorcios internacionais. O noso obxectivo é que o diñeiro
das subvencións "retorne" a Galicia, e que Galicia se proxecte no mapa
europeo da innovación.
-Cal é a situación das telecomunicacións en Galicia?
Desde o punto de vista dos servizos, un país avanzado, cunha eiva:
o acceso de alta velocidade á interrede global (Internet) por culpa da
súa dispersión poboacional.
Desde o punto de vista da enxeñería e a industria, un país
desequilibrado, con empresas notorias (velaí Televés) e falta de
iniciativa para crear outras, sendo as telecomunicacións un sector
"ubicuo" no mundo.
Desde o punto de vista formativo, unha pena: conta con escolas e
facultades que preparan a alto nivel grande cantidade de emigrantes
potenciais. Os rapaces marchan a feixes.
-Cal é a situación da literatura galega?
-Non sei case nada máis que da prosa; e dela opino: seica os
narradores galegos non son capaces de facer a épica do seu país. Hai
demasiada narración sobre "interiores" (historias de andar pola casa) e
falta quen se ocupe das xestas mariñas dos galegos e das infinitas
historias da emigración, para pórmos exemplos do que non se narra.
Á parte, nótase que a maioría dos narradores galegos só leron a
penas en castelán. Nin sequera leron en portugués. Iso converte a
narrativa galega en provinciana, imitadora das modas que marca Madrid,
aínda que sexa escrita en idioma diferente.
-Cales foron os teus primeiros contactos coa literatura?
-A prosa de Verne e Salgari, sen dúbida.
-Que ten que ver un enxeñeiro en telecomunicaición cun escritor?
-Cando lle preguntaron a Fernando Namora, o grande romancista
portugués, se era máis médico ou máis escritor, respondeu "Eu sou um
médico que escreve". Valla esa resposta para min, aplicada á telemática
da miña profesión (e vocación, ao tempo).
-Cal dos teus libros che causou maior satisfacción a nivel persoal?
-Nos pagos de Huinca Loo. É a miña mellor novela, aínda que non tivese éxito de mercado.
-Escribir é unha profesión ou unha afección?
-Como diría Carlos Casares, non se debe vivir de escribir. Resta liberdade.
-Por que escribes?
-Porque estou moderadamente tolo. Os escritores somos uns psicópatas que se equilibran co exercicio da escritura.
-Para quen escribes?
-Quixera facelo para todos os humanos.
-Pensas nos posibles lectores cando escribes?
-Penso cando escribo artigos, claro.
-Tes algún método para escribir?
-Teño: estruturo sistematicamente as narracións, sobre todo as que conteñen intriga.
-Escribir é unha forma de coñecemento?
-De aprendizaxe, diría eu.
-Cal foi a túa experiencia máis afortunada coa escritura? E a máis desafortunada?
-Parece ser que A nosa cinza foi a máis rendible en termos de público. A máis desafortunada, se cadra, e como xa dixen, Nos pagos de Huinca Loo.
-Cal é o teu novo proxecto literario?
-Unha historia de emigración e intriga.
-Canto influíu na túa vida a literatura?
-Non moito máis que na de calquera lector curioso.
-Como ves o futuro da lingua galega?
-Mal, porque os galegos non se decatan de que son a orixe dun
enorme mundo cultural que naceu aquí. Seguen convencidos de que o
galego é cousa de aldea, e de que non paga a pena vivir na aldea.
-Cal é a túa postura respecto do Decreto de Bilingüismo?
-Para que Galicia funcione, a xente ten que ter unha lingua de
unión verdadeira, e esa é a patrimonial, o galego. O castelán é unha
lingua imposta (véxase como a impuxo, brutalmente, a Igrexa). O
bilingüismo é unha quimera. Pode haber diglosia consciente, pero nunca
bilingüismo. Outra cousa é que o castelán (que é o meu primeiro idioma,
e non contaminado pois os meus pais o falaban correctamente, sen
galeguismos) sexa un grande idioma de proxección universal; pero non
moito máis có galaico-luso-brasileiro (o futuro da ciencia e tecnoloxía
non se escribe en "español" senón en portugués do Brasil).
-Como te definirías como escritor?
-Un contador de historias, nunca un literato.
-Que impresión cres que lle causaches aos rapaces, despois de
dicirlles cousas como que o actual sistema educativo era máis "suave"
có de antes?
-Se cadra, asusteinos. Pero que tomen nota, porque con molezas non se vai a ningures.
-Que pretendes criticando o labor doutros escritores consagrados como Saramago ou Ferrín?
-Dicir verdades. O Saramago é un pesado sen graza e o Ferrín un escaso e desafortunado narrador.
-Como é a relación cos teus alumnos universitarios?
-Quérenme ben, en xeral. Saben que sempre estou disposto a
discutir. A algún non lle gusta a miña esixencia en termos de
exactitude. Pero o que eu ensino non dá marxe ao erro: é pura
matemática aplicada.
-Por que escribes en galego, tendo en conta que quizais en castelán tiveses máis recoñecemento ou máis difusión?
-Porque me metín nunha batalla: a de demostrar que a Literatura
está por cima das linguas. Ao parecer, estou equivocado. Pero é unha
batalla na que non estou só, e a verdade acaba impóndose.
-Para finalizar, unhas palabras para os rapaces e rapazas que nos acompañaron na charla.
-Que non hai nin Ciencias nin Letras, senón curiosidade
intelectual. Que lean moito, en cantos máis idiomas, mellor. E que
perdoen se a miña impertinancia natural ofendeu a algún. |
POR Mª XESÚS VILA QUIROGA


