Amalia Puga

Deseñadora. A través do seu traballo, procura provocar emocións e xerar un impacto sobre a percepción e o comportamento das persoas. Inspirada polas tradicións e as súas racíes galegas, goza coa creación de proxectos que implementen solucións colaborativas entre persoas, coa finalidade de revalorizar a pequenos colectivos cunha cultura e historia enriquecedoras. O seu proxecto da cadeira Bolina foi premiado pola Asociación de Diseño Industrial ADI-FAD.

Amparo Moroño

Licenciada en Historia da Arte e profesora colaboradora na Universitat Oberta de Catalunya. Ao longo da súa traxectoria ten traballado en museos e centros culturais no ámbito da educación e da produción cultural, como o MACBA ou o MUSAC. Na actualidade é responsable do Programa de Cultura da Mancomunidad de Municipios del Valle del Jerte, coordinando proxectos sobre paisaxe e culturas agrarias da comarca ou intervencións na paisaxe con colectivos de mulleres da comarca e creadoras que traballan desde o ecofeminismo e as prácticas artísticas colaborativas.

Ana Amado

Arquitecta, fotógrafa e artista visual. Na súa obra recente salienta a fotografía con contido social e sírvese da arquitectura como marco contextual. Compaxina o seu labor como freelance especializada en fotografía de arquitectura coa docencia en escolas de arte e universidades de todo o mundo. O seu traballo foi premiado e exhibido nacional e internacionalmente en numerosas institucións culturais e museísticas; e a súa recente investigación sobre o programa de colonización do INC será obxecto dunha exposición monográfica no Museo ICO no 2024. 

Anatxu Zabalbeascoa

Xornalista e historiadora da arte. É a especialista en arquitectura do diario El País, no que escribe desde hai 27 anos. Autora de máis de dúas ducias de libros, entre eles The New Spanish Architecture, Vidas construidas ou Todo sobre la casa, no 2022 publicou Gente que cuenta, unha antoloxía de entrevistas con figuras como Patti Smith, Rem Koolhaas ou Zaha Hadid. Tamén foi xurado en numeroso premios de arquitectura e deseño, e foi comisaria de mostras como Máscara y espejo, no MACBA (1997) ou Minimalismos, no MNCARS Madrid (2001).

Ariadna Cantis

Arquitecta, experta en comunicación e comisaria independente. Divide a súa actividade entre a difusión da arquitectura e do urbanismo, a investigación e a xestión de proxectos, obradoiros e publicacións coa intención de xerar un pensamento crítico entre arquitectura e cultura contemporánea a través da investigación dos límites das disciplinas. Desde Madrid colabora con diferentes revistas nacionais e internacionais especializadas en arquitectura e, ao longo da súa traxectoria, ten participado en numerosas exposicións, conferencias e seminarios en América, Europa e Asia.

Carlos Pita

Arquitecto e profesor de universidade. Acadou recoñecementos por proxectos como o campo de fútbol de Gandareira, en A Bandeira (Silleda) -como o Gran Premio ENOR ou Panorama de Obras da Bienal Iberoamericana de Arquitectura e Urbanismo (2019)- ou a Praza de Armas de Ferrol -Premio COAG de espazos urbanos-. A súa última obra rematada é o Centro de Interpretación do Castro de Castromaior en Portomarín. Ademais de publicar en revistas nacionais e internacionais, nos últimos tempos foi comisario e deseñador da montaxe de exposicións, como Cabanas MMXXIII (Kiosco Alfonso e Sala Palexco da Coruña, 2023).

Carlos Seoane

Arquitecto e profesor de universidade, é tamén presidente da Fundación Compostela Arquitectura e vicepresidente da Fundación RIA impulsada por David Chipperfield. Na XV BEAU (Bienal de Arquitectura e Urbanismo) acadou o Premio de Urbanismo por O’Banco do Piñeiro e de Produto pola súa proposta de elementos de identidade do Camiño de Santiago. Unha das súas obras máis coñecidas é o Mirador Pedra da Rá, galardoado cos premios FAD, LLEDÓ e COAG. Coa súa obra ten participado tamén exposicións colectivas, como foi o caso da recente Galicia Futura.

Estelle Jullian

Artista. A súa práctica aborda diferentes campos como a arquitectura, a arte, a ecoloxía e a participación. Interésanlle os procesos de desenvolvemento de ferramentas inclusivas, que se poden concretar en obradoiros, proxectos comunitarios ou exhibicións. Este interese polas prácticas espaciais contemporáneas e polo medio ambiente leva a Julian a investigar o espazo urbano e rural dun xeito máis experimental, premiado na Biennal de Arte Público Miquel Navarro ou na Mostra Art Públic de Valencia.

Inés Rodríguez

Creativa artesá, impulsora de Inés Rir& Co, estudio situado en Allariz e no que realiza produtos textís artesáns que unen tradición e novos diseños. Nos seus traballos integra o ecodeseño para favorecer a sostibilidade dos procesos, como é o uso de novos materiais como a fibra de proteína láctea. Actualmente combina a súa actividade artesanal coa investigación na creación de materiais relacionados cos residuos naturais e coa mentorización de proxectos de innovación social que promoven a dinamización dos territorios rurais a través da artesanía, o textil ou o turismo sostible. 

