Dende 1964

E xa van máis de 50!

Como pasa o tempo! Hai máis de 50 anos que Juan e Manola continuaron o camiño iniciado por Antonio García e Herminia en (O Catro) e Julia García e Modesto Bello (O Mosquito) e abriron o “Bar Orense”.

Canto choveu desde entón! Era o 14 de maio de 1964 cando Juan e Manola o reinauguraron, recollendo o meu anterior nome (Oriente) e o rebautizaron como "Orense" , non lles foi difícil buscarme o nome xa que eles eran de Ribadavia-Ourense. Foi a veciña carpintería Baluja quen cambiou as letras do meu nome. Isto foi, "como na película" o comezo dunha gran amizade.

Juan e Manola procedían de Ribadavia, no berce do Ribeiro, e como colleiteiros de toda a vida, a súa especialidade non podía ser outra que o viño do Ribeiro.

A rúa do Franco naqueles tempos era de terra e pedras na súa gran maioría e mesmo na praza onde se atopa o local había un transformador de electricidade. Que tempos!

Non existía o Ensanche, nin o Polígono do Tambre, nin o Xacobeo, nin os turistas, nin os peregrinos, A estación de autobuses era o edificio de Castromil na Praza de Galicia e na Alameda celebrábase a feira de gando os Xoves. Sí, eran tempos nos que pasaba o gando cara á alameda e usábanse as argollas, que aínda se poden ver nalgunha fachada para atar o gando cando os gandeiros paraban a comer ou a tomar un viño.

Canto choveu desde entón! Cantas persoas pasaron polo noso local! Sería incalculable o número de amigos e clientes que pasaron pola nosa casa. O certo é que nestes 50 anos atendemos a 3 xeracións de familias (xa veñen os netos dos nosos primeiros clientes), amigos de todo o mundo, de toda clase social, relixión, política e condición. Que reconfortante!

Lembramos aqueles tempos dos 60, cando empezabamos, cuan difícil era facer a travesía en coche ou camión ata Ribadavia para transportar os barrís de viño. Pero ese esforzo valería a pena. As cuncas custaban 1 peseta! Os Beatles desataban a Beatlemanía polo mundo pero nós nin nos decatábamos, todo o máis oíamos falar da Orquestra Compostela e Os Linces.

Santiago era unha cidade moi pequena, pouco máis que o centro histórico, maioritariamente os veciños traballaban a artesanía, o campo, o comercio e a Universidade. Aquí nestas rúas durmíase, aquí traballábase, celebrábanse as festas da Ascensión, e do Apóstolo, etc. Todo estaba preto, Correos, Telégrafos e Telefónica estaba na Rúa do Franco, A Garda Civil e a Policía Nacional estaba en Rodrigo de Padrón e ata o circo montábase no Campo da Leña detrás da Garda Civil. Aquí había de todo, tendas de alimentación, reparación de avarías, zapaterías e quen non se acorda do Arca de Noé "Pepe Caralladas", se ata había unha funeraria na Rúa da Raíña. Estando todo tan preto, coñeciámonos todos e todos pasaban alternando ao saír de traballar cunhas cuncas de viño. No bar os clientes de toda a vida facían as súas partidas de cartas pola tarde.

Xa nos 70, lembramos como se empezaban a crear as primeiras empresas e os obreiros empezaban a ter capacidade adquisitiva. Empezábase a desenvolver o ensanche. Entón aínda circulaban coches pola Rúa do Franco, e a xente traballadora xa podía mercar coches, as cuncas valían 1 peseta.

Logo a mediados dos 70 empezaron as manifestacións de estudantes, lembro aquelas carreiras da policía á que se chamaba “os grises” e aquelas pintadas nas paredes das casas. Os bares enchíanse de xente que escapaba da policía e de paso tomaba uns viños. Os bares tiñan tocadiscos de moedas, e soaban as cancións do verán.

No ano 75 inaugúrase o hospital de Galeras e non era raro escoitar os comentarios entre os clientes das ofertas de emprego que xurdían, moitos dos clientes apuntáronse e alí xubiláronse. Que tempos! Non existían as axencias de colocación de emprego, funcionaba o boca a boca nas tabernas.

