LETRAS en 3D

DEBUXAMOS LETRAS, NÚMEROS, SIGNOS E DÁMOSLLES VOLUME.

COMO SE FAI?

● Debuxa a forma da letra seguindo a rede isométrica.

● Dálle volume facendo paralelogramos.

● Escolle ben os tons para que o volume que vas construír pareza que está iluminado. Escolle unha cor e aplica:

- o ton máis claro nas caras superiores,

- un ton medio nas caras orientadas a un lado e

- un ton escuro nas caras orientadas ao outro lado.

EXERCICIO

Neste exercicio pídese que deseñes unha composición que teña como mínimo 3 caracteres (letras, números, signos,...) con volume. Podes escoller os caracteres que queiras, podes transformalos e tamén podes inventalos.

O exercicio considerarase resolto se os caracteres están ben representados en perspectiva isométrica e toda a composición ten unha iluminación coherente (que non haxa un carácter coa sombra no lado dereito e que outro a teña no esquerdo, por exemplo). Ademais, valoraranse os seguintes aspectos:

● A complexidade das formas. Os caracteres poden ter formas complexas, podemos engadirlle remates, quitarlle unha parte, estiralos,... atrévete a experimentar.

● A orixinalidade das formas. Por que non crear novos caracteres? Proba a fusionar dous que xa existan. Por exemplo, que forma tería a letra formada polas letras d e P. Por suposto, tamén podes crear os teus propios caracteres.

● Variedade da cor, do tamaño e da orientación das formas. Cada carácter ten unha cor e un tamaño distinto dos outros. Uns poden "mirar" para un lado e outros, para outro. Uns poden "estar de pé" e outros, "deitados", uns poden ser anchos e outros finos; uns altos e outros baixos.

Profundidade. Que haxa uns caracteres que tapan parcialmente a outros.

● Deseña caracteres que teñan ocos (e non esquezas darlle volume ás partes ocas).

● A complexidade das composición. Os caracteres que deseñas poden relacionarse entre si. Por exemplo, podemos unir unha letra con outra, facer que parte dunha letra atravese a outra,...

● O fondo da composición. O fondo é o que hai ao redor das figuras. En lugar de deixalo en branco, podes deseñar as túas formas apoiadas sobre unha superficie, ou diante dunha parede,... ou podes poñelas nun espazo imaxinario.

Fíxate como se poden resolver as curvas e as liñas inclinadas na rede isométrica.

Cada unha destas letras ten unha orientación
diferente da letra que ten ao seu lado.

Nesta composición podes ver letras con variedade de cor, tamaño (a letra G máis fina que as outras) e orientación.

Algunhas delas relaciónanse entre si: as letras F e T están unidas e as letras e e G están enlazadas.

Tamén hai un fondo que suxire o espazo no que se atopan as letras.

ONDE FACER O EXERCICIO?

● Se vas facer o exercicio en internet emprega unha destas dúas aplicacións:

educacionplastica.net

Triangulart - isometric graphic editor
Esta é un pouco máis avanzada que a anterior aínda que ten varias pegas. Unha delas é que está en inglés e só permite gardar o teu exercicio en formato svg (que só poderías abrir se tes o programa Inkscape). Claro que tamén podes facerlle unha captura de pantalla. En canto ás vantaxes, podes darlle á túa imaxe o ancho (map width) e o alto (map height) que queiras. Ademais, podes seleccionar as cores a medida.
Se te animas a facer o exercicio con esta aplicación segue estes pasos:
- click en Start a new canvas (empezar un novo lenzo).
- click na icona do exágono para cambiar de Landscape Orientation a Portrait Orientation.

● Se prefires facer o exercicio en papel podes pedirme papeis con rede isométrica impresa e evíochos a través do concello. Ou tamén podes imprimir unha rede isométrica das que hai pola rede.