Izaskun Chinchilla

Arquitecta e catedrática da University College of London. É autora do libro La ciudad de los cuidados (Catarata, 2020). Chinchilla reivindica o compromiso da arquitectura coa innovación e no 2013 gañou o certame internacional City of Dreams cunha proposta composta por material reutilizado. Máis de 200 revistas e publicacións de arquitectura nacionais e internacionais fixeron referencia a súa obra e súa contribución no sector foi recoñecida cunha mención honorífica no Arc Vision Prize 2013, que destaca a carreira de mulleres arquitectas de todo o mundo. 

José Manuel Andrade

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais, comezou a súa carreira profesional na Fundación Juana de Vega no ano 1997, e desde o ano 2005 dirixe esta entidade que ten por obxecto contribuír ao desenvolvemento do medio rural de Galicia. A súa traxectoria profesional convérteo nun especialista en temas relacionados coas problemáticas e retos dos espazos rurais. Neste eido ten participado en diversos foros, congresos, cursos, seminarios e publicado artigos en libros e revistas. Ademais, é profesor asociado da Universidade da Coruña.

Julia de la Cal

Ilustradora, deseñadora gráfica e artesá galega. Desenvolve proxectos de cestería aplicada ao paisaxismo, interiorismo, produto, intervencións artísticas e actividades participativas e divulgativas. Colabora con diversas entidades a través de obradoiros de cestería tradicional e contemporánea. Nos últimos anos acadou a Bolsa Eloy Gesto dos Premios Artesanía de Galicia (2021) para ampliar a súa formación de cestería e arquitectura verde en Francia e dirixiu o proxecto Tramas de vimbio, achega á cestería (2022) ou instalación Mussolets en Salt (Girona).

Maé Durant

Arquitecta. Cofundadora de PezEstudio, unha plataforma creativa de arquitectas ecofeminista na que desenvolve proxectos r-urbanos que promoven o impacto das persoas sobre o medioambiente e o desenvolvemento de cidades máis inclusivas e con perspectiva de xénero. É cofundadora de Inteligencias Colectivas, un proxecto aberto de investigación e deseño, así como da cooperativa de prácticas colaborativas Espacio Ucrania. Nos últimos anos realizou seminarios e talleres en universidades e programas de arquitectura e deseño a nivel nacional e internacional.

María Fandiño

Arquitectura e paisaxista, a súa preocupación radica no nexo entre ambas especialidades, concretamente no deseño de espazos que conxuguen as dinámicas e a estrutura do territorio. Combina a súa actividade profesional no despacho PAISAXE coa investigación e a docencia. Na súa obra salienta a Explanada do Horizonte (Portecelo, O Rosal), galardoada con numerosos recoñecementos, entre eles o Premio Nacional de Arquitectura 2022 en Sostibilidade e Saúde.

Paola Sangalli

Bióloga e paisaxista. Presidiu a Asociación Española de Ingeniería del Paisaje (AEIP), lidera a Federación Europea de Bioenxeñería da Paisaxe (EFIB) e é membro do consello asesor de Política Territorial do goberno vasco. Entende a paisaxe como síntese de procesos e vivencias, á que se deben achegar, ademais da técnica, historia, beleza, sensibilidade e comprensión tanto do lugar como de quen habita o mesmo. Co seu estudio Sangalli Coronel y Asociados desenvolve proxectos nos que ecoloxía e as solucións baseadas na natureza son o centro da súa acción. 

Pedro Calaza

Doutor enxeñeiro agrónomo pola Universidade de Santiago de Compostela e Doutor arquitecto da paisaxe pola Universodade de Lisboa, é o actual director da Escola Galega da Paisaxe, decano do COIAG e membro do grupo de traballo dos bosques urbanos e periurbanos da FAO. Desenvolve o seu labor profesional como Director nacional de Infraestrutura Verde en URBASER, encabezando as actividades no campo da planificación, proxecto e xestión da paisaxe, infraestrutura verde e espazos públicos. Complementa a súa actividade como investigador e profesor na universidade, tanto en España coma no estranxeiro.

Santiago Besteiro

Artesán. Após a súa graduación en Belas Artes decide crear un proxecto que aúne a súa paixón polo deseño, os oficios tradicionais e a escultura.. No ano 2018 crea o Santiago Besteiro Design, un estudio-obradoiro multidisciplinar que dedicado ao deseño, desenvolvemento e elaboración de pezas artesás de alta calidade realizadas con materiais naturais e biodegradables. No ano 2022 é seleccionado para representar a España na Bienal de Artesanía HomoFaber e recibe o Premio Nacional de Artesanía na categoría de emprendemento. 

Uqui Permui

Deseñadora gráfica e UX e profesora asociada na Universidade de Santiago de Compostela. Desenvolveu diferentes proxectos colectivos vinculados á esfera pública, á arte, ao deseño e á investigación. É o caso de Proxecto-Edición (2006-2009), Contedor de feminismos (2009-2022), En Negro Contra as Violencias (2015-2022) ou From Spain With Design (2019-2023), entre outros. É socia da Asociación Galega de deseño (DAG) e a súa representante en READ (Foro de Asociaciones de Diseño de España) da que foi presidenta nos anos 2021 e 2022. É padroeira da Fundación Castelao. 

Verónica Moar

Ceramista e artista galega. A súa práctica artística caracterízase por desdebuxar as fronteiras convencionais da cerámica expandindo as súas posibilidades en eidos como a escultura, a performance ou a danza contemporánea. No 2014 acadou a bolsa Eloy Gesto dos Premios Artesanía de Galicia e nos últimos anos realizou exhibicións individuais en institucións como a Fundación DIDAC ou no Museo Arqueolóxico da Coruña, ademais de participar en proxectos expositivos colectivos con carácter nacional e internacional.

InstagramLinkedIn