O legado sonoro de Jacinta Landa Vaz.
Autores: José Luís do Pico, Domingos Morais e Pilar Barrios.
Col. A chave mestra. Ed. aCentral. P.V.P. 20 € Correio editora
Presentación de O legado sonoro de Jacinta Landa Vaz
Rianxo, 9-12-2017
Aurora Marco
Os apelidos das familias Viqueira e Landa, unidas posteriormente por matrimonio entre irmáns –Jacinta e Ruben Landa Vaz casaron con Johán Vicente e Mª Luísa Viqueira–, teñen ampla resonancia nas voces que incluín no meu Dicionario de mulleres galegas: Carmen e Luísa López-Cortón Viqueira, Mª Luísa Viqueira López-Cortón, Natalia Cossío López-Cortón, Jacinta Landa Vaz e as fillas Carmen e Luísa Viqueira Landa, mulleres cultas que se formaron na Institución Libre de Enseñanza (ILE), algunhas fixeron parte do cadro de profesorado, foron directoras das colonias escolares ou colaboraron no seu Boletín. Aquela institución, como é sabido, deu paso a un período de transformacións, de mudanzas, porque defendeu un proxecto renovador que prestou atención especial á educación e instrución feminina. As mulleres das familias citadas adiantáronse ao seu tempo e foron abrindo camiños polos que agora transitamos. O seu foi un traballo constante, calado, produtivo, silenciado, e até menosprezado na longa noite de pedra. Na altura en que comezou o interminábel e duro franquismo, as mencionadas, e outras moitas mulleres, non encaixaban no modelo ideal feminino que propugnaba o réxime ditatorial, tarefa en que foi clave o apoio teórico e práctico da Sección Femenina e da Igrexa. E como sobre elas sempre se pousou o manto da invisibilidade, houbo que ir reforestando, pouco e pouco, con árbores senlleiras o bosque da historia do feminino.
Coa publicación deste libro, José Luís Do Pico Orjais e as persoas que o acompañan nesta publicación (Domingos Morais, Pilar Barrios Manzano, Jacinta Palerm e Ramon Pinheiro Almuinha) veñen encher unha lagoa ao nos presentar unha parte fundamental da traxectoria de Jacinta Landa á que engaden un contributo importantísimo, o seu legado sonoro. Do período en que se centra esta monografía, desde que naceu, en 1894, até 1939, trasládanos catro itinerarios:
1º. A etapa de formación no ambiente institucionista que marcou todas as familias vinculadas á ILE e, tamén, aos seus fillos e fillas. A carreira de Maxisterio e a especialización no ensino de criaturas cegas e xordomudas.
2º. A etapa de inmersión na cultura galega tras o seu matrimonio con Johán Vicente Viqueira. Naqueles sete anos en Galiza (1917-1924), e os veráns dos anos posteriores, a familia viveu nun ambiente inzado de galeguismo: á única filla que naceu na Coruña en 1918, Luísa, o pai ensinouna a falar e escribir en galego cun material que el propio elaborou de forma caseira, un caderno-libro con debuxos e textos para a aprendizaxe do galego. Aprendizaxe que tiña continuidade en San Fiz de Vixoi-Bergondo coa avoa paterna en período vacacional e nos paseos que daba co pai pola horta de Vixoi para ensinarlle a nomear prantas e animais.
Claro é que o galego para Jacinta non era lingua en absoluto allea dado que era filla de portuguesa e, ambas as linguas, son dúas ponlas dun tronco común, o galego-portugués. Por iso, ao escuitarmos cantar Jacinta Landa, non estraña o sotaque galego que subliña Orjais ao se referir ás gravacións das cancións.
3º. Hai un terceiro itinerario que se iniciou en 1924, ao ficar viúva. Con 30 anos e tres criaturas pequenas, Jacinta enfrontou a vida con coraxe. Trasladouse a Madrid, fixo estudos de xinecoloxía e exerceu de comadroa co profesor Manuel Varela Radío. Pouco tempo debeu permanecer naquel traballo, mais como foi muller de iniciativas, foi unha emprendedora, a dedicación pedagóxica estaba no seu punto de mira porque cursara a carreira de Maxisterio. Na liña dos principios institucionistas, fundou e codirixiu dous centros coeducativos, "Escuela Internacional Española" e "Escuela Plurilingüe", destinados a un público infantil e inspirados na ILE. Un experimento educativo único en Europa, cuxa influencia na renovación da vida cultural española caracterizou toda unha época.
