EXERCICIOS, ACTIVIDADES E TAREFAS

Hai varias accións que podemos utilizar para aplicar os coñecementos implícitos no currículo:

Un exercicio é unha acción ou conxunto de accións orientadas á comprobación do dominio adquirido no manexo dun determinado coñecemento.

Unha actividade é unha acción ou conxunto de accións que teñen como obxectivo adquirir un coñecemento novo. Son descritivas, o alumnado aplica o coñecemento adquirido.

Unha tarefa é unha acción ou conxunto de accións orientadas á resolución dunha situación/problema, nun contexto definido, utilizando os saberes dispoñibles. Son de carácter analítico, e permiten elaborar un produto de relevancia social.

A partir do recursos educativos que proporcionan as cidades, proporemos algún exemplo de exercicio, actividade e/ou tarefas.

Exercicio sinxelo usando Plickers

Un exercicio moi sinxelo que podemos facer para avaliar un determinado estándar nunha visita fora da aula é facer unha rolda de preguntas usando Plickers.

Dun xeito moi, moi, moi resumido diremos que Plickers é unha app que permite formular preguntas con catro posibles respostas (neste caso teremos que preparalas previamente antes de sair do centro escolar), que o alumnado responderá usando unha especie de código QR que levará impreso nunha cartulina ou folio. Ao non ter pantalla dixital para proxectar as preguntas, teremos que ler as preguntas a viva voz e o alumnado usará eses códigos para respostas. Nós, co noso móbil, escanearemos eses códigos, e as respostas quedarán arquivadas na app.

Botade unha ollada a algún vídeo de YouTube como este, entenderedes mellor o que estou a contar.

Un exemplo concreto. Imaxinade que visitades unha vila de época romana cun curso de 1º ESO, e o estándar que queremos traballar é o XHB3.22.2. Analiza exemplos do legado romano que sobreviven na actualidade. Para rematar a nosa explicación (ou ben a da persoa que guíe a visita) podemos levar preparadas varias preguntas coas que avaliaremos esa saída de campo e ese estándar asociado. Por poñer un exemplo de 2 posibles preguntas:

1) Unha vila romana é :

a- Unha casa de veraneo para as persoas ricas daquela época.

b- Unha construción na que habitaba todo o ano xente rica, na que había unha zona para vivir e outra cunha explotación económica.

c- Era unha construción cuxa finalidade era puramente económica.

d- Era unha construción cuxa finalidade era relixiosa.

2) Un mosaico é:

a- Unha obra artística feita no solo das habitacións principais da vila romana, cunhas pequenas pezas chamadas teselas.

b- Unha obra artística feita no solo das habitación principais da vila romana, cunhas pequenas pezas chamadas tégulas.

c- Cada unha das pezas que forman os muros da vila, chamadas ímbrices.

d- As pinturas que decoraban as paredes das habitacións principais da vila romana.

Ao chegar a casa ou ao centro, poderemos descargar da app as súas respostas de xeito individual. Que conseguimos? Avaliamos un estándar que aparece no currículo de 1º de ESO nunha visita de campo, e ademais fomos quen de manter a atención do alumnado durante a visita a esa vila romana.