PRAIA DAS CUNCHAS

Mostraxe 2019

TIPO DE OBXECTOS RECOLLIDOS

Nada máis chegar á praia é moi sinxelo identificar a presenza dalgúns grandes obxectos como poden ser: táboas de palets, caixas de peixe, anacos de persiana, boias de pesca e marisqueo, cabos que se contabilizan no ítem correspondente segundo a súa natureza. (Ver a reportaxe fotográfica).

Os obxectos máis frecuentes recollidos nesta praia son materiais cerámicos e de alfarería (1.407 obxectos) que acadan o 39,5% do total; quedaron parte deles sen recoller xa que era prácticamente inviable levalos todos. A maioría son restos de materiais de construción procedentes, con toda seguridade, dunha escombreira próxima e do camiño que bordea a praia. Estos feitos lévannos a pensar que a praia das Cunchas continuará a ter moitos materiais deste tipo durante un tempo prolongado a menos que haxa unha intervención importante da administración competente para retirar todos estos restos da beira do mar.

Tamén son moi frecuentes os vidros (1.230 obxectos), o 34,6% do total. A meirande parte, pequenos fragmentos moi desgastados debido á acción do mar. Este último feito indícanos que deben de levar moito tempo na praia.

É significativa a presenza de restos plásticos (708 obxectos), un 19,9% do total. Neste ítem son moi frecuentes o restos procedentes de actividades de pesca e cultivo do mexillón: fragmentos de polispán (401 obxectos), restos de cabos, palillos (22 obxectos). Tamén son importantes os plásticos procedentes da navgación e da actividade turística (botellas, bolsas, tapóns, envases de alimentos…)

En menor proporción atopamos: madeira (89 obxectos), un 2,5 % do total; residuos hixiénico-sanitarios (40 obxectos), 1,1 % do total e metais (52 obxectos), 1,5 % do total.