Programa de Diversificación Curricular

RESOLUCIÓN do 6 de xuño de 2023, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento dos ensinos de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato no curso académico 2023/24. 

1. Para a incorporación do alumnado ao programa de diversificación curricular seguirase o procedemento establecido no punto 8 do artigo 61 da Orde do 8 de setembro de 2021, logo de realizada a avaliación final correspondente. 

A dirección do centro elevará a proposta de incorporación do alumnado ao Servizo Territorial de Inspección Educativa correspondente, xunto co resto de documentación do procedemento, antes do 13 de xullo de 2023. 

2. O alumnado que en 2022/23 cursase o segundo curso de educación secundaria obrigatoria nun programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento poderá incorporarse de xeito automático ao primeiro curso dun programa de diversificación curricular. 

DECRETO 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 22. Programas de diversificación curricular 

1. Os programas de diversificación curricular consisten nunha modificación e nunha adaptación do currículo desde o terceiro curso de educación secundaria obrigatoria e están orientados á consecución do título de graduada ou graduado en educación secundaria obrigatoria por parte do alumnado que presente dificultades relevantes de aprendizaxe e para o cal, tras ter recibido medidas de atención á diversidade nos dous primeiros cursos da etapa, se considere que é a medida máis axeitada para a obtención do dito título, nos termos que estableza a consellería con competencias en materia de educación. 

2. Os programas de diversificación curricular terán dous cursos de duración correspondentes ao terceiro e ao cuarto cursos da educación secundaria obrigatoria. 

3. O equipo docente poderá propoñer a incorporación a este programa do alumnado a que se refire o punto 1 deste artigo que se encontre nalgunha das seguintes situacións

a) Ter cursado o segundo curso da educación secundaria obrigatoria e non estar en condicións de acadar a promoción a terceiro

b) Ter cursado o terceiro curso da educación secundaria obrigatoria e non estar en condicións de acadar a promoción a cuarto. Para estes efectos, o alumnado que non poida repetir o terceiro curso poderá incorporarse ao segundo curso do programa de diversificación curricular correspondente ao cuarto curso da educación secundaria obrigatoria. 

4. Excepcionalmente, o equipo docente poderá propoñer a incorporación ao segundo curso do programa de diversificación curricular correspondente ao cuarto curso da educación secundaria obrigatoria do alumnado a que se refire o punto 1 deste artigo que teña que repetir o cuarto curso da educación secundaria obrigatoria.

5. Os programas de diversificación curricular incluirán dous ámbitos específicos: 

a) O ámbito Lingüístico e Social, que inclúe os aspectos básicos do currículo das materias de Lingua Castelá e Literatura, Lingua Estranxeira, Lingua Galega e Literatura e Xeografía e Historia.

b) O ámbito Científico-Tecnolóxico, que inclúe os aspectos básicos do currículo das materias de Bioloxía e Xeoloxía, Física e Química e Matemáticas. O currículo destes ámbitos específicos será o que se recolle no anexo III, que segue a mesma estrutura curricular das materias establecida no artigo 11. A carga horaria semanal en períodos lectivos destes ámbitos específicos será a suma da carga horaria das materias que conforman o ámbito que se establece no anexo IV. Estes programas incluirán tamén o resto de materias do terceiro e do cuarto curso da educación secundaria obrigatoria establecidas nos artigos 9 e 10 non incluídas nos ámbitos específicos, que o alumnado cursará con carácter xeral nun grupo ordinario. Para estes efectos, no cuarto curso, o alumnado só elixirá unha das materias de opción a que se refire o artigo 10.1.g), excluíndo as materias de Bioloxía e Xeoloxía, e de Física e Química, xa incluídas no ámbito Científico-Tecnolóxico. 

6. Cada ámbito específico será impartido por unha única profesora ou un único profesor con atribución docente nalgunha das materias que forman parte do ámbito. No caso de que o ámbito Lingüístico e Social sexa impartido por unha profesora ou un profesor dunha especialidade diferente á que é propia da materia de Lingua Estranxeira, deberá acreditar, polo menos, o nivel B2 do Marco común europeo de referencia para as linguas na lingua correspondente.

