O miño na praia de Oira
Pozas da Chavasqueira
Pozas do Muíño da Veiga
Distancia: 13 km
Dificultade: baixa
Duración: 4 horas
Ruta urbana e periurbana, duns 13 km de percorrido, ben acondicionada e de doado camiñar, sen desniveis, versátil, con multitude de accesos que posibilitan o facela enteira ou por partes. Unha ruta que se pode facer só por camiñar pero tamén por diferentes motivacións ou con distintas ideas e temáticas.
A primeira metade, a máis próxima a cidade, pódese facer como a ruta das pontes nela podemos ver e visitar as pontes do Ribeiriño, do Milenio, a ponte Vella, a pasarela do centro comercial, a ponte Nova, a ponte do tren, a ponte do río Loña e a pasarela á praia de Oira, cada unha coas características representativas da época da súa construción, feitas en distintos materiais e con utilidades diferentes. 4,3 km circular desde a ponte do Milenio á pasarela de Oira e volta.
Unha segunda opción pode ser a ruta termal que partindo tamén da ponte do Milenio e pasando por debaixo da do Ribeiriño nos leva ao longo das diferentes termas, acondicionadas, que se atopan seguindo o curso do río. Pasamos primeiro pola Chavasqueira, máis adiante pola do Tinteiro, logo pola do Muíño da Veiga e por último pola de Outariz, cruzamos o río pola ponte peonil e volvemos polo Paseo das Ninfas, onde atoparemos a fonte de Reza, ao punto de partida. Neste traxecto percorremos 9 km.
Tamén se pode facer para coñecer a vida do río e das súas marxes, nas que se atopa un amplo catálogo de especies arbóreas autóctonas e foráneas, silvestres, forestais e de xardín (contamos máis de corenta especies) e diferentes especies de aves sedentarias e visitantes en distintas épocas do ano; ou para coñecer os muíños de río.
Na proximidade de Ourense, ao longo das fallas polas que corren os ríos, atópanse numerosas surxencias de augas termais que son aproveitadas para o baño (con fins lúdicos ou curativos) e como fonte de enerxía nas piscinas municipais.
Na beira do Miño atópanse as Burgas da Chavasqueira, O Tinteiro, a Burga do Muíño da Veiga, as Burgas de Outariz e a Fonte de Reza.
A presenza de augas termais débese a que existe unha infiltración de augas superficiais que chega a focos térmicos internos onde quecen para xurdiren logo chegando á superficie cunha temperatura superior á do ambiente.