Historia do proletariado

O movemento obreiro

A imaxe que preside este espazo virtual é unha estrela vermella, que representa os cinco dedos da man do proletariado, polo tanto é o símbolo da clase social que nada ten, agás a súa forza de traballo: a man de obra. Neste sentido, relaciónase co internacionalismo marxista (Proletarios do mundo, unídevos!), pois as súas cinco puntas representarían os cinco continentes.

Por outra parte, as cinco puntas tamén se relacionan cos cinco sentidos, e a súa cor vermella co sangue e a vitalidade; polo que se vincula ao humanismo, é dicir, ao conxunto das disciplinas vencelladas coa cultura humana.

Arriba, retrado dunha familia proletaria galega, extraído da obra Galicia, oficio de vivir, de Gonzalo Allegue polo Departamento de Xª e Hª do IES Campo de San Alberto. Máis arriba, O cuarto estado, obra realizada en 1901 por G. Pellizza da Volpedo. Imaxe obtida da Wikipedia.

Abaixo, en primeiro lugar unha escena da película Il gattopardo, de Visconti, a partir da novela de Lampedusa. En segundo lugar imaxe dos capitalistas (accionistas e enxeñeiros) da liña de ferrocarril Barcelona-Mataró en 1848. Imaxes obtidas da wikipedia.

Por que nace o movemento obreiro?

Durante o século XIX, co desenvolvemento da industrialización, a sociedade que no Antigo Réxime se organizara en estamentos (grupos pechados aos que se pertencía por nacemento, de xeito hereditario) deixará paso ás actuais clases sociais (grupos abertos organizados segundo riqueza: tanto tés, tanto vales!). Aínda así, a sociedade de clases seguirá organizándose entre privilexiados e non privilexiados. No grupo dos privilexiados seguirá estando a nobreza, propietaria das terras, e a burguesía, propietaria dos medios de produción (capital e fábricas). No grupo dos non privilexiados seguirá estando o campesiñado, que traballa as terras que non posúe, e entrará no grupo o proletariado, que son os obreiros e obreiras que traballan para os burgueses, aos que venden a súa forza de traballo a cambio dun salario. Entre as clases altas (privilexiadas) e as clases baixas (non privilexiadas) aparecerá unha clase media formada por comerciantes, xornalistas, xuristas, docentes e funcionariado.

A Revolución Industrial virá acompañada da explotación da man de obra, é dicir dos traballadores e traballadoras, que se verán sometidos a duras condicións de vida e traballo: longos horarios (12-14 horas), baixos salarios (só para subsistir), inseguridade laboral (numerosos accidentes), inestabilidade laboral (sen contratos), desigualdade salarial (as mulleres cobran moito menos polo mesmo traballo), explotación infantil (nenos e nenas traballan desde os 6 anos), falta de hixiene nas fábricas, amoreamento de masas humanas nos arrabaldos das cidades industrializadas, vivendas sen ventilación nin servizos... Todo isto produce un embrutecemento do proletariado, tratado como bestas de carga, como animais. Nestas circunstancias, os índices de alcoholismo son alarmantes. Pero é o momento no que traballadores e traballadoras iniciarán a loita obreira, dando lugar ao nacemento de organizacións que loitarán por conseguir melloras salariais e laborais para a clase traballadora.

A ideoloxía liberal permitiu, durante a primeira metade do século XIX, o predominio da burguesía; pero, a partir das revolucións liberais de 1848, ábrese unha nova etapa caracterizada pola democracia que provocará a substitución dos principios liberais establecidos por outros novos: liberdade (para todos os homes, non só para os propietarios), igualdade (dereito ao voto para todos os homes e abolición do voto censatario), soberanía popular (en lugar da soberanía nacional). É dicir, o lema liberal "liberdade, propiedade, seguridade" deberá competir con outro máis revolucionario: "liberdade, igualdade, fraternidade".