Poucas mulleres dirixiron centros como os citados naquel momento, mais en diversas reportaxes que tiven ocasión de consultar na prensa madrileña, algunhas con profusión de datos e fotos, o nome de Jacinta Landa non aparece nen unha soa vez –si nalgunha foto que se reproduce no libro que estamos a presentar–; o mencionado é José Castillejo, cofundador con ela do primeiro centro, un xurista e pedagogo vencellado á ILE, a quen todo o mundo aplaudía. O descoñecemento e o manto de silencio e esquecemento que cubriu a vida e actividade das mulleres, fixérona desaparecer do imaxinario colectivo durante moitos anos. Así aconteceu tamén coas demais integrantes destas dúas familias.
E iso que Jacinta Landa foi muller moi activa naquelas dúas décadas do século XX, cun perfil emancipado e moderno, que brillou con luz propia polo seu talento e preparación. Quer nos proxectos pedagóxicos que fundou, quer na actividade asociativa e tamén coa propia vida, mostrou un inequívoco compromiso cos dereitos femininos. Foi unha das fundadoras, en 1926, do "Lyceum Club Femenino", unha asociación feminista que defendía a igualdade, a incorporación das mulleres ao mundo do traballo, a mudanza na súa situación xurídica e social e onde tamén xurdiu o tema do sufraxio feminino, que foi fundamental para que en 1931, por iniciativa de Clara Campoamor, fose aprobado nas Cortes. O Lyceum foi acollido con muita hostilidade polos medios conservadores da época, en plena ditadura de Primo de Rivera –chamábanlle o "clube das maridas"–, e as que facían parte del eran consideradas como unhas loucas. Presidido pola pedagoga María de Maeztu, tivo entre as asociadas figuras salientes do activismo feminista, entre outras: Clara Campoamor, Isabel Oyarzábal, Victoria Kent, Zenobia de Camprubí ou Encarnación Aragoneses, máis coñecida como Elena Fortún, que foi, por certo, profesora da Escola Plurilingüe.
4º. Levo tantos anos recollendo historias de mulleres republicanas, historias de represaliadas polo franquismo (o exilio é unha forma de represión), que cada vez sinto máis admiración polas que protagonizaron esta parte da historia de noso. Algunhas, sabémolo ben, pagaron coa morte. Por iso a etapa final de Jacinta en España, a do 4º itinerario, ten un interese especial para min. É a etapa da entrega á causa da República, a etapa de compromiso social, a da partida cara o exilio para fuxir da represión desatada tras o levantamento militar, que a colleu en Galiza, a onde acudía coa familia os veráns. Recluída coas dúas fillas e fillo e os duns amigos no pazo de San Fiz de Vixoi, Bergondo, case en réxime de clandestinidade, grazas a diversas xestións logrou sacar a aquelas doce nenas e nenos, baixo a aparencia dunha colonia infantil. Cóntase no libro con máis detalle.
Cun inequívoco compromiso de esquerdas, aquela militante da solidariedade regresou desde Francia a Madrid coa idea de seguir defendendo a República. Nun ambiente bélico como aquel cumpría resistir; cumpría buscar unha raiola de luz entre tanta escuridade, pór en funcionamento a fortaleza, despregar o mundo interior para non desfalecer, para ser útil, para axudar, para defender as causas da xustiza e a liberdade. E así o fixo Jacinta Landa, como se pon de manifesto nunha acción solidaria pouco coñecida, que recolleu a revista Crónica nunha completa reportaxe gráfica de 19 de agosto de 1936 –"Los hijos de los que luchan. Un albergue de niños en la Escuela Plurilingüe"–, asinada por Elena Fortún: Para cooperar coas familias dos milicianos que estaban na fronte e non tiñan medios económicos para alimentaren os fillos e fillas, o profesorado da Escola Plurilingüe cedeu os locais para albergue de nenos e nenas de Chamartín. Entre as profesoras que atenderon aquelas criaturas estaba tamén Laura de los Ríos Giner, filla do ex-ministro Fernando de los Ríos, que desenvolveu un importante labor intelectual no exilio.
Durante os tres anos da guerra (in)civil, Jacinta permaneceu nese labor calado e solidario, en diversos cometidos e lugares: en Villalgordo del Júcar, Albacete, no Consello da Infancia do Ministerio de Instrución Pública, en Valencia, en Barcelona e no sur de Francia. Finalmente, conseguiu reunirse coas fillas e fillo e marcharon a México.
