Cada 8 de marzo conmemoramos o Día Internacional da Muller. Este curso escollemos como temática Mulleres nas Artes, co obxectivo de destacar o papel fundamental que tantas creadoras tiveron (e teñen) na construción da nosa cultura, e reparar o silencio que invisibilizou este papel durante séculos.
Pero, por que se di que as mulleres foron (e son) silenciadas nas artes?
En moitos museos tradicionais, as obras de mulleres artistas están drasticamente infrarepresentadas: por exemplo, menos do 1 % das obras da colección permanente da National Gallery (Reino Unido) son de mulleres, e en moitos casos as percentaxes en exposicións e adquisicións son tamén moi baixas.
Segundo a entrada da Wikipedia para o Countess Report, as mulleres representan só o 30-34 % dos artistas expostos en grandes museos e galerías en varios contextos internacionais — e nalgúns casos estas cifras descenderon co paso do tempo.
Estes números reflicten un patrón que persiste: as institucións foron histórica e estruturalmente orientadas cara á visibilidade de artistas masculinos, deixando fóra a moitas creadoras.
Por outra banda, ao longo da historia as mulleres apareceron como obxectos de arte (musas, modelos, figuras idealizadas), pero non sempre foron recoñecidas como creadoras activas. Esta separación entre “musa” e “artista” contribuíu a invisibilizar a súa aportación. Esta dualidade é crucial para entender por que moitos nomes femininos quedaron excluídos ou pouco lembrados nas narrativas dominantes.
Por iso, durante esta semana queremos dedicar cada día a unha muller proposta polos distintos departamentos da escola, pertencentes a diferentes ámbitos artísticos. Con esta iniciativa buscamos non só lembrar nomes propios, senón tamén fomentar o pensamento crítico e a educación en igualdade.
Sen elas, a historia da arte está incompleta.
Alemán: Hito Steyerl
Nada en Múnic en 1966, Hito Steyerl é unha das artistas máis relevantes da escena internacional contemporánea. Formada en cinema documental, desenvolveu unha práctica artística que combina vídeo, ensaio, teoría crítica e instalación.
A súa obra analiza como circulan as imaxes no mundo globalizado e como estas están atravesadas por relacións de poder, control e desigualdade. Nun contexto dominado pola tecnoloxía, a vixilancia e a sobreprodución visual, Steyerl cuestiona quen produce as imaxes, quen as consome e quen queda fóra do encadre.
Obras como How Not to Be Seen: A Fucking Didactic Educational.MOV File (2013) ou Factory of the Sun (2015) mesturan humor, crítica política e estética dixital para reflexionar sobre o capitalismo tecnolóxico e a cultura visual contemporánea.
A súa traxectoria demostra como a arte pode converterse nunha ferramenta de análise crítica do presente.
Para afondar:
Info sobre a artista (español).
Exposición en México: Detrás de… Circulacionismo (inglés, sub. español).
Exposición: I will survive (alemán).
Podcast: cuatro episodios sobre sus obras (alemán).
Su obra How not to be seen explicada por Hito Steyerl (inglés).
How not to be seen, versión completa (inglés).
Español: Maruja Mallo
Nada en Viveiro (Lugo) en 1902, Maruja Mallo foi unha das grandes figuras da vangarda artística española do século XX. Formou parte da Xeración do 27 e mantivo relación con intelectuais do movemento, nun contexto cultural dominado maioritariamente por homes.
A súa primeira etapa estivo marcada por escenas festivas e populares, como La verbena, cheas de dinamismo e modernidade. Co paso do tempo, a súa pintura evolucionou cara a un surrealismo moi persoal, caracterizado por formas xeométricas, simbolismo e unha forte presenza da figura feminina.
Tras o estalido da Guerra Civil, marchou ao exilio en América Latina, onde continuou a súa traxectoria artística durante décadas. O seu recoñecemento institucional chegou tarde, como ocorreu con moitas creadoras do seu tempo.
Hoxe é considerada unha das artistas máis relevantes da arte do século XX e un referente imprescindible para comprender a vangarda.
Para afondar:
Biografía (español).