O liberalismo económico ou capitalismo

Durante a primeira revolución industrial o liberalismo político definiu un modelo de estado. En 1776, Adam Smith, coa súa obra A riqueza das nacións, definiu un modelo de economía baseado no liberalismo: o capitalismo. O obxectivo da súa obra era atopar a mellor maneira de enriquecer o Estado, pero a conclusión á que chega é que a mellor maneira de enriquecer o Estado é o enriquecemento dos individuos. Polo que a súa tese será que "cando un traballa para si mesmo serve á sociedade con máis eficacia que se traballa para o interese social". Polo tanto, a intervención do Estado é inútil, todo está rexido pola lei da oferta e da demanda (a man invisible que dirixe o mundo económico). O que non contempla Adam Smith, a pesar de ser un feito habitual nas sociedades humanas, é que a riqueza está mal distribuída, en consecuencia riqueza individual e colectiva non coinciden; polo que o capitalismo desde o seu inicio consagra unhas inxustas desigualdades que lonxe de seren eliminidas perpetúanse e acentúanse ciclicamente a través de cada nova crise das que se nutre o sistema capitalista para seguir medrando.

Por outra banda, a doutrina do "laissez-faire", que glorifica a liberdade, defende que a persoa traballadora elixe libremente o seu traballo, que a persoa traballadora desprázase (migra) libremente na procura de traballos mellores e que os contratos ou acordos entre patróns e obreiros/as son libres. O que non contempla esta doutrina é que o dereito á liberdade non se corresponde co propio feito da liberdade, pois, cando un burgués concerta un traballo cun obreiro, ambos se atopan en situacións ben diferentes, non parten dunha situación de igualdade e a escolla da persoa traballadora está sempre condicionada polas súas necesidades; en consecuencia, sen igualdade non hai liberdade.

No sistema capitalista, ética e economía separáronse até o punto de que Malthus condena por perxudicial para a sociedade a asistencia por parte do Estado aos máis necesitados. Os donos do capital despreocupáronse dos problemas sociais xerados pola industrialización, grazas á cal medraba a súa riqueza individual, pero non o ben común.

Que é o movemento obreiro?

Ao conxunto de manifestacións reivindicativas colectivas, así como as novas ideoloxías, protagonizadas polo proletariado coa finalidade de mellorar a súa situación laboral, social e política, chámaselle movemento obreiro.

Este movemento gañou máis ou menos forza, segundo o grao de desenvolvemento industrial dos distintos países. De aí que os primeiros movementos de masas de carácter obreiro tiveron a súa orixe en Inglaterra, por ser pioneira na industrialización, e producíronse no paso da manufactura á máquina. Mentres o traballo artesanal dos gremios preindustriais reflectía o saber facer do artesán, o traballo industrial deshumanizaba o obreiro/a. O uso das máquinas levou a unha descualificación das persoas traballadoras, que non poden ascender nin mellorar a súa condición, que carecen de vínculos persoais cos donos das fábricas que os contratan, que ven aumentar a súa xornada laboral e deben competir con outras persoas traballadoras para manter o posto de traballo. Por todo isto, o movemento obreiro nace coa destrución de máquinas (Ludismo) e o societarismo (Trade Union, primeiras asociacións de carácter sindical). Máis tarde, organizados arredor da ideoloxía marxista, xurdiron partidos políticos obreiros fundamentais para desenvolver a acción política e social.

Símbolos e instrumentos da loita obreira

Símbolos da clase obreira

Fouce e martelo

Símbolo que representa a unión dos traballadores e traballadoras. Desde o século XIX foron usados polo movemento obreiro: a fouce representa o campesiñado e o martelo ao proletariado industrial. Úsase para representar o comunismo.

Instrumentos de loita obreira

Himno

A Internacional

É o himno internacional do proletariado. A súa letra orixinal foi escrita por Eugène Pottier, obreiro da Comuna de París (1871). A música compúxoa Pierre Degeuter, outro obreiro.

A súa letra sofre modificacións segundo quen se sirva dela (anarquistas, comunistas ou socialistas...).


Como himno da clase obreira internacional, foi traducida a numerosísimas linguas. A versión galega foi confeccionada en 1969 por Henrique Harguindey, tamén en París.

Imaxe obtida de Nós Diario

En pé os escravos da terra,

en pé os que non teñen pan;

a nosa razón forte berra,

o triunfo chega en volcán.

Crebemos o xugo do pasado,

pobo de servos, ergue xa,

que o mundo vai ser transformado

e unha orde nova vai reinar.

Axuntémonos todos,

é a loita final,

o xénero humano

forma a Internacional. (bis)

Non hai salvadores supremos,

nin rei, nin tribuno, nin deus,

temos que salvarnos nós mesmos,

o Pobo Traballador.

Para que nos devolvan o roubado,

para derrubar esta prisión,

batamos no lume sagrado,

ferreiros dun mundo mellor.

Axuntémonos todos,

é a loita final,

o xénero humano

forma a Internacional. (bis)