Desmontando a Prehistoria é o produto final do proxecto realizado nas aulas de 1º ESO. O alumnado traballa interdisciplinarmente as materias de Lingua Castelá, Matemáticas e Xeografía e Historia. Durante o curso deseñáronse cinco tarefas nas que se traballan os contidos das tres. Esta traballouse no segundo trimestre e o eixe vertebrador foi a lectura da obra Hermano Lobo de Michelle Paver.
A biblioteca é un dos espazos onde se implementan, un laboratorio de aprendizaxe onde o alumnado aprende a seleccionar información e a traballar con ela para transformala en coñecemento. Dentro do programa de formación de persoas usuarias da biblioteca, o alumnado de 1º ESO aprende como é e como funciona a biblioteca. Ademais de coñecer o espazo, achégase aos seus recursos e adquire estratexias para buscar acceder a eles.
Este proxecto sintetiza a formación que foron adquirindo durante meses na biblioteca escolar. Despois de familiarizárense cos fondos da biblioteca e descubrir a pontencialidade dos libros de non ficción convértense en creadores de contido a partir da lectura guiada dunha novela.
O punto de partida de Desmontando a prehistoria é a lectura de Hermano Lobo de Michelle Paver, novela ambientada na prehistoria. A reflexión inicial parte do tipo de lecturas que nos ofrece unha biblioteca; historias de ficción e libros informativos (de non ficción).