Palas de Rei I Seadur, Larouco
Do 18 ao 22 de abril
Do 18 ao 22 de abril
Proxecto Lugares é unha iniciativa de pensamento contemporáneo, aprendizaxe e intervención paisaxística que se desenvolve no espazo público dunha das rutas máis transitadas en todo o mundo: o Camiño de Santiago.
O proxecto nace na primavera de 2023 a través dunhas xornadas de debate e dun taller en dous puntos específicos da ruta xacobea: Palas de Rei (Lugo), localidade situada no Camiño Primitivo, e Seadur (Larouco, Ourense), aldea próxima ao Camiño de Inverno. O obxectivo do Proxecto Lugares é expandir esta proposta e que teña continuidade até 2027, o vindeiro Ano Santo.
Un cruzamento entre a arquitectura da paisaxe, a artesanía e o deseño, no eido contemporáneo, coas comunidades locais que habitan territorios polos que transita o Camiño de Santiago
English Version
Versión en galego e castelán
Obxectivos:
Xerar pensamento e narrativas contemporáneas arredor do coidado, embelecemento e uso de materiais naturais e sostibles no espazo público da ruta xacobea tendo presente ás persoas peregrinas e á veciñanza dos lugares polos que transita.
Transmitir o coñecemento e técnicas de intervención na paisaxe ás comunidades locais dos territorios polos que discorre o Camiño de Santiago.
Deseñar, da man das comunidades locais, unha intervención sostible e coa ollada posta na arquitectura da paisaxe, do deseño e da artesanía contemporánea para xerar novas experiencias no espazo público do Camiño de Santiago.
Favorecer a creación de comunidade a través de procesos culturais vinculados á intervención na paisaxe desde unha mirada transdisciplinar.
O proxecto desprégase nas comarcas da Ulloa e Valdeorras en catro fases de traballo ou formatos:
Mediación. Proxecto Lugares desenvolve, desde febreiro de 2023, dous procesos de mediación con axentes sociais de Palas de Rei e da comarca de Valdeorras, a través de conversas ou entrevistas, coa intención de identificar, desde a proximidade, lugares, materiais e valores no territorio do Camiño, co obxectivo de poder imaxinar unha intervención de arquitectura da paisaxe sostible.
Seminario. O Castelo de Pambre acollerá os días 18 e 19 de abril de 2023 unhas xornadas de encontro e pensamento, na que profesionais vinculadas á arquitectura, paisaxe, deseño e artesanía abordarán cuestións vinculadas ás posibilidades de intervencións arquitectónicas, paisaxísticas e artísticas, desde unha visión sostible e contemporánea, no espazo público do Camiño de Santiago.
Taller. A aldea de Seadur (Larouco), na comarca ourensá de Valdeorras, acollerá un obradoiro aberto ás comunidades locais para, a través da transmisión de técnicas da arquitectura, da paisaxe, da artesanía e do deseño, imaxinar e desenvolver unha maqueta ou propotipo dunha posible intervención no espazo público.
Publicación. Todo o proceso do Proxecto Lugares quedará documentado cunha publicación de carácter ‘crossmedia’, na que se poderán consultar textos, conclusións, fotografías ou vídeos producidos ao longo do proceso.
Lugares:
O seminario no Castelo de Pambre, Palas de Rei.
O taller nas covas de Seadur, Larouco.
A participación tanto no seminario como no taller realizarase previa inscrición.
EQUIPO
Dirección: Natalia Balseiro
Produción: Caterina Varela
Mediación: Cristina de la Torre e Sabela Ramos
Deseño: Uqui Permui
Comunicación: Lucía Martínez e Lucía Pita
Proxecto Lugares é unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e patrocinada pola Fundación “La Caixa”