Comezamos un novo curso con moita ilusión. Queremos implicar a máis profesorado e alumnado. Queremos convertila nun novo modo de aprendizaxe e, sobre todo, un medio de participación, opinión e reflexión.
Este podcast foi elaborado polo alumnado de 4º PDC arredor do fenómeno Therian, entendido como punto de partida para reflexionar sobre o respecto á diversidade, ás distintas identidades e ás diferentes maneiras de sentir e entender o mundo.
Parabéns a Madeleine, Kevin, Paola, Carlos e Aron.
No Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, Paula e Rocío, alumnas de Oratoria que forman parte do Equipo de Correspondentes, deron voz a catro profesoras de distintas xeracións nun podcast sobre as súas experiencias nas áreas de Matemáticas, Bioloxía e Física e Química.
No Día de Rosalía, Paula e Rocío -alumnas de Oratoria que forman parte do Equipo de Correspondentes- puxéronse ante os micros de "Non calamos. Radio Castro" para ler o manifesto da AELG escrito por Eva Veiga. Animámosvos a escoitar porque, como Rosalía, nós tampouco nos resignamos. "Con ela queremos loitar contra o patriarcado, contra a trata de seres humanos, contra o autoritarismo, contra todas as inxustizas e a prol dunha humanidade responsable que coida da infancia e da educación humanista, aberta ao outro, ao diferente, capaz de mostrar empatía e colaboración".
Este Samaín converteuse nunha celebración da diversidade cultural na Biblioteca do Castro Alobre. O equipo de Correspondentes gravou un podcast no que alumnado de 1 e 2º da ESO compartiu as lendas e tradicións das súas familias, procedentes de lugares tan distintos como Galicia, Arxentina, Venezuela, Uruguai, Bulgaria, Hungría ou da comunidade xitana.
As historias foron traducidas grazas ao traballo colaborativo dos compañeiros e das compañeiras que tamén participan na lectura, creando un espazo común onde todas as culturas se encontran.
Equipo correspondentes: Daniela, Gilmar, Atenea, Antía, Sofía, Alba, Karla e Sabela.
Contadores/as: Sabela D., Mateo, Maguette, Sabela C., Isabella, Aron Ak, Samira, Ander, Lisandro, Freddy, Miguel, Álvaro, Iván, Anthony, Romeo, Alejandro, Brais e Sabela.
O mércores 22 de outubro o alumnado de 4º ESO de Oratoria tivo a oportunidade de visitar, un ano máis, Radio Arousa e aprender das persoas profesionais que cada día nos achegan as noticias da comarca.
Durante a visita, o alumnado tivo o privilexio de contar coa presenza do alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela,que foi entrevistado por Bruno, Joel, Madeleine, Damián, Helena, Antón e Sofía. O alcalde respondeu con cercanía a todas as preguntas e contou que el mesmo estudara no IES Castro Alobre, lembrando canto cambiou o centro desde aquela etapa.
Esta actividade foi posible grazas á nosa participación nos Premios José Hermida, que nos permiten seguir aprendendo e coñecendo o mundo radiofónico.
En "Non calamos. Radio Castro" non podiamos deixar pasar un día tan sinalado como o Día Europeo das Linguas. Por iso, dámoslle voz a dúas exalumnas, Alisha Sheraz e Lidia Dos Anjos. Neste podcast falan da oralidade que, como elas mesmas din "non entende de fronteiras, só de emocións". Convídannos, polo tanto, a celebrar a riqueza da diversidade lingüística a través da narración de historias, pois estas serven para coñecermos outras culturas, así como para romper prexuízos.
Alisha e Lidia contan as historias que a elas lles contaban, historias de dúas culturas (paquistaní e xitana) que se unen neste podcast.
Elas xa non están no noso centro, pero estamos seguras de que seguirán transmitindo as súas historias e a súa cultura con orgullo.
No día no que o estudantado decidiu parar para deter o xenocidio, parte do Equipo de Correspondentes de "Non calamos. Radio Castro" alzou a voz para contar o que está a suceder.
Neste podcast "Especial Palestina", reproducimos a mensaxe que nos enviou a activista Sandra Garrido -agora mesmo secuestrada- minutos antes da interceptación por parte de Israel.
Hai que parar este xenocidio! Palestina libre!