Domingos Antom Garcia Fernandes naceu en Hermunde-Pol, na Terra Chá, o 21 de xaneiro de 1948. Estudou durante dez anos estudos eclesiásticos no Seminario Diocesano de Lugo. Mestre de primeiro ensino pola Escola Normal de Lugo, licenciado e doutor en Filosofía pola USC. Foi fundador da Aula Castelao de Filosofía, da cal foi portavoz e coordenador e na atualidade Membro de Honra. Foi Profesor de Antropoloxía Xeral, Historia da Antropoloxía e Antropoloxía Económica na UNED de Pontevedra. Foi profesor convidado na Universidade de Vigo en 2011, na docencia da materia de Ética e deontoloxía da comunicación audiovisual. Foi profesor convidado na Universidade de Vigo, en 2018, na materia Socioloxía: Sociedade, Cultura e Pensamento. Foi Presidente de Amig@s da Cultura de Pontevedra. Foi profesor de Filosofía e de Ética no Graduado Universitario Senior da Universidade de Vigo.
Imparte un curso de Filosofía , de carácter anual, na Biblioteca Pública de Pontevedra.
Co-autor de Antón Losada. Teoría e Praxis (1984), Reflexión sobre a vida moral (1995), A Ética na que vives (1995). Coordenador de Para umha Galiza Independente. Ensaio, testemuños, cronoloxía e documentación histórica do independentismo galego (2000). Co-participante en diversas obras colectivas.
Participou como relator ou comunicador en numerosos congresos e xornadas con temas como a filosofía marxista, os NMSA, o estatuto e as funcións da Filosofía, a problemática nacional en relación coa cuestión ecolóxica, etc. Colaborou en diferentes xornais e revistas e prologou diversos libros.
Foi colaborador asiduo da publicación trimestral Abrente e da Abrente Editora, ademais de columnista de Primeira Liña en Rede, de Diario Liberdade e de kaosenlared.net