Sen prexuízo do anterior, por razóns organizativas, a parte do currículo correspondente á lingua estranxeira do ámbito Lingüístico e Social poderá ser impartida, de xeito independente, por profesorado da especialidade da lingua estranxeira. Neste caso, a programación do ámbito deberá realizarse de forma coordinada entre o profesorado encargado da súa docencia. 

7. Nos programas de diversificación curricular empregarase unha metodoloxía específica que lle permita ao alumnado acadar os obxectivos da etapa e as competencias clave establecidas no perfil de saída, a través dunha organización en ámbitos de coñecemento, actividades prácticas e, de ser o caso, materias, diferente á establecida con carácter xeral. 

8. A consellería con competencias en materia de educación establecerá as condicións e o procedemento que seguirán os centros docentes para a incorporación do alumnado aos programas de diversificación curricular, que requirirá, en todo caso, ademais da avaliación académica, un informe de idoneidade da medida, e realizarase logo de oídos a propia alumna ou o alumno, e contando coa conformidade das súas nais, dos seus pais ou das súas persoas titoras legais. 



Procedemento

Orde do 8 de setembro de 2021

Artigo 61 

8. O procedemento para a incorporación aos programas de diversificación curricular é o seguinte: 

a) Logo de realizada a avaliación final ordinaria, o equipo docente realizará unha proposta provisional do alumnado que se podería incorporar ao programa, o que permitirá á xefatura do departamento de orientación realizar a avaliación psicopedagóxica do alumnado proposto.

 b) Despois da avaliación final extraordinaria, o equipo docente realizará a proposta razoada do alumnado que se podería incorporar ao programa de diversificación curricular. 

c) O profesorado titor elaborará un informe individualizado do alumnado que se podería incorporar ao programa, que será remitido ao departamento de orientación e que deberá constar, como mínimo: 

1º. Da competencia curricular do alumnado en cada materia. 

2º. Das dificultades de aprendizaxe detectadas. 

3º. Das medidas de atención á diversidade aplicadas previamente. 

4º. Dos motivos polos cales o equipo docente considera conveniente a súa integración no programa de diversificación curricular. 

d) A xefatura do departamento de orientación elaborará un informe por cada alumna ou alumno, no cal se incluirán as conclusións sobre o informe do profesorado titor, as da avaliación psicopedagóxica e a opinión da nai, do pai ou das persoas titoras legais do alumno ou da alumna, e a destes mesmos sobre a medida proposta. 

e) Posteriormente, unha comisión formada polo xefe ou a xefa de estudos, que exerce a súa presidencia, o xefe ou a xefa do departamento de orientación e o profesor ou a profesora titor ou titora da alumna ou do alumno valorará os informes emitidos e a opinión, de ser o caso, da nai, do pai ou das persoas titoras legais do alumnado, e realizará unha proposta á dirección do centro sobre a súa incorporación ao programa de diversificación curricular. 

f) A dirección do centro elevará a proposta de incorporación do alumnado ao programa de diversificación curricular ao servizo territorial de Inspección Educativa correspondente, na cal se reflectirá a relación de alumnado proposto e de profesorado que vai impartir cada ámbito de coñecemento do programa, xunto co resto de documentación do procedemento. 

g) O servizo territorial de Inspección Educativa emitirá a autorización expresa para o desenvolvemento dos programas de diversificación curricular que cumpran os requisitos establecidos nesta orde, que será comunicada ao centro docente antes do inicio das actividades lectivas. 

9. Cada ámbito de coñecemento será impartido por unha única profesora ou un único profesor, pertencentes aos departamentos didácticos a quen corresponda a atribución docente das materias que forman parte do ámbito, preferentemente con destino definitivo no centro. 

10. Cada grupo do programa de diversificación curricular terá unha persoa titora, que se coordinará co profesorado titor do grupo de referencia e co resto do profesorado que imparta docencia no programa. Esta persoa será designada pola dirección do centro docente de entre o profesorado que imparta algún dos ámbitos de coñecemento do programa e exercerá, se é posible, o tempo de duración do programa. 

11. A avaliación do alumnado nos ámbitos de coñecemento que conforman o programa será continua e diferenciada, e terá como referentes os obxectivos de etapa e as competencias da educación secundaria obrigatoria.