Contexto
O alumnado de 6º de Primaria enfróntase a un reto de investigación dentro da súa propia aula: descubrir quen cometeu un crime ficticio a través da análise de 12 pistas. Esta actividade intégrase no proxecto anual da biblioteca e fomenta a aprendizaxe significativa, a resolución de problemas e o traballo en equipo.
Xustificación
A proposta conecta cos intereses do alumnado a través dun xogo de misterio que lles permite desenvolver pensamento crítico, competencias lingüísticas e sociais. O feito de que toda a clase participe como un único grupo investigador fomenta a comunicación, a negociación e a toma de decisións colectivas. Ademais, contribúe á dinamización da aula como espazo activo de aprendizaxe.
Obxectivos
• Mellorar a lectura comprensiva e a interpretación de mensaxes en diferentes formatos.
• Desenvolver estratexias de dedución e razoamento lóxico.
• Traballar a expresión oral e escrita en lingua galega.
• Favorecer a conversa, o diálogo e o consenso como ferramenta para resolver retos.
• Promover a biblioteca e a aula como espazos de aprendizaxe colaborativa.
Competencias Clave
• CCL: Comprensión e produción de textos orais e escritos.
• CP: Razoamento lóxico e resolución de problemas.
• CD: Uso de recursos dixitais de apoio cando sexa necesario.
• CPSAA: Estratexias para aprender a aprender.
• CC: Participación activa, diálogo, respecto polas ideas dos demais.
• CE: Creatividade na busca de solucións.
Desenvolvemento
1. Cada mércores, ao longo de 12 semanas, preséntase unha pista nova na aula.
2. A pista pode adoptar diferentes formatos (texto manuscrito, imaxe, obxecto simbólico, documento encriptado…).
3. O gran grupo (toda a clase) analiza xuntos a información.4. Realízase un debate colectivo no que cada alumno/a pode achegar as súas hipóteses.
5. A clase debe chegar a un consenso sobre como encaixar esa pista na resolución global do misterio.
6. Na derradeira sesión, coa pista número 12, o grupo debe presentar a súa conclusión final: quen é o culpable e por que.
Avaliación
Instrumentos:
• Observación directa da participación e das intervencións no debate.
• Rexistro de aportacións individuais ao proceso colectivo.
• Valoración final da explicación conxunta do misterio.
Criterios de avaliación (Decreto 157/2022):
• Comprende e interpreta información en distintos soportes.
• Aplica estratexias de dedución e razoamento lóxico.
• Participa activamente en conversas, respectando as quendas e as opinións alleas.
• Coopera na construción dun discurso común para resolver o reto.
Produto final
O produto final é a resolución consensuada do misterio, acompañada dunha explicación oral e
escrita por parte do grupo, recollendo os pasos seguidos para chegar á conclusión.
Temporalización
A actividade desenvólvese ao longo de 12 sesións de 50 minutos, unha cada semana, concretamente
os mércores.