Podcast: vida e obra (español).
Documental: Las Sinsombrero (español).
Canción de Sabela Ramil adicada á artista (galego).
Exposición no Museo Reina Sofía (español).
Francés: María Casares
María Casares naceu na Coruña en 1922, filla do político republicano Santiago Casares Quiroga. Co estalido da Guerra Civil, a súa familia exiliouse en Francia, país no que ela desenvolvería toda a súa carreira artística.
Formada como actriz en París, destacou axiña pola súa forza interpretativa e pola intensidade da súa presenza escénica. Converteuse nunha figura esencial do teatro francés e traballou en montaxes de gran relevancia, ademais de participar no cinema, onde é especialmente lembrada polo seu papel en Orphée (1950), de Jean Cocteau.
A súa traxectoria estivo marcada polo exilio, pero tamén pola excelencia profesional e polo recoñecemento do público e da crítica en Francia. María Casares é hoxe unha figura esencial para comprender os vínculos culturais entre Galicia, España e Francia no século XX.
Para afondar:
Biografia (galego).
Biografía - ministerio de inclusión (español).
Trailer do filme documentário La mujer que vivió mil vidas (español).
Entrevista a Maria Casares sobre Albert Camus (español).
Vídeo do ensaio de Medeia (francés).
Galego: Guadi Galego
Nada en Cedeira en 1974, Guadi Galego é unha das artistas máis destacadas da música galega contemporánea. Comezou a súa traxectoria en proxectos colectivos, pero axiña consolidou unha carreira en solitario cunha identidade artística moi definida.
A súa música combina pop, tradición, experimentación e unha coidada dimensión poética nas letras. Ao longo dos anos, construíu un universo sonoro persoal no que a lingua galega ocupa un lugar central.
Ademais do seu talento musical, Guadi Galego converteuse nun referente cultural pola súa coherencia artística e polo seu compromiso coa visibilización das mulleres no ámbito musical, historicamente marcado tamén pola desigualdade.
A súa traxectoria demostra que a creación en galego é contemporánea, diversa e internacional.
Para afondar:
Biografía (galego).
Canción As Matriarcas, homenaxe ás mulleres da súa vida (galego).
Podcast Música e compromiso (galego).
Entrevista El faro (español).
Inglés: Amy Sherald
Nada en 1973 nos Estados Unidos, Amy Sherald converteuse nunha das voces máis relevantes da pintura contemporánea actual. A súa obra céntrase principalmente no retrato, un xénero historicamente asociado ao poder e á visibilidade social.
Sherald representa persoas afroamericanas en escenas cotiás ou solemnes, utilizando tons grisáceos para a pel e cores planas moi intensas nos fondos e na vestimenta. Este recurso estilístico rompe co realismo tradicional e subliña que a identidade é tamén unha construción cultural.
En 2016 gañou o Outwin Boochever Portrait Competition da National Portrait Gallery, e en 2018 realizou o retrato oficial de Michelle Obama, unha obra que acadou enorme repercusión internacional.
A súa pintura amplía o canon artístico e cuestiona quen merece ser retratado e lembrado.
Para afondar:
Biografía (inglés).
Biografía (español).
Amy Sherald en Everyday Icons (inglés).
Obra (inglés).
Entrevista para Art Papers (inglés).
Italiano: Maria Lai
Nada en Ulassai en 1919, Maria Lai foi unha das artistas italianas máis singulares do século XX. A súa obra caracterízase polo uso do fío, o tecido e os libros cosidos como elementos centrais dunha linguaxe poética e simbólica.
Lai reinterpretou técnicas tradicionalmente vinculadas ao ámbito feminino e doméstico, transformándoas en arte conceptual contemporánea. O seu traballo conecta memoria, identidade e territorio, cun forte vínculo coa súa terra natal.
En 1981 levou a cabo Legarsi alla montagna, unha intervención artística pioneira na que implicou toda a comunidade do seu pobo, unindo casas e habitantes cunha longa cinta azul. Esta acción é considerada unha das primeiras obras de arte relacional en Italia.
