Día Internacional da Radio (13 de febreiro)
Despois dun longo percorrido, vencellado ao Proxecto Competencial, no que se lle puxo nome á radio, se escolleu un logo e se formou a un grupiño de alumnado, por fin Radio Castro empeza a súa andaina.
Este proxecto é posible grazas ao impulso e as ganas de Marisa Moreda (profesora de Lingua galega), Fernando F. Rego (profesor de Física) e ao equipo da biblioteca. Tamén integra o equipo de radio o alumnado correspondente do centro.
Entrevista realizada por Lúa, Paula, Roi, Alexandra e Lián ao xornalista e DJ Carlos Crespo, que no Día Internacional da Radio, veu inaugurar "Non Calamos. Radio Castro".
O venres, 28 de febreiro, festexouse no IES Castro Alobre o ENTROIDO. Como cada ano, alumnado e profesorado preparou os seus espectáculos cheos de música, baile e teatro.
As reporteiras de "Non calamos. Radio Castro" estiveron co micro na man para dar proba do especial que esta festa é para toda a comunidade educativa.
Viva o entroido do Castro!
Puxemos en marcha a Radio escolar con moitas ganas, tantas que xa presentamos algún podcast a concursos e un deles foi seleccionado como finalista nos Premios José Hermida e Xerais.
Esta xa é unha noticia estupenda. Parabéns ao alumnado que paticipou neste concurso.
Abril 2025
O alumnado de Oratoria de 3º ESO, acompañado polas profesoras Marisa e Andrea, visitou, en Vilagarcía, o estudo de Radio Pontevedra da Cadena Ser. Foi unha experiencia moi enriquecedora que, seguro, contribuiu a valorar a importancia deste medio no ensino.
Abril 2025
O 9 de maio foi a gala dos Premios José Hermida. Radio Escolar 2025, convocado por Radio Pontevedra, Cadena Ser. O alumnado do noso centro recibiu o seu merecido Premio especial Edicións Xerais polo podcast "Somos pandereiteiras", no que Alexandra, Roi, Lian, Lúa e Paula (3º ESO B), entrevistaron a súa profe e titora, Andrea Nunes que xunto a outras "pandereiteiras" se uniron para homenaxear as mulleres que deron e dan voz á nosa cultura.
Este premio é moi especial porque a nosa radio "Non calamos. Radio Castro" case naceu con estes premios, que serven de impulso para continuar e facer medrar esta ferramenta educativa tan poderosa que fomenta o traballo en equipo e a creatividade.
Foi un día tamén moi intenso no que aproveitaron para facer varias entrevistas, entre elas, ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao que lle preguntaron a súa opinión sobre a importancia da radio na formación do alumnado.
Resumo do día en imaxes
Aínda que o final de curso atrasou a súa publicación, xa está dispoñible o podcast que captou a esencia da I Gala dos Premios José Hermida celebrada en maio. Nela, Lúa, Lián, Paula, Roi e Alexandra —gañadoras do Premio Xerais polo seu podcast sobre "Somos Pandeireteiras"— non se limitaron a recibir o galardón. Actuando como xornalistas que xa son, percorreron a gala co seu micrófono para rexistrar entrevistas exclusivas cos gañadores do IES Cambados e do CEIP San Clemente de César, o presentador e a presentadora do acto, ás Tanxugueiras e ao Presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
No ámbito do proxecto eTwinning "Dieta saludable interculturas", o alumnado de 1º da ESO do IES Castro Alobre realizou a gravación dun podcast para a radio do centro. Nesta emisión, os/as estudantes explicaron en detalle o traballo colaborativo realizado, centrándose especialmente en como elaboraron diversas receitas saudables. Este proxecto tivo unha dimensión internacional, contando coa participación activa de alumnado de Marrocos, Colombia e Galicia.
Entrevista realizada por Xaínza, Maguette e Erica, alumnas do Agrupamento de Lingua Galega, a Siara, traballadora de Cruz Vermella (Vilagarcía de Arousa) que no día 18 de xuño se encontrou co Equipo de Correspondentes para falar sobre persoas refuxiadas, inmigración e os prexuízos que persisten na nosa sociedade e que nos levan a situación como as que se están a vivir en Torre Pacheco.