As redeiras son mulleres ("artesás do mar") que se dedican á confección, reparación e mantemento das redes de pesca e outros aparellos mariños.
Non hai un tempo concreto que marcase o inicio do traballo das redeiras, pero a súa labor de arreglar redes é tan antiga como a propia pesca en Galicia, sendo un oficio tradicional e fundamental dende hai moitas xeracións para a subsistencia da poboación mariñeira.
Tradicionalmente eran as mulleres dos mariñeiros as que, cando os barcos chegaban a porto, ocupábanse deste labor como unha contribución co seu traballo á economía familiar, sen recoñecemento formal. Era pois unha tarefa que se realizaba dentro da contorna familiar e sen remuneración directa.
Nas últimas décadas, esta situación foi cambiando e o traballo profesionalizouse. Ata o punto de que na actualidade existe unha certificación profesional e é necesario recibir unha formación específica, situación que veu a substituír á aprendizaxe que se realizaba sobre a práctica e era transmitido de nais a fillas.
Datos estatísticos
Actualmente quedan 342 profesionais.
Galicia é a rexión con máis redeiras en España. Tres de cada catro redeiras son da nosa comunidade.
O 53,4% das redeiras teñen actualmente unha idade entre os 50 e 60 anos.
Os datos do relevo xeneracional son preocupantes e dan a pensar: Galicia perdeu case catro de cada dez redeiras dende o 2016.
Federación galega de redeiras artesás: O peirao
Nos últimos anos, xurdiu un movemento para reivindicar este oficio tanto desde unha perspectiva social como profesional. Xurdiron asociacións que tamén traballan para:
- mellorar as condicións laborais
- difundir o oficio
-animar aos mozos a incorporarse á profesión
-formar novas xeracións de redeiras.
Diversificación do traballo
Na súa procura dun complemento aos seus ingresos, algunhas destas artesás comezaron a crear produtos a partir de anacos de rede e outros materiais reciclados empregados no seu oficio, como pequenas bolsas, obxectos decorativos e outros artigos tanto para o mercado local como para a venda como recordos locais.