Eclipse solar

Resumo da actividade. Actividade interdepartamental baixo a coordinación do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía.

O ECLIPSE ANULAR DO 3 DE OUTUBRO

 

     Actividade realizada no IES de Sar na mañá do día 3 de outubro.

     Autor do artigo: Ramón Cid Manzano, profesor de Departamento de Física e Química do IES de Sar.

     A  foto  que se presenta  con este artigo foi feita polo profesor Leopoldo Bahillo Varela, do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía.

 

 

Eran as 9 h 30 min da mañán do luns e ducias de rapazas e rapazas comezaron a baixar ó patio do noso centro cos seus profesores e profesoras. Só era para mirar ó ceo, pero non era un ceo calquera.

Utizando filtros especiais dirixiron a súa mirada a unha zona do ceo situada a 23,4º sobre o horizonte. Exactamente ás 9h 38min 27s unha pequeniña mancha escura comezou a “morder” ó Sol pola súa parte superior dereita. O eclipse de Sol estaba en marcha.

Pero tampouco era un eclipse calquera. Para todos era a primeira vez nas nosas vidas que íamos asistir a un eclipse deste tipo: un eclipse de Sol anular.

Eclipse significa “desaparición” e iso é o que comezaba a ocorrer. A Lúa se estaba a interpoñer entre o Sol e nós. Isto xa explica a primeira sorpresa: como o Sol ilumina á Lúa por detrás (respecto a nós) a luz reflectida polo noso satélite non pode chegar ós nosos ollos. Por tanto, non podemos ver á Lúa aínda que a temos xusto en frente de nós. Pero nesa mañá, colocándose ela fronte ó Sol era posible “vela” desprazándose diante do astro rei.

Ben, en realidade tampouco era así. A verdade é que a Lúa se move no ceo moi de vagar, así que dificilmente poderíamos explicar como nun curto espacio de tempo estabamos a ver como avanzaba rapidamente diante o Sol. A reposta é que somos nós quen sobre un enorme vehículo –o noso planeta- estamos xirando a uns 1500 km/h diante da Lúa e o Sol. É ese movemento de rotación da Terra o que permite que esteamos a ver o eclipse. É como se imos nun coche e un edificio que está en fronte de nós “comeza a eclipsar” a outro que está máis atrás. É o noso movemento o que permita isto pois os edificios están en repouso respecto a nós.

Pero hai que estar sobre a superficie terrestre nun lugar moi concreto para que durante a rotación do planeta esteamos na posición axeitada tendo alineados á Lúa e ó Sol . De feito esa zona privilexiada era unha franxa de apenas uns 200 km de ancha. E nos tivemos a inmensa sorte de estar colocados dentro dela.

Pero hai máis. Para que un obxecto oculte exactamente a outro respecto ós nosos ollos é preciso que haxa a mesma relación entre as distancia de ambos a nós e entre os seus tamaños. É dicir, se dividimos a distancia Terra-Sol entre a distancia Terra-Lúa obtemos aproximadamente 400. Se dividimos o diámetro do Sol entre o da Lúa tamén obtemos 400. Esta casualidade astronómica é a que permite que os eclipses de Sol se produzan do xeito que o fan.

Seguimos mirando e nos achegamos ás 10h 50 min e case que todo o Sol esta desparecendo. Pero, ¿por que é un fenómeno tan raro? A fin de contas, a Lúa xira cada 27 días ó redor da Terra, logo podería interpoñerse entre o Sol e nós unha vez cada mes, máis ou menos. Ocorre que o plano da órbita da Lúa está inclinado respecto do plano da órbita da Terra a redor do Sol Esta é a razón de que esa interposición sexa pouco frecuente,

Hai que dicir, ademais, que a órbita da Lúa non e circular senón elíptica. As veces está máis lonxe (apoxeo) e as veces máis preto (perixeo). Xustamente ese día a Lúa estaba no punto máis alonxado respecto á Terra. Logo non era quen de tapar totalmente ó Sol. Isto fixo que o fenómenos fose aínda máis raro. Unha parte do Sol en forma de anel quedou perfectamente visible. Eran as 10h 53m 23s. Semellaban dous círculos concéntricos, e o Sol parecía “O Señor dos Aneis”.

O noso satélite tapaba o 90% da luz solar e unha claridade artificial invadía o patio. Algún calafrío se fixo presente entre os asistentes e non provocado por un efecto sicolóxico derivado desta situación tan excepcional. A verdadeira razón era que a temperatura baixara 8º C nos 3min 22 s que durou o fenómeno da anularidade.

Uns dous minutos despois, a sombra parecía escurrirse pola parte inferior esquerda. O proceso seguíu imparable ata ás 12 h 15min 49s en que todo volveu á normalidade. O Sol brilaba con toda a súa intensidade e a Lúa volvía a estar “invisible”.

Todo ocorreu en 2 h 37 min pero unha serie de casualidades xuntas nos permitiron asistir a un dos fenómenos máis fermosos que poden ser vistos. Rematou o espectáculo e houbo unha especie de sentimento de abraio por ter asistido a algo tam grandioso. En maior ou menor medida todos sabiamos que tiña siodo unha representación en sesión única e que o elevado número de casualidades que a permitiron non volverán a repetirse ata dentro de moitos, moitos anos.

Foi unha mañán de diversión e de ciencia, porque entender as cousas axuda a disfrutar moito máis delas.