Cando chega o Nadal A Pobra de Trives, o frío das montañas énchese de luz, ilusión e esperanza. As rúas vístense de cores, as casas arrecenden a leña e doces, e no aire respírase unha maxia especial. É un tempo no que as tradicións espertan, no que os soños dos nenos e nenas cobran vida e no que a vila enteira se prepara para compartir alegría e agarimo.
Neste tempo tan especial queremos tamén lembrar con moito cariño a todas as persoas que viven estes días en silencio, ás que se atopan soas ou nas residencias. A vós queremos dicirvos que non estades sós: cada luz acesa, cada canción de Nadal e cada sorriso da vila vai tamén para vós. Que o Nadal vos abrace con palabras amables, compañía sincera e momentos de paz, porque o verdadeiro espírito destas datas está en sentirse querido e acompañado.
É entón cando a maxia do Nadal esperta de verdade e personaxes chegados de lugares afastados visitan a Pobra de Trives para repartir ilusión, agasallos e bos desexos entre grandes e pequenos.
Melchor, Gaspar e Baltasar chegan de Oriente guiados por unha estrela. Traen agasallos aos nenos e nenas que se portaron ben e representan a ilusión, a xenerosidade e a maxia do Nadal.
O Apalpador é un personaxe tradicional galego que baixa das montañas no Nadal. Apálpalles a barriga aos nenos para comprobar se comeron ben e déixalles castañas e algún agasallo, desexándolles saúde e fartura para todo o ano.
Papá Noel vive no Polo Norte e viaxa nun trineo tirado por renos. Na noite de Nadal entra polas chemineas para deixar agasallos, levando alegría, bondade e espírito nadalicio a todos os fogares.