PDI Derrubando muros
Neste curso 2025-2026, desde o CRA Ponte da Pedra, dedicamos o Proxecto Documental Integrado (PDI) á arte, e máis concretamente á arte mural presente nas rúas de Carballo. A nosa vila é un referente grazas a iniciativas como o Rexenera Fest e o programa Derrubando Muros, que transformaron Carballo nun auténtico museo ao aire libre.
Con este PDI queremos coñecer, valorar e difundir estas expresións artísticas que forman parte da nosa identidade, ao tempo que descubrimos as historias, artistas e espazos que dan vida aos murais da vila. Para comprender mellor este diálogo entre arte e contorna, tamén investigaremos a arquitectura posto que os murais interactúan con estas fachadas, reinterpretan a súa historia e transforman o modo de percorrer a vila. Cada edificio convértese nun lenzo que engade significado ao mural, e cada mural ofrece unha nova lectura da arquitectura que o sostén.