Vitamina G é un proxecto desenvolvido no CEIP Sagrada Familia da Coruña que emprega a lingua galega como factor de cohesión e integración social, nun contexto cunha alta porcentaxe de alumnado de orixe migrante. Consegue unha grande implicación do alumnado, que crea os contidos mentres aprende, investiga e traballa a oralidade. O xurado tamén salientou a creatividade e a positividade na mensaxe (a lingua como un suplemento vitamínico), que é un proxecto replicable e que se trata dunha intervención para un contexto cada vez máis xeneralizado: diversidade lingüística e cultural onde o galego suma. Tamén valorou a proxección do proxecto fóra do ámbito académico e o impacto nas familias.
Vitamina G, un proxecto de promoción do galego promovido pola docente cabanesa Mariña Lema vén de recibir un novo galardón. Se no 2025 fora o Mil primaveras máis, iniciativa da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüistica (CTNL), agora a iniciativa de Lema vén de recibir ex aequo con A Gramola Gominola —na categoría de mellor proxecto de dinamización lingüística para a infancia e a mocidade— un dos XVII Premios Rosalía de Castro de Lingua promovidos pola Deputación da Coruña. Salientouse de Vitamina G a súa orixe nun centro educativo dun barrio coruñés cun contexto altamente desgaleguizado e con alumnado chegado de diferentes realidades lingüísticas. O seu papel cohesionador e a súa posibilidade de exportación foron puntos moi valorados do proxecto.