Resultado dos traballos co grupo Textos do Poleiro para preparar textos clásicos. Podes ler os cantos, en galego, coa tradución de GDD, na páxina do IES Celanova CEF: padlet.com/isidoragil/textos-do-poleiro-pi8vkffnrinx
CANTO 1
Cóntame, Musa, do home agudo que tanto viaxou, despois de estragar a sagrada cidade de Troia, ese que viu e soubo das vilas e da idea de moitos homes, ese a quen o peito tantos traballos lle pasou no Ponto, loitando pola vida e a volta dos seus compañeiros, sen que os dera salvado... e iso que ben o tentara! Pero seica morreron polas súas tolerías. Os parvos! Comeron as vacas de Helios Hiperión que foi quen logo lles roubou o día do retorno!
CANTO 2
Mirade que trampa non vos discorreu ela!.. Á beira do tear púxose a tecer un enorme pano fino e díxonos de contado: “Mozos e pretendentes meus, como seica morreu o divino Odiseo, con ansia esperade a miña voda ata que eu remate o pano, non me vaia quedar estragado en balde o tecido para o sudario do heroe Laertes, para cando o leve o destino funesto da moi triste morte, e non se vaia alporizar contra min algunha entre as Aqueas se el queda, de corpo presente, sen sudario, tendo tantas riquezas como ten.”
CANTO 5
Despois de falar así marchou o forte mensaxeiro e a ninfa soberana foi onde o valente Odiseo, tras escoitar o recado de Zeus. Atopouno sentado na praia, cos ollos que nunca lle secaban de bágoas; corría a doce vida e el soñaba coa volta. Seica a ninfa xa non lle gustaba. As noites pasábaas na brillante cova, á forza, onda ela, que así o quería sen que el o quixera, e pasaba os días sentado entre as pedras da praia, rompendo o peito entre choros, laios e pesares e, sempre con bágoas nos ollos, cara o incansable Ponto miraba.
CANTO 6
“Nausícaa, así de deixada te pariu a túa nai? Está a branca roupa sen que ansia teñas dela, e tes a voda cerca, onde cómpre que ben fermosa a leves; ese é o xeito de que a xente se faga con boa fama e se contenten o teu pai e a túa nai, nosa señora. Marchemos lavala logo, cando veña a aurora. Eu irei tamén canda ti, por che dar compaña e acabar logo; que seica xa moito non has botar de rapaza, pois, se a túa familia mo permite, xa te pretende todo o mellor que hai no pobo dos Feacios. Bule! Vai pedirlle ao teu nobre pai que, coa aurora, che prepare as mulas e o carro que ha levar os cintos, os peplos e maila branca roupa. Que moito mellor che é ir así que marchar a pé, porque lonxe da vila quedan os lavadoiros.”
CANTO 7
Cando xa estaba por entrar na fermosa cidade foino atopar a deusa Atenea de ollos claros, coa feitura dunha moza que levaba unha ola. Púxoselle a preguntar o divino Odiseo: “Ai nena, non me habías dar indicado a casa de Alcínoo, aquel que entre estes homes goberna?... Eu sonche un sufrido estranxeiro que aquí chega, lonxe da súa terra, e non coñece ningún home dos que habitan esta cidade e estes terreos”.
CANTO 9
Así me falou; eu deille negro viño outra vez. Tres veces llo levei e tres veces o bebeu dunha sentada, de ignorante que era. Ao fin, cando xa o viño lle chegou á cabeza, díxenlle con palabras de mel: “Ciclope, seica me preguntas o meu famoso nome? Eu direicho, mais ti hasme dar hospitalidade, tal como prometiches. Ninguén é o meu nome e Ninguén chámanme o meu pai e a miña nai e todos os meus compañeiros”.
CANTO 10
Ela fíxoos pasar e sentounos en cadeiras e butacas. Mesturoulles queixo, fariña e mel amarela con viño de Pramnes e botoulle ao pan unha mala droga, para que de todo esqueceran a súa patria; despois deulles coa súa variña e pechounos en cortes. Tiñan cabeza, voz, pelo e corpo de porcos, pero o coñecemento estáballes sen cambio, coma antes, e choraban. Circe botoulles landras de aciñeira e belotas para que comeran, tal como comen sempre os porcos que dormen no chan.
CANTO 11
Mais eu, na miña cabeza, cavilaba como había abrazar a ánima da miña nai defunta, pois o peito mandábame darlle un abrazo. Tres veces me botei a ela e tres veces marchou ela voando dos meus brazos coa feitura dunha sombra ou dun soño. Unha dor cada vez máis aguda foime medrando no peito e dirixinme a ela con aladas palabras: “Miña nai, coa ansia que teño de te abrazar, porque non paras, para que nos deamos un abrazo no Hades e nos fartemos das tristes bágoas? Seica a ilustre Perséfone me mandou esta sombra para que chorando aínda máis me laie?”
CANTO 12
Has chegar primeiro xunto ás sereas, aquelas que enmeigan aos homes que van onda elas. Para quen se achegue alá, a escoitar a voz das sereas por culpa da súa ignorancia, xa non haberá muller, nin tenros fillos, nin a volta á casa, nin terá contento, senón que as sereas acabarán por enmeigalo co seu sonoro canto, sentadas nun lameiro como están, co gran montón de ósos e o pelello dos homes que lles fixeron caso a cada lado...
