1º de Maio

Día Internacional da Clase Traballadora

A Segunda Internacional, celebrada en xullo de 1889, en París, para conmemorar o centenario da Revolución francesa, declarou o Primeiro de Maio como Día da Solidariedade Internacional dos Traballadores, unha xornada reivindicativa do movemento obreiro mundial.

"...debe organizarse unha gran manifestación internacional nunha mesma data para que os traballadores de cada un dos países demanden simultaneamente ás autoridades a limitación da xornada laboral a oito horas e o cumprimento da resolucións deste Congreso".

Tamén é coñecido como Día Internacional da Clase Obreira, Día Internacional dos Traballadores ou Día Internacional do Traballo. A razón pola que se celebra ese día é render homenzaxe aos Mártires de Chicago, un grupo de sindicalistas que foron axustizados en EEUU pola súa participación na loita á que deu lugar a folga iniciada o 1 de maio de 1886 para lograr a xornada laboral de oito horas. Debido a estes sucesos, especialmente ao ocorrido na Revolta de Haymarket, en Chicago, o 4 de maio, a celebración do Primeiro de Maio en EEUU é minoritaria; pois, para afogar o movemento socialista que tras os acontecementos de Chicago estaba moi reforzado, o presidente fixo coincidir a celebración coa do Labor Day que se celebraba en Nova York desde 1882.

Imaxe obtida en tween.es

A loita polas oito horas

Os feitos que deron lugar a esta celebración están contextualizados nos comezos da Revolución Industrial en Chicago, a segunda cidade dos Estados Unidos, o epicentro industrial. De todas partes chegaban gandeiros sen traballo e emigrantes que engordaban os suburbios da cidade.

O nacemento do movemento obreiro dos EUA veu da man da crise económica de 1882, que converteu o grupo Morgan no líder financeiro mundial, pero condenou ao paro a millóns de persoas. A taxa de paro provocou a baixada dos salarios, pola contra deu lugar ao aumento da plusvalía. Eses baixos salarios aumentaron a mortandade, pois a esperanza de vida non pasaba dos 30 anos. Por outra banda, como a unha familia proletaria lle resultaba imposible sobrevivir con eses salarios tan baixos, promoveu a incorporación das mulleres e dos nenos e nenas ao traballo, nunhas condicións terribles, xa que cobraban dúas veces menos que os homes polo mesmo traballo. O horario laboral oscilaba entre 10 e 12 horas diarias, pero podía chegar a 15, incluíndo domingos e festivos.

Como as condicións de traballo eran insoportables, o Estado, sabendo que a situación podía estoupar en calquera momento, decretou durísimas leis antiobreiras, como a prohibición de realizar folgas, baixo pena de prisión. Ante esta situación, as agrupacións obreiras decidiron unirse para teren máis forza na súa loita. Así naceu a Federation of Organized Trades and Labor Unios of the Unites States and Canada:

A historia dos obreiros asalariados de todos os países non é senón a historia da loita e a miseria constantes enxendradas pola ignorancia e a desunión”.

A reivindicación básica dos traballadores e traballadoras era a xornada laboral de oito horas. Así que, non seu cuarto congreso a Federación acordou a limitación da xornada laboral a oito horas desde o 1 de maio de 1886 e, se os capitalistas non atendían esta reivindicación, iniciarían unha folga. Así que, en 1886, o presidente dos Estados Unidos Andrew Johnson promulgou a chamada Lei Ingersoll, establecendo as 8 horas de traballo diarias. Pero a lei non se cumpriu, polo que as organizacións laborais e sindicais mobilizáronse. O movemento obreiro foi descrito como «delirio de lunáticos pouco patriotas» e a prensa atacouno duramente:

    • "As folgas para obrigar ao cumprimento das oito horas poden facer moito para paralizar a nosa industria, diminuír o comercio e frear a renacente prosperidade da nosa nación, pero non lograrán o seu obxectivo". New York Times

    • "O elemento laboral foi picado por unha especie de tarántula universal e volveuse tolo de remate: pensa precisamente nestes momentos en iniciar unha folga polo logro do sistema de oito horas". Filadelfia Telegram

    • "Os desfiles na rúa, as bandeiras vermellas, as fogosas arengas de rufiáns e demagogos que viven dos impostos de homes honestos pero enganados, as folgas e ameazas de violencia, sinalan a iniciación do movemento". Indianápolis Journal

    • "A prisión e os traballos forzados é a única solución para a cuestión social". Chicago Tribune

Convocatoria ao mitin de Haymarket. Imaxe obtida de El Salto diario

Gravado coa explosión na Revolta de Haymarket. Imaxe obtida da Galipedia.

