💡 Actividade do Club de Ciencia
Co gallo do 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, o alumnado do Club de Ciencia, en colaboración co Equipo de Mediación, organizou unha actividade de divulgación científica para achegar ás aulas do centro o traballo e as achegas de distintas científicas relevantes.
A proposta consistiu en que cada participante se presentase como unha científica concreta, identificándose cunha chapa deseñada para a actividade e cun obxecto representativo do seu traballo. En intervencións breves, de arredor de medio minuto, explicaron en primeira persoa quen eran, que investigaron e por que as súas achegas seguen tendo impacto na ciencia e na nosa vida cotiá.
Durante as semanas previas, o alumnado preparou a actividade con responsabilidade e compromiso: buscaron información, seleccionaron as ideas principais, sintetizaron os contidos e practicaron as súas intervencións ata axustalas ao tempo previsto. Este proceso permitiulles non só coñecer mellor as traxectorias destas científicas, senón tamén desenvolver competencias comunicativas, capacidade de síntese e seguridade na exposición oral.
A actividade desenvolveuse nas distintas aulas de ESO e 5º e 6º de primaria centro, onde foi recibida con interese e atención polo alumnado. O formato breve e dinámico facilitou a participación e permitiu que a mensaxe chegase de maneira clara e directa.
Queremos agradecer especialmente ao profesorado a súa colaboración e dispoñibilidade por permitirnos entrar nas súas clases e facer posible esta iniciativa. Grazas a este traballo conxunto, o 11F converteuse nunha oportunidade para reflexionar sobre a importancia dos referentes femininos na ciencia e para seguir construíndo un centro comprometido coa igualdade e coa cultura científica.
Seguimos traballando para que a ciencia e a igualdade teñan cada vez máis voz e presenza no noso día a día… Ata o ano que vén! 🧪⚖️