CANTO 13
Despois xa que baixaron ata a nave e o mar, de seguida lles colleron as cousas das mans os ilustres tripulantes e meteron toda a comida e a bebida no barco. Despois, sobre a cuberta de proa da espléndida nave, estendéronlle a Odiseo unha colcha de liño, para que durmira a gusto. El tamén subiu e deitouse en silencio. Eles sentaron en orde, cadaquén onda o seu remo e soltaron a amarra da pedra furada. Engruñados, facían saltar a auga do mar co remo, mentres a el lle ía caendo sobre as pálpebras un suave sono, moi parecido á morte.
CANTO 14
Ao deixar ao porto foi dar a un carreiro costento que subía entre os cumios por terreo de bosque; alí lle indicou Atenea ao divino porqueiro que, dos criados de Odiseo, era quen máis ansia lle tiña da vida. Atopouno sentado diante da casa, nun lugar vistoso, onde un patio alto, fermoso, grande e redondo que construíra o propio porqueiro para os porcos estando fóra o seu señor, lonxe da súa señora e do vello Laertes.
CANTO 15
Alá sentaron en butacas e unha criada veu cunha fermosa xerra de ouro botarlles auga nunha almofía de prata, para que se lavaran; puxo unha mesa pulida con moita comida por riba e veu co pan unha criada moi formal e agradable para os presentes. O Boetoides cortaba a carne e repartía as racións e o fillo do ilustre Menelao servía o viño.
CANTO 16
“Non che son un deus. Por que me confundes cos inmortais? Son o teu pai, aquel por quen choras e tantas penas pasas e levas malos tratos dos homes”.
Despois de falar así bicou ao fillo e entón empezáronlle a caer as lágrimas ao chan polas meixelas embaixo, cando estivera enteiro ata o momento.
CANTO 17
Así estaban a falar entre eles cando un can que había deitado ergueu a cabeza e as orellas; era Argos, o can que o sufrido Odiseo criara antes de marchar á sagrada Ilión. Ao tempo levábano os mozos canda eles para as cabras montesas, os corzos e as lebres, pero daquela, dende que marchara o seu amo, quedaba alí, sen que para el miraran, deitado diante das portas, entre a moita merda de vacas e de mulas que esperaba nun montón a que os escravos a levaran para estercar a enorme propiedade de Odiseo. Alí estaba deitado, cheo de carrachos, o can Argos. Cando sentiu a Odiseo ao lado, púxose a mover no rabo e agachou as dúas orellas, pero xa non se deu acercado máis ao amo, quen, ao velo...
CANTO 18
“Ai, amigos! Nunca antes se viu trangallada como nos traen os deuses a este pazo! O vagabundo e Iro están a picarse á pelexa; botémolos logo un contra outro”.
CANTO 19
...heiche lavar os pés tanto por causa de Penélope como pola túa, pois, coas túas penas, rebúleme o corazón por dentro. Mira o que che digo: moitos estranxeiros coitados chegaron aquí, pero dígoche que ningún que tanto se lle imitara a Odiseo como ti te lle pareces no corpo, na voz e nas pernas”.
CANTO 20
“Porqueiro, quen é o estranxeiro que vén de chegar á nosa casa? De que homes declara ser? Cal é a súa familia e a súa terra? Coitado! Ben que parece un rei, de corpo! Mais os deuses funden aos homes na miseria máis completa, cando mesmo lles argallan a desgracia aos reis”.
CANTO 21
“Escoitádeme, ilustres pretendentes que vos botastes a comer e beber a feito nesta casa o tempo que o meu home leva fóra, sen máis escusa que a vosa ansia por facerme vosa muller! Veña, pois! Xa que xurdiu esta competición, vouvos poñer diante o forte arco do divino Odiseo; quen teña mellores mans para tensalo e dea pasado unha frecha polas doce machadas, canda el hei marchar e deixar a casa do meu home, tan fermosa e chea de vida que creo que mesmo en soños me lembrarei dela.”
CANTO 22
Odiseo apuntou e acertoulle coa frecha na gorxa e a punta atravesoulle o tenro pescozo e, así que lle deu, inclinouse cara atrás, a copa caeulle da man e saíulle polo nariz ao momento un chorro de sangue, dunha patada tirou a mesa de onda el e botou polo chan os manxares e o pan e a carne asada quedaron perdidos;
CANTO 23
Despois de prepararlle con moita ansia a boa cama, a vella volveu atravesar o pazo e a camareira Eurínomos guiounos ata o leito cunha lámpada entre as mans e, así que os levou ao dormitorio, volveuse. Eles, entón, chegaron felices ao seu vello leito, ao tempo que Telémaco, o vaqueiro e o porqueiro paraban o baile, facían descansar ás mulleres e se deitaban todos no salón escuro. Mais, cando os dous se fartaron do amor saboroso, gozaron un co outro da fala;
CANTO 24
En canto estes andaban preparando o xantar no pazo, logo chegou a voz por toda a cidade coa nova que anunciaba a terrible morte e a desgracia dos pretendentes. Nada máis oíla, chegaron uns dun sitio e outros doutro diante do palacio de Odiseo con lamentos e laídos, cadaquén levou do pazo os cadáveres e deulles sepultura.