Este proxecto nace no curso 2024/25 tras conversas arredor da posibilidade de amosar ao alumnado os trebellos agochados no almacén do instituto, e pasa a ser un proxecto multidisciplinar que abrangue a toda a comunidade educativa do IES Illa de Ons e que ten continuidade no curso 2025/26.
“Trebellos con voz” é máis que una exposición, é unha viaxe a 1998, ano no que arrincaba o IES Illa de Ons, mostrando a tecnoloxía que se empregaba entón. Neses anos viviuse unha revolución nas tecnoloxías da información e da comunicación. Mesturábase asombro, nostalxia e emoción por un futuro dixital. A telefonía móbil consolídase, conviven casetes e CDs, aparece Windows 98, Internet Explorer, nace o buscador Google e comezan os primeiros videoxogos 3D. Moitos deses trebellos que formaron parte da nosa vida están presentes na exposición. Gustaríanos que toda a comunidade gozase da experiencia de visitar Trebellos con voz e cando menos que o alumnado se achegue a estes trebellos con curiosidade, que sempre é un bo punto de partida.
Fase I: Montaxe e inauguración da exposición (curso 2024/25)
Fase II: Ampliación e mellora da exposición. Actividades a prol do uso do galego nas TIC (curso 2025/26 e posteriores)
“Trebellos con voz” pretende que a lingua galega sexa unha ferramenta de comunicación moderna e válida no mundo das tecnoloxías da información e da comunicación.
Está iniciativa implica a todo o alumnado de 1º a 4ª da ESO, apostando polo traballo cooperativo entre estudantes de diferentes idades e niveis, promovendo a aprendizaxe entre iguais. No proxecto participa gran parte do profesorado dos distintos departamentos: Debuxo, Bioloxía e Xeoloxía, Lingua Galega, Xeografía e Historia, Pedagoxía Terapéutica, Matemáticas, Música e Tecnoloxía; así como persoal non docente e antigos membros da comunidade educativa.
Traballando en colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua Galega, Polos Creativos e Biblioteca Escolar, prográmanse actividades a desenvolver no curso 2025/26 por trimestres en todos os grupos.