Quen é a nosa madriña?

María Pilar Jiménez Aleixandre, nada en Madrid o 1 de maio de 1947, é escritora en lingua galega, tradutora, bióloga e académica de número da Real Academia Galega.[1]

De avoas e avós andaluces, valencianos e madrileños, naceu en Madrid en 1947. Di sentir saudade dos sitios nos que viviu, Ceuta, Doña Mencía (Córdoba)[2], e Madrid, pero dende 1973 reside en Galicia, onde adoptou o galego como a súa lingua literaria e se converteu nunha das escritoras galegas actuais con obra máis consolidada e recoñecida. É profesora da Universidade de Santiago de Compostela, onde ensina Didáctica das Ciencias Experimentais e Educación Ambiental, dende 1988.

O primeiro relato que escribiu, un conto sobre vampiros, foi o xermolo de Agardando polos morcegos. Logo viñeron A formiga coxa, a súa primeira novela de literatura infantil, e A expedición do Pacífico (Premio da Crítica de Galicia 1995).

Ademais de destacar como autora de literatura infanto-xuvenil tamén escribiu para adultos. Foi finalista do Premio Xerais de Novela en 1992 con Tránsito dos Gramáticos. En 1996 publicou o libro de relatos Lobos nas illas, sobre as difíciles relacións familiares, en 1998 a novela A compañía clandestina de contrapublicidade (Premio Álvaro Cunqueiro dese mesmo ano), e no 2001 Teoría do Caos (Premio Xerais 2001), unha novela ambiciosa e fragmentaria sobre como é posible traizoarse a un mesmo. Boa parte da súa obra narrativa está traducida ó castelán, portugués, catalán e vasco. En 2020 gañou o premio Blanco Amor por As malas mulleres.

Traduciu do inglés para o galego o poemario Muller ceiba (1996) de Sandra Cisneros, A caza do Carbairán, de Lewis Carroll (incluída na Lista de Honra do IBBY en 1997) e Harry Potter e a pedra filosofal, o primeiro volume da serie Harry Potter, no 2001, sendo ademais a responsable dos guións dos 14 capítulos da serie de banda deseñada Os Escachapedras, con ilustracións de Fran Bueno.

Como poeta participou en varias publicacións colectivas e nas actividades do Batallón Literario da Costa da Morte. En 1998 gañou o Premio Esquío co poemario Catálogo de velenos. En 2010 foi nomeada Socia de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Ten así mesmo colaboracións en diversas revistas sobre cultura e literatura: CLIJ, Festa da Palabra Silenciada, Dorna e El Signo del Gorrión. Así mesmo é autora de obras sobre o ensino das Ciencias.

Foi elixida académica de número da Real Academia Galega no pleno do 9 de xullo de 2016,[3] pronunciando o 14 de xaneiro de 2017 o discurso de ingreso "Voces termando da paisaxe galega", respostado por Fina Casalderrey.

O 28 de marzo de 2017 foi escollida tesoureira da Real Academia Galega.