A súa traxectoria demostra como o íntimo pode converterse en colectivo e como a tradición pode dialogar coa vangarda.
Para afondar:
Obra: Los diarios del alma (español).
Fundación Maria Lai (italiano).
Fragmento dunha obra en Attraverso i fili d’arte (italiano).
Vídeo Il filo e l'infinito (italiano).
Portugués: Conceição Evaristo
Nada en Belo Horizonte en 1946, Conceição Evaristo é unha das escritoras máis relevantes da literatura brasileira contemporánea. Procedente dun contexto humilde, compaxinou traballo e estudos ata consolidar unha sólida traxectoria académica e literaria.
A súa obra —que inclúe novela, relato curto e poesía— céntrase nas experiencias da poboación negra no Brasil, especialmente das mulleres. A través dunha escrita profundamente lírica e política, aborda cuestións como a desigualdade social, o racismo, a memoria e a identidade.
Evaristo acuñou o termo escrevivência, unha combinación de “escrita” e “vivencia”, para definir unha literatura que nace da experiencia persoal e colectiva. Entre as súas obras máis coñecidas está Ponciá Vicêncio (2003), traducida a varios idiomas.
A súa voz amplía o canon literario en lingua portuguesa e reivindica a centralidade de historias tradicionalmente silenciadas.
Para afondar:
Biografía (portugués).
Entrada na Wikipedia (portugués).
Explicación de escrevivência (portugués).
Vídeo: escrevivência (portugués).
O 25-N é o día no que reflexionamos sobre a eliminación da violencia contra as mulleres. Desde o equipo da EOI de Santiago, este ano queremos mirar máis alá do evidente e centrarnos nunha realidade complexa: as violencias interseccionais e o seu impacto en contextos de conflito.
Cando falamos de interseccionalidade, falamos de como se cruzan diferentes formas de discriminación –como o xénero, a orixe, a idade, a orientación, a identidade de xénero, a clase ou a discapacidade– e como esa combinación pode intensificar a violencia ou facer máis difícil o acceso á axuda. Non todas as mulleres viven a violencia do mesmo xeito, e non todas estamos afectadas polas mesmas desigualdades.
Neste sentido, a interseccionalidade chama a comprender os sistemas de opresión como forzas interconectadas que poden actuar en conxunto. Así, as mulleres atravesadas por estes distintos sistemas de opresión, poden ter aínda mais dificultades á hora de acceder a servizos de axuda, a información, a recursos…
En zonas de guerra ou emerxencia, esta desigualdade vese multiplicada: a violencia de xénero utilízase como arma de guerra, as mulleres en situación de extrema vulnerabilidade sofren riscos acrescidos, e o abandono institucional ou a fraxilidade dos sistemas de protección agravan a situación. Así, os conflitos implican un aumento significativo da violencia sexual e de xénero.
Recoñecer estas realidades non nos divide: fainos máis conscientes e crea sociedades máis xustas. A igualdade real chegará cando todas as mulleres poidan vivir libres de violencia independentemente das súas circunstancias. A eliminación da violencia contra as mulleres pasa por mirar para dentro e construír desde fora.
Referencias e ligazóns de interese:
Xunta de Galicia. Guía de recursos fronte á violencia de xénero en Galicia. En liña.
Canadian Research Institute for the Advancement of Women. A Guide to Building Feminist Intersectional Solidarity. En liña.
CIG-Ensino. Propostas didácticas para traballar nas aulas de secundaria o 25N. En liña.
International Organization for Migration (IOM). Intersectional Gender Analysis Toolkit. En liña.
European Institute for Gender Equality (EIGE). Gender-based violence and crises. En liña.
Office of the United Nations High Commissioner for Human Rights (OHCHR). Women’s human rights and gender-related concerns in situations of conflict and instability. En liña.
OVS. Interseccionalidad y violencia sexual. En liña.
STEG. Ser muller, dobre tortura. Propostas didácticas para o 25N. En liña.
UN Women. Intersectionality Resource Guide & Toolkit. En liña.
United Nations Children’s Fund (UNICEF). Gender-based violence in emergencies. En liña.