Decotío... sopa de letras!

No curso 2018-2019 o tema do PDI promovido desde a biblioteca escolar será 

A ALIMENTACIÓN E O ECOLOXISMO.

Alimentación, consumo responsable e ecoloxismo serán o fío condutor do traballo documental, as actividades de animación á lectura e as actividades de formación de usuarios/as que se leven a cabo no colexio ao longo do curso. Mantemos igualmente o cine, traballado o curso anterior, como un dos recursos fundamentais a potenciar na busca e tratamento da información.

QUE É UN PDI?

PDI: Traballos de investigación cos que alumnado afonda nun tema concreto ao tempo que se familiariza e/ou pon en práctica estratexias de busca de información e traballo documental, usando os recursos ofertados pola biblioteca escolar.

Un PDI é un Proxecto porque persegue un fin. Temos un plan para aprender algo sobre un determinado tema no que, procuraremos que se reúnan varias materias. Esa aprendizaxe é significativa, o alumnado participa activamente, é o protagonista do proceso.

Un PDI é Documental porque ten tres fases:

1. Recollida de información (documentación)

2. Tratamento da información recollida (análise e reflexión)

3. Produción (produto, obra final)

Un PDI é Integrado porque implica coñecementos e contidos de diversas áreas de coñecemento, así como o uso de materiais diversos, de ficción, de non ficción, escritos, audiovisuais, orais... Poñemos o acento nos procedementos pero tendo moi presentes os contidos. 

Desde a BBS propoñemos:

1. Usar a alimentación e o ecoloxismo como temáticas que nos permitan investigar, reelaborar información e crear producións propias en diferentes formatos: receitas, pratos de cociña, dramatizacións, murais, contos, xogos de rol, programas de radio, montaxes audiovisuais...

Este curso optamos por traballar o PDI por medio de obradoiros de creación e manipulación nos que o alumnado participará en grupos interniveis de 1º a 6º de Primaria. Adicaremos dúas sesións semanais entre outubro e xuño ao desenvolvemento dos obradoiros. Cada trimestre ofertaremos un mínimo de catro obradoiros, coordinados por dous mestres. O alumnado participará en cada obradoiro durante dúas sesións.

2. A maiores do tempo semanal adicado conxuntamente ao PDI, cada curso poderá levar a cabo investigacións e tarefas relacionadas co tema do PDI e buscaremos que as celebracións e conmemoracións do centro teñan como fío condutor a alimentación, o consumo responsable a o ecoloxismo. O obxectivo é que todo o traballo que se leve a cabo conxuntamente e en cada grupo sexa sempre curricular e avaliable.