Nestes anos había moita rivalidade entre as tabernas dos barrios e as do Franco e A Raiña pero os clientes compartíanse, froito diso xurdiu unha iniciativa para xogar un partido de futbol entre os meus amigos do Bar Orense e os de O Tranquilo de Os Concheiros, os clientes e os donos de cada bar farían un equipo de futbol e alá fómonos co viño e as empanadas para xogar un domingo pola tarde ao campo do colexio Peleteiro en Teo. Que recordos, uniformados e todo!

Durante estes anos as rúas do Franco e a Raíña eran fervedoiros de xente ás horas do paseo, pola mañá sobre as 14.00h e pola tarde sobre as 20:00h a rúa enchíase de xente paseando e alternando, era tanta cantidade de xente que case che levaban en volantes. Eran tamén tempos de Tuna e recordo tamén ás 2 Marías cos seus paseos diarios. Que personaxes!.

Nos 80 creábase o Polígono do Tambre e a expansión da cidade a novos barrios, aparecen a Xunta de Galicia e o Parlamento de Galicia tamén no Obradoiro e na rúa do Franco no Pazo de Fonseca. Non podía ser doutra forma. Cantas negociacións se farían nas mesas do bar nos descansos? Quen sabe?

A xente empezaba a migrar a concellos próximos e as opcións de diversión aumentaban na cidade, de forma que o paseo foi decaendo ata desaparecer por completo, tamén influíu moito a peonalización das rúas do centro histórico. Isto provocou que a xente dos barrios non subisen ao centro como antes, pois non podían circular nin aparcar con facilidade.

Entón empezaba a mascarse no ambiente o potencial do turismo e as tabernas empezaron a converterse en restaurantes enfocados ao turismo, Juan e Manola continuaron co espíritu orixinal, é dicir un negocio familiar dedicado á venda de viño da súa propia colleita.

Tamén é nos 80 cando Santiago vólvese máis internacional coa chegada dos premios á cidade, Patrimonio Humanidade, Itinerario cultural, etc . As visitas do PAPA no ano 1982 e no ano 1989.

Nos 90 inventóuse o Xacobeo e a explosión turística. Miles de turistas e peregrinos en Semana Santa e verán substituíron aos paseos dos 70. Nesta época cambiaron moitos costumes, entre outras as do taceo e a xente optaba por beber máis cervexa e viño con denominacións de orixe embotellada. O taceo quedou relegado ás poucas tabernas que non apostaron unicamente polo turismo e apostaron pola clientela de sempre.

Nesta década a movida explota por todas as partes, a universidade está saturada con case 40.000 alumnos matriculados, os xoves e venres as rúas estaban infestadas de estudantes e os locais non daban abasto co que a rúa era a alternativa. Recordo como os días de máis afluencia viña xente de toda España a coñecer a movida, viaxaban en tren, autobús, etc.

Sería a década do deseño da nova cidade coas grandes construcións e as grandes firmas de arquitectura como o Auditorio de Galicia, o Centro Galego de Arte Contemporánea, Parque de Bonaval, Cidade da Cultura, Parque de Belvís, etc. Co 2000 parecía que se ía a acabar o mundo co cambio de milenio, pero obviamente non foi así, a década do 2000 se que trouxo cambios, por exemplo nin máis nin menos que a desaparición da peseta, a chegada do Euro (miúdo balbordo) había que volver aos céntimos, quen o diría? Tamén chegou este ano o nomeamento como Cidade Europea da Cultura.

Logo teriamos o Xacobeo 2004 e despois do Xacobeo empeza a decaer a movida, Santiago que era unha cidade universitaria de referencia empeza a quedar sen estudantes ata chegar á metade nos tempos actuais, o turismo baixa pola crise e toca renovar a hostalería, a moda xa non é comer con mantel 1º 2º e sobremesa, agora toca o picoteo, As racións e os locais “low cost”. Como cambian os tempos!

Nós ahí seguimos, cos nosos amigos e clientes de toda a vida, camiñando pasiño a pasiño e ofrecendo as nosas cousas de sempre, coma sempre e para sempre.

Unha aperta