Imaxe obtida da páxina de UGT

O 1 de maio de 1886

O 12 de abril a Central Obreira de Nova York realizou un chamamento á mobilización de todos os obreiros baixo a consigna: oito horas para o traballo, oito horas para o sono e oito horas para a casa!. O 1° de maio de 1886, 200.000 traballadores iniciaron a folga mentres que outros 200.000 obtiñan esa conquista coa simple ameaza de paro. Foi a maior folga da historia dos EEUU. Reclamaban:

      • implantación xeral da xornada de 8 horas,

      • suba de salarios,

      • recoñecemento das organizacións sindicais,

      • dereitos da muller,

      • prohibición do traballo infantil.

Pero a loita non saiu gratis. Ducias de obreiros morreron por disparos da policía. Chicago, o centro industrial, converteuse tamén no epicentro das reivindicacións. A fábrica McCornick, que seguía traballando grazas aos crebafolgas, despedira a máis de dous mil obreiros en represalia polas folgas, polo que se celebrou un mitin nas súas portas, reprimido cunha intervención policial que acabou con seis mortos e moitos máis feridos. Ao día seguinte (4 de maio) na praza de Haymarket, máis de vintecinco mil persoas asistiron a un novo mitin en protesta por esa actuación policial. Cando xa marchaban, a policía ordenou o desaloxo e, nese momento, unha bomba acabou coa vida dun deles e feriu a máis de sesenta. Entón a policía comezou a disparar indiscriminadamente e puxo fin á "rebelión de Haymarket".

Suspendéronse todas as garantías constitucionais e legais. Declarouse o estado de sitio e o toque de queda. Foron detidos todos os activistas obreiros e clausurados os seus órganos de expresión. Prohibiuse calquera tipo de reunión obreira e formáronse grupos especiais de matóns para preservar a propiedade. Torturouse a centenares de obreiros, a maioría inmigrantes (italianos, españois, alemáns, irlandeses, rusos, polacos). Detívose aos líderes do movemento obreiro. Oito sindicalistas foron acusados do asasianto do policía, cinco deles foron condenados a morte. Foron denominados Mártires de Chicago polo movemento obreiro.

A culpabilidad pola explosión foi só unha escusa para abrir un proceso contra o anarquismo. A campaña da prensa en contra do anarquismo foi ademais unha campaña xenófoba, xa que unha boa parte dos obreiros eran inmigrantes europeos e esa campaña intentaba separar o “bo traballador” nacido en EEUU do inmigrante europeo anarquista radical.

¡Á forca os brutos asasinos, rufiáns vermellos comunistas, monstros sanguinarios, fabricantes de bombas, chusma que non son outra cousa que os restos de Europa que buscou as nosas costas para abusar da nosa hospitalidade e desafiar á autoridade da nosa nación, e que en todos estes anos non fixeron outra cousa que proclamar doutrinas sediciosas e perigosas!

Grandes personalidades dos EEUU e celebridades de todo o mundo pediron clemencia para os condenados. A Cámara de Deputados francesa, organizacións obreiras do Estado italiano, francés e español, e Rusia mandaron telegramas de solidariedade cos condenados. Pero as sentenzas impostas por “un atroz odio de clase” foron executadas, cumpríndose así as palabras dos membros do xurado: “colgarémolos igualmente: son homes demasiado sacrificados, demasiado intelixentes e demasiado perigosos para os nosos privilexios”.

Poucos anos despois demostraríase que o xuízo fora unha burla e unha fraude.

Se as traballadoras e traballadores de comezos do século XX puidesen contemplar as condicións da clase traballadora de comezos do século XXI non dubidarían en recoñecer que os logros obtidos van máis alén de calquera utopía. Pero foi precisamente grazas a persoas que creron no imposíbel e loitaron até as últimas consecuencias polo que a xeración do presente goza dos seus dereitos. Porén, na actualidade, a clase obreira está a sofrer unha perda de dereitos laborais sen precedentes. O neoliberalismo refírese a esta regresión como “flexibilización”, que consiste en desregularizar o mercado do traballo: contratos, xornada, salarios e despedimentos; desprotexendo cada vez máis a clase traballadora.

A taxa do paro desde 1990 a 2020 mantense nunha media do 17%. Os contratos temporais chegaron a España en 1984, desde entón a taxa de eventualidade non deixou de medrar até situarnos á cabeza de Europa. Ante este panorama resulta fácil comprender a emigración de xente nova na procura dun posto de traballo, o retraso na idade de emancipación e a súa influencia na baixa taxa de natalidade que estamos a sofrer nas últimas décadas, que ten como resultado un envellecemento alarmante da poboación e un despoboamento do rural non menos preocupante. E, a pesar dos enormes avances no camiño da igualdade, as mulleres obtemos, nos chamados “países ricos”, un 25% menos de salario por un traballo equivalente ao realizado por un home.

Por vez primeira na historia a xeración futura ten menos dereitos que a súa proxenitora.