O exilio, ben o sabemos, foi un baleiro irreparábel, un sobrevivir feito de ausencias. Moitas mulleres, como ela, foron arrincadas da terra e, coas raíces no ar, fuxiron dun destino incerto, do cárcere ou da morte. Na procura de acougo foron incorporándose aos hábitos do país de acollida e trataron de recompor o mundo perdido e de integrarse nos países receptores. A súa foi unha viaxe cara a liberdade mais tinxida de dor porque levaban nos ollos o seu país amado e pendurado do corazón, o cartafol da saudade.
Jacinta Landa e os descendentes non quixeron regresar á terra en que naceran ou viviran, á terra dos afectos, como si fixeron outras exiliadas e exiliados. Luísa Viqueira Landa, a filla máis vella, viaxou por primeira e única vez a Galiza en 1979, trinta anos despois da súa partida. Despois de seis meses de estadía, e de ter chorado moito, regresou a México e dixo: “Non podo regresar ao lugar en que a miña vida foi truncada”. Así mo trasladou o seu fillo, Manuel Rodríguez Viqueira, neto de Jacinta Landa.
Tarde ou cedo, as persoas que agardamos, dunha ou doutra forma acaban por regresar. A través da investigación de José Luis Do Pico Orjais, volve Jacinta Landa e faino co seu importante legado. Como sempre houbo mulleres gardadoras da palabra, mulleres transmisoras da cultura de base folclórica, regresa Jacinta á terra branca e azul onde están os restos do seu home e da súa filla Luísa, para nos provocar emocións ao escoitar estas cancións. Eurídice tamén cantaba, non só Orfeo.
Se este país noso fose como tiña que ser, se fose o país que soñamos e polo que traballamos, e se os nosos desexos se convertesen en gozosa realidade, Jacinta Landa, as mulleres da familia Viqueira-Landa e, por extensión, outras moitas mulleres que deixaron a súa pegada na sociedade, serían recoñecidas pola Administración, serían homenaxeadas; nos centros escolares falaríase delas, as institucións sentiríanse orgullosas das súas achegas, os seus nomes estarían nas historias, nas enciclopedias, en monografías temáticas... Mais ben sabemos que a que temos non é a Galiza soñada. Por iso, cómpre seguir traballando, cadaquén na parcela en que desenvolve a súa actividade. E non convén deixar de soñar... Algún día todo cambiará.
Como dicía ao comezo desta intervención, hai que seguir reforestando a historia do feminino e publicando libros como O legado sonoro de Jacinta Landa Vaz, que serven para nos reconciliar un pouco co mundo. Parabéns, José Luís Do Pico por esta recuperación; parabéns, Pinheiro Almuinha por esta fermosa edición, feita con agarimo. Para alén do seu indudábel valor per se, trátase dun material moi valioso do ponto de vista didáctico para as aulas de diversas materias: música, lingua e literatura, historia... Con el introducimos máis unha voz da memoria democrática. Os centros escolares deben ser os primeiros en educar nos valores da democracia.
Neste tempo en que andamos de tantas liquidacións, e non precisamente de roupa, bo será ter presente as licións de mulleres como Jacinta, que fixo parte do que a historiadora Fernanda Romeu denominou “o eixo invisíbel do acontecemento histórico”, ausente case sempre das fontes escritas.
Do Pico Orjais é un home da súa terra e do seu tempo. Esta frase tan xeral pode semellar un tópico aplicábel a calquer persoa. Penso que é muito máis, é algo que vai alén do marco territorial e do cronolóxico implícito na citada frase, porque ben sabemos que hai moitas formas de estarmos no mundo, no mundo de noso: entrega e paixón pola Terra, pola música, pola lingua, pola cultura, pola docencia, pola investigación ... Iso é o que fai José Luís Do Pico. Non hai máis que percorrer a súa traxectoria, ver as súas publicacións (Cantos e bailes da Galiza, Ayes de mi país, Cantos Lusófonos, A música de seis poemas universais de Ernesto Guerra da Cal) e ler no seu blogue "Ilha de Orjais", onde tamén está o poeta... Precisamos investigadores, galegos como Do Pico e agardamos que nos agasalle con novos contributos.
E máis nada. Xa falei abondo...