💡 Actividade do Club de Ciencia
Co gallo do 11 de febreiro, parte do alumnado do Club de Ciencia, en colaboración co Equipo de Mediación, levou ás aulas unha actividade de divulgación para achegar a labor das científicas ao resto do centro.
Cada participante presentouse como unha científica relevante, identificándose cunha chapa e cun obxecto representativo do seu traballo. En intervencións moi breves, compartiron quenes eran e por que as súas achegas seguen sendo importantes hoxe en día.
Durante as semanas previas prepararon a actividade buscando información, seleccionando as ideas principais e practicando as súas presentacións con concentración e ilusión compartida.
Froito deste esforzo, a iniciativa tivo moi boa acollida nas aulas. Agradecemos ao profesorado a súa colaboración por permitirnos entrar nas súas clases e facer posible esta experiencia.
Seguimos traballando para que a ciencia e a igualdade teñan cada vez máis voz e presencia… Ata o ano que vén! 🧪⚖️
💡 Actividade do Club de Ciencia
O pasado 17 de decembro tivemos o pracer de contar con Xurxo Mariño, biólogo e divulgador científico galego, nunha charla dirixida ao alumnado de toda a ESO centrada no cerebro humano e o desenvolvemento da linguaxe.
Ao longo da sesión, Xurxo achegou conceptos complexos dun xeito claro, ameno e cheo de exemplos, convidando o alumnado a reflexionar sobre como pensamos, sentimos e nos comunicamos. A charla espertou moita curiosidade e deu lugar a numerosas preguntas entre o alumnado.
A actividade tivo lugar no Auditorio Municipal. Queremos agradecer ao Concello a cesión deste espazo e a Xurxo Mariño a súa dispoñibilidade e proximidade para achegar a ciencia ao noso alumnado (e profesorado!).
💡 Actividade do Club de Ciencia
Seguimos explorando técnicas de laboratorio enfocadas ao Nadal: desta volta traballando coa cristalización, un proceso natural que podemos reproducir no laboratorio con materiais moi sinxelos.
Cada grupo deseñou a súa propia decoración de Nadal usando limpiapipas de cores, e preparou disolucións saturadas de sal ou azucre.
A auga quente das disolucións foi capaz de disolver máis cantidade de soluto (sal ou azucre) que a auga fría, polo que puidemos saturar as disolucións. Cando as disolucións arrefriaron e parte da auga evaporou, o soluto xa non "coubo" disolto e comezou a acumularse sobre os limpiapipas en forma de cristais.
Tamén intentamos empregar como soluto un produto comercial substituto do bórax… E descubrimos que non era o composto químico axeitado. Un pequeno erro de laboratorio que nos serviu para seguir comprobando que investigar é tamén equivocarse e volver intentalo con máis información.
O resultado final foron unhas estupendas decoracións científicas de Nadal que exporemos no noso Recuncho da Ciencia, e moitas ganas de seguir experimentando!
Disolución saturada de sal
Tempo = 0 horas
Disolución saturada de sal
Tempo = 3 horas
Disolución saturada de sal
Tempo = 24 horas
💡 Actividade do Club de Ciencia
Neste mes quixemos achegarnos á ciencia a través de técnicas reais de laboratorio, pero dándolles unha volta creativa.
Primeiro traballamos cunha técnica histórica, a cianotipia, que permite crear imaxes usando só a luz do Sol sobre un papel especial. As sales de ferro presentes no papel fotosensible redúcense coa enerxía da luz e forman un pigmento moi estable:o azul de Prusia. As zonas que reciben luz vólvense azuis escuras; as que quedan á sombra, permanecen claras.
Tamén coñecemos o traballo de Anna Atkins, considerada a primeira persoa en publicar un libro de fotografía: no século XIX empregou a cianotipia para rexistrar algas e plantas, unindo arte e botánica.
Coa súa inspiración, saímos ao patio para recoller follas, herbas e texturas naturais. Cada grupo preparou dúas composicións: unha de inspiración navideña e outra máis científica ou abstracta.
A pesar de que as probas previas funcionaron, nas primeiras sesións os resultados non foron os esperados: os días nubrados provocaron unha subexposición á luz e a maioría dos fotogramas quedaron case en branco. Pero tamén diso se aprende: a ciencia non sempre sae á primeira, e a miúdo o erro é unha oportunidade de aprendizaxe. Así que en canto asome o Sol -se tal cousa ocorre- repetiremos a práctica. Neste Club de Ciencia non somos de rendirnos ante á primeira dificultade!
Imaxe orixinal e contexto científico en Mujeres con ciencia.
Na nosa primeira proba recoñecemos algunhas plantas do patio: Begonia, Tuia, Hedra, Fresa, Acivro...
💡 Actividade do Club de Ciencia
🎃 Coincidindo coa semana do Samaín / Halloween, hoxe o noso alumnado do Club de Ciencia mergullouse nun laboratorio un pouco diferente do habitual… Convertéronse en científicos e científicas de monstros!
Observamos mostras reais co microscopio —tecidos animais e pequenas preparacións biolóxicas— e transformámolas en achados fantásticos: “Pelos de lobishome”, “Papilas gustativas de chupacabras”, “Tripas de zombi”...
Cada grupo inventou un nome e unha historia para a súa mostra, ✏️ debuxou o que viu ao microscopio e elaborou unha ficha para o noso Museo microscópico de mostras, exposto no Recuncho de Ciencias.
Unha práctica para mirar con curiosidade… E descubrir que a ciencia tamén pode ter moito de arte... E de humor.
Mostra monstruosa nº 1:
Folículo piloso de Lobishome 🐺
Mostra monstruosa nº 2:
Tripas de zombi 🧟
Mostra monstruosa nº 3:
Papilas gustativas de chupacabras ☠️
Mostra monstruosa nº 4:
Musgo de bosque encantado 🍃
💡 Actividade do Club de Ciencia
Para comezar o curso, o Club de Ciencia puxo a proba o seu enxeño cun escape room científico no que os nosos científicos e científicas tiveron que descifrar pictogramas 🔥, identificar material de laboratorio 🧪 e seguir as ⚠️ normas de seguridade para conseguir saír a tempo!
Entre probetas, pistas escondidas e moito traballo en equipo, aprenderon que a ciencia tamén require observación, cooperación… E unha boa dose de curiosidade.
🧪 ⚗️ 🥽 ⚠️ 🧤
📢 Novas do proxecto
Únete!
📝 Preinscrición en papel
⏰ Cando: 10/10/25 (recreo)
📍 Onde: laboratorio
👉 Reunións previstas: luns 15:00–16:00
💬 Dúbidas? Escribide por E-Dixgal!
📢 Novas do proxecto
🎉 A Consellería de Educación selecciona ao CPI Alfonso VII para participar por primeira vez no programa de innovación Club de Ciencia 2025/26 🧪
🗓️ Reunións: sesións semanais os luns a mediodía no laboratorio
👥 Participación: grupo voluntario, detalles nas próximas semanas
🔗 Resolución provisional (8-10-25): ligazón
🔗 Resolución definitiva (7-11-25): ligazón
Se tedes curiosidade, estade atentos a este blog: iremos contando avances e datas clave. Arrincamos con ganas o próximo luns 20 de outubro! 🔍