Benvida

Benvidas e benvidos a esta Exposición Virtual de Arte Filosófica realizada polo alumnado do IES Salvaterra de Miño. Neste curso 2020-2021, a VIII Olimpíada Filosófica de Galicia propuxo aos institutos de Galicia un reto: facernos reflexionar filosoficamente sobre a relación que hai entre dous conceptos de gran actualidade. O lema desta Olimpíada era "LIBERDADE OU SEGURIDADE?".

Dende o IES Salvaterra de Miño aceptamos o reto e durante o mes de xaneiro do 2021, o alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato traballou arreo para estudar e debater acerca das problemáticas que implican estes conceptos, propoñendo diversas perspectivas dende as que se pode reflexionar sobre eles. Do alumnado de 2º de Bacharelato tamén se animaron a participar dúas alumnas, e con moi bo resultado!

As modalidades de participación nesta Olimpíada foron a fotografía filosófica, a curtametraxe e a banda deseñada. Como non ía ser doutro xeito, participamos polas tres modalidades e enviamos un total de cinco obras por cada unha delas. A participación dos institutos de toda Galicia foi moi elevada e, tras agardar ao remate do proceso de avaliación cega das obras, levamos unha sorpresa cando vimos que obtiveramos nada menos que cinco finalistas.

As autoras das obras elixidas tiveron que realizar unha defensa telemática dos seus traballos e, salvo os nervios normais que supón ter a un xurado diante, os resultados foron moi bos: Icía Domínguez acadou o primeiro premio en curtametraxe, Sarai Estévez e Leticia Valije lograron o segundo e cuarto premio en fotografía, e Laura Pérez e Leticia Castro fixéronse co segundo e cuarto premio en banda deseñada. Agora, nas modalidades de curtametraxe e fotografía, as obras de Icía e Sarai pasarán a representar a Galicia na Olimpíada Filosófica estatal.

Unha vez que xa se publicaron aos gañadores e gañadoras da Olimpíada de Galicia, comprácenos facer público o excelente traballo realizado polo conxunto do alumnado que participou nesta tarefa. Se obtivemos tantos premios foi grazas a que o nivel foi moi alto: compromiso, traballo, creatividade, reflexión e espírito crítico a esgalla. E aquí están os resultados! Agardamos que desfrutedes destas creacións filosóficas e, sobre todo, que cumpran o seu obxectivo, que non é outro que facernos pensar.


